Galicia dispón de 22.865 prazas en residencias de maiores, tres de cada catro de tipo privado e só un 25% de carácter público ou concertado
Galicia dispón de 22.865 prazas en residencias de maiores, tres de cada catro de tipo privado e só un 25% de carácter público ou concertado. A cifra é cativa, sobre todo se temos en conta que no país residen máis de 700.000 persoas de máis de 65 anos. Así, hai apenas 3,3 prazas por cada 100 persoas maiores de 65 anos. Son as cifras actualizadas en setembro de 2022 polo Laboratorio Envejecimiento en Red, dependente do CSIC, que serven para comparar a situación dos distintos territorios do Estado.
Esa ratio de 3,3 prazas por cada 100 posibles usuarios e usuarias sitúa a Galicia por debaixo da media estatal (4,2 prazas) e na posición 12ª entre as 17 comunidades autónomas. Galicia só mellora os datos de Andalucía, Comunidade Valenciana, Baleares, Murcia e Canarias, rexións todas elas cunha poboación moito máis nova. Ademais, Galicia sitúase por debaixo do límite recomendado pola OMS (5 prazas por cada 100 persoas de máis de 65 anos)
Galicia é a terceira comunidade autónoma cunha maior porcentaxe de poboación maior de 65 anos, cun 26,1%, só por detrás de Asturias (27,2%) e Castela e León (26,2%). Porén, a ratio de prazas nestes dous territorios é moi superior ao galego: 5,5 en Asturias e 7,7 en Castela e León
Galicia é a terceira comunidade autónoma cunha maior porcentaxe de poboación maior de 65 anos, cun 26,1%, só por detrás de Asturias (27,2%) e Castela e León (26,2%). Porén, a ratio de prazas nestes dous territorios é moi superior ao galego: 5,5 en Asturias e 7,7 en Castela e León, que encabeza a lista e máis que duplica o número de prazas por habitante existente en Galicia.
Outros territorios envellecidos, como País Vasco, Cantabria, Estremadura, Aragón, A Rioxa e Navarra, tamén melloran amplamente os datos galegos.
No seguinte gráfico compróbase con maior facilidade como Galicia é, dos territorios máis envellecidos do Estado, o que dispón de menos prazas de residencias por habitante de máis de 65 anos.
Iso si, hai importantes diferenzas entre as catro provincias galegas no que atinxe a este indicador. Aínda que A Coruña é a provincia con máis prazas residenciais (7.195), por diante de Ourense (5.945), Pontevedra (5.370), (4.351), son as dúas provincias orientais as que presentan un ratio máis elevado de prazas por habitante.
En Ourense a ratio sitúanse en 6,1 prazas por cada 100 persoas maiores de 65 e en Lugo está en 4,5. Moi lonxe están as dúas provincias atlánticas, con apenas 2,6 e 2,5 prazas na Coruña e Pontevedra, respectivamente.
O número de prazas en residencias de maiores, pouco máis de 22 mil na actualidade, era de algo máis de 18 mil hai 13 anos, momento do regreso do PP á Xunta e despois de que si se producira un importante incremento entre 2006 (12.405) e 2010
E como evolucionou o número de prazas nos últimos anos? Podemos falar de estancamento, pois os datos oficiais amosan que o número de prazas en residencias de maiores, pouco máis de 22 mil na actualidade, era de algo máis de 18 mil en 2010, momento do regreso do PP á Xunta e despois de que si se producira un importante incremento entre 2006 (12.405) e 2010.
A consecuencia deste crecemento tan lento, semellante ao propio aumento da poboación maior de 65 anos por mor do progresivo envellecemento do censo, é que a ratio de prazas por habitante apenas variou na última década, pasando en Galicia de 2,9 a 3,3, mentres que no conxunto do Estado mesmo se pode falar dun estancamento total, ancorada a media nas 4,2 prazas.
Os datos agochan algunhas diferenzas internas, tanto en Galicia, cunha mellora importante en Ourense (pasou de 4,7 prazas a 6,1) e Lugo (de 3,3 a 4,5), fronte a unha estabilidade absoluta na Coruña e Pontevedra.
No conxunto do Estado hai comunidades autónoma cuxo número relativo de prazas aumentou de forma significativa (Castela e León, Estremadura, Asturias...) e outras como Navarra, Canarias, Madrid, Baleares ou Comunidade Valenciana, nas que a ratio mesmo descendeu.
A porcentaxe de prazas públicas en Galicia (23%) sitúase por debaixo da media española (26,8%)
Outro indicador importante é o que se refire ao cáracter público (ou concertado) ou privado das prazas residenciais, unha cuestión na que tampouco se rexistran cambios significativos ao longo da última década tanto en Galicia coma no conxunto do Estado.
O 26,78% das prazas residenciais no Estado son de carácter público, fronte ao 27,19% de hai unha década. Galicia vén situándose sempre por debaixo da media, cun 23,2% actualidade, moi próximo ao dato de hai dez anos 23,8%. Iso si, hai grandes diferenzas entre as catro provincias galegas, cun 29,3% de prazas públicas en Lugo e un 18,99% en Ourense, aparecendo A Coruña e Pontevedra con datos intermedios.