O lanzamento produciuse no debate de política xeral, o primeiro con Alfonso Rueda como presidente e o derradeiro da lexislatura. Dentro dun paquete de múltiplas promesas de axudas directas para diversos sectores, o actual titular da Xunta anunciou un "bono" de 5.000 euros anuais para persoas en situación de dependencia grave ou severa que reciban atención no seu domicilio.
Nas semanas seguintes, tanto Rueda como a conselleira de Política Social, Fabiola García, reiteraron a promesa en diversas declaracións e encontros con persoas beneficiarias de prestacións da lei de dependencia. O 1 de decembro, cadrando coa publicación no Diario Oficial de Galicia da modificación da orde que regula esta materia, o Goberno galego emitía un comunicado no que indicaba que "a Xunta cumpre o seu compromiso e comezará a pagar o Bono Coidados no Fogar e o complemento ao Bono Residencial a primeiros de xaneiro".
"O Bono Coidados no Fogar é unha axuda de 5.000 euros anuais para todas as persoas con dependencia que son atendidas nas súas casas", indicaba o devandito comunicado. Non obstante, alén da presentación política da medida, a parte legal da cuestión, ofrecía pistas sobre a súa orixe e natureza real: non se trataba dun novo "bono" nin de 5.000 euros que se sumarán mecanicamente ás prestacións vixentes. "O 19 de xullo de 2023 publicouse no BOE o Real decreto 675/2023 (...) polo que se regulan as prestacións do Sistema para a Autonomía e a Atención á Dependencia" e dita norma, evidencia, modifica as contías das prestacións, entre outras modificacións.
O Estado aumentou os importes das axudas ás persoas dependentes que son coidadas no fogar e ao tempo a Xunta subiu o seu complemento para que "o importe total" chegue ata eses 5.000 euros ao ano, unha cifra total e non adicional ao que xa estaba vixente
Concretamente, no que atinxe ás "libranzas ou prestacións económicas para coidados na contorna familiar", a nova regulamentación estatal fixa que deben consistir nun mínimo de 100, 150 ou 200 euros ao mes en función o grao de dependencia recoñecido (I, II ou III) e nun máximo de 180, 315 ou 455. Anteriormente, os máximos estaban fixados en 153, 268 ou 387 euros.
O Goberno galego xa viña complementando nun 10% a axuda estatal para estas axudas ao coidado de persoas dependentes no seu domicilio. Agora, o fixado polo Estado increméntase e a achega adicional da Xunta tamén sobe. E faino "ata os 5.000 euros anuais para todas as persoas dependentes que cobran menos do máximo establecido polo Estado" e, "para o grao III", un 10% adicional aínda que a persoa dependente cobre o máximo estipulado polo Goberno de España.
Así, por exemplo, unha persoa que teña asignada pola norma estatal unha axuda de 315 euros ao mes (3.780 ao ano) recibirá un complemento de 1.220 euros anuais da Xunta, pouco máis de 100 euros adicionais ao mes. Trátase, daquela, de que "o importe total da libranza acade 416,66 euros" ao mes, tal e como explicita o DOG, o que dá como resultado eses 5.000 euros anuais en total, non adicionais. A orde fixou tamén un período transitorio polo que, o pasado decembro, realizou un "pagamento único" para "dar cumprimento" ao fixado polo Estado e pagar retroactivamente as libranzas coas novas contías dende o 1 de agosto e ata o remate de 2023.
Malestar das traballadoras sociais: "Non se pode enganar así"
O Colexio de Traballo Social pide á Xunta que "retire" a publicidade do bono e "explique o que é". As profesionais lamentan que o Goberno galego cree nas persoas dependentes e as súas familias "expectativas" que non se corresponden coa realidade
Non se trata, daquela dun novo bono de 5.000 euros, senón que eses "ata 5.000 euros" -como indica a orde do DOG- son o resultado da actualización das cantidades por parte do Estado e a súa repercusión no complemento da Xunta. A cantidade exacta depende da axuda que teña asignada cada persoa. Tomando o mesmo exemplo, unha persoa en situación de dependencia en grao II con este tipo de atención verá incrementada a achega autonómica nuns 700 euros anuais a respecto do que cobraba antes.
Con este pano de fondo, a Xunta dispúxose a publicitar as devanditas mudanzas normativas cunha ampla campaña en varios medios de comunicación e nas redes sociais sobre o Bono Coidado no Fogar, ao que se refería como unha "axuda directa de 5.000 euros ao ano para o coidado na casa das persoas con dependencia recoñecida". "Sexa cal sexa o nivel de renda, sexa cal sexa o grao de dependencia: mesmo importe para todos igual", engadía, para despois engadir instrucións sobre "como se solicita" nas que, non obstante, xa deixaba entrever que "se xa se recibe actualmente a axuda libranza na contorna familiar" simplemente se actualizarían os importes, toda vez que se trata da mesma prestación, pero cun novo nome.
O xeito en que foi presentado o cambio causou especial malestar no Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG). Entre outros aspectos, por observar que o Goberno galego envolveu "unha actualización que vén dada pola lei estatal", explica a Praza.gal o coordinador do COTSG, David Gontán, dun xeito que crea nas persoas dependentes e nas súas familias "expectativas" que non se corresponden coa realidade. "Non se pode enganar así á xente", lamenta, co que a responsable de dependencia do Colexio, Cristina Díaz, sinala directamente como "publicidade enganosa", declarou á Cadena SER.
Rueda reduce as protestas a que "os partidos da oposición están moi enfadados con esta medida" mentres "a xente que a está recibindo agradécea moito". A conselleira reitera que se trata dunha axuda "nova" e "universal" que "non existía" ata agora
O persoal de traballo social, relata Gontán, soubo do anuncio a través "da publicidade a Xunta, como calquera usuario" e "cando chegamos aos nosos postos de traballo" comezou o aluvión de "xente preguntando" ao crer que era posible optar a unha axuda adicional de 5.000 euros. Foi por iso que, xa o pasado decembro, a presidenta do COTSG, Miriam Rodríguez, se dirixiu formalmente ao departamento que dirixe Fabiola García a través dun escrito para, sinala Gontán, reclamar que "retiren o cartel e expliquen o que é en realidade" e que "non é un bono" de nova creación, ademais de para solicitar información precisa e despois trasladala ás persoas usuarias. As mesmas indicacións do anuncio seguen figurando no web oficial da Consellería.
Pero ata agora, lamentan, non houbo "ningunha reposta por parte da Xunta" mentres "somos os profesionais os que temos que tirar para atrás as expectativas creadas pola Xunta". "Nós explicamos que isto non é así e dinche: como non vai ser, se eu o vin nun anuncio da Xunta", ilustra. Agrega Gontán que, fronte á ausencia de respostas por parte do Goberno galego, o COTSG si foi recibido pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que "se encargará de promover unha mesa de coordinación" coa Xunta. Paralelamente, o Colexio ten en marcha a campaña #MáisServizosMenosBonos na que "instan a Xunta a buscar unha solución estrutural" á atención á dependencia.
O Executivo, pola súa banda, resta importancia ás críticas. Preguntado ao respecto, o presidente Rueda respondía o pasado xoves que, "con todas as cousas que haxa que axustar", esta é "unha medida novidosa" e "os usuarios xa están vendo a diferenza entre recibir esa axuda da Xunta e recibir antes unha contía moito menor" Para o tamén candidato do PP, todo que se reduce a que "hai xente que se enfada", concretamente a que "os partidos da oposición están moi enfadados con esta medida", o que supón "falar moi mal dunha medida que a xente que a está recibindo agradece moito".
A conselleira García, pola súa banda, reiteraba este venres que "claro que é unha axuda nova", un "bono universal" que "non existía". "Non había ningunha axuda nin prestación deste tipo, con independencia" da "capacidade económica" das persoas receptoras e por iso é "nova" e "beneficia a moita xente", engade a titular de Política Social.