O forte impacto da pandemia do coronavirus entre as persoas anciás que viven en residencias da terceira idade provocou que os focos sociais e políticos virasen no último ano e medio cara a estes centros. Tamén que se situasen no centro do debate público cuestións como a súa xestión e titularidade e a calidade ou o custo dos servizos. Tanto, que ata a propia Xunta prometeu impulsar un "novo modelo" de residencias que veñen urxindo xa dende antes da COVID tanto profesionais como persoas usuarias e as súas familias.
Unha ducia da vintena de residencias de maiores de titularidade da Xunta están xestionadas por entidades privadas, a maioría por empresas do grupo DomusVi
Galicia aborda este debate cunha preponderancia absoluta do sector privado nas residencias de maiores (arredor do 60% de prazas son de titularidade privada, segundo os datos máis recentes). Este sector privado -empresas, pero tamén organizacións sen ánimo de lucro- está tamén moi presente nos centros de titularidade pública (unhas 4.800 prazas das arredor de 22.000 dispoñibles), xa que parte deles teñen a súa xestión contratada con empresas ou entidades en réxime de concesión.
No caso concreto da Xunta, ata 12 das vintena de residencias de maiores da súa propiedade -neste cómputo non entran as do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, participado polo Goberno galego e diversos concellos- prestan o servizo en réxime de concesión. Todas agás dúas están xestionadas por empresas, entre as que ten clara primacía o grupo DomusVi. As concesións co remate da súa vixencia máis próximo no tempo rematan en 2025 e as que o teñen máis afastado prolónganse ata finais da década vindeira.
Estas datas veñen de ser especificadas pola Consellería de Política Social en resposta a unha pregunta formulada polo BNG no Parlamento o pasado setembro. A contestación chegou nos primeiros días deste mes de novembro e amosa que a residencia de maiores de titularidade pública que tardará máis en finalizar a concesión vixente cunha empresa privada é o Centro residencial José Otero – Carmela Martínez, inaugurada en 2011 en Santiago tras ser doada á Xunta un ano antes pola fundación homónima. Ten concesión co grupo DomusVi -concretamente con Geriatros, a antiga compañía de centros xeriátricos ligada á desaparecida Novacaixagalicia- ata novembro de 2039.
Tamén chegan ata os anos 30 as concesións doutras catro residencias de titularidade pública da Xunta, pero xestionadas por empresas do grupo DomusVi en réxime de concesión. É o caso da residencia Concepción Arenal da Coruña (2036), da residencia de Bande (2031) ou das de Castro de Ribeiras de Lea (Castro de Rei) e Laraxe (Cabanas), nas que a multinacional da xeriatría ten concesión ata 2030.
As outras dúas residencias da Xunta en réxime de concesión que finalizan contrato nos anos 30 son as dúas únicas de titularidade pública autonómica concesionadas cunha entidade sen ánimo de lucro, a Fundación Valdegodos. Trátase das residencias de Quiroga e Viana do Bolo, ambas con contrato ata agosto de 2030.
Se a orientación política do Goberno galego cara a este sector mudase e optarse por rescatar estas concesións ou integrar estes centros no sistema público cando finalizasen, son ata catro nas que expirarán os seus contratos durante a vindeira lexislatura. Dúas delas están xestionadas por DomusVi (as residencias de Ribeira e Larouco, con concesións ata 2025 e 2028, respectivamente), na outra ten a concesión ata 2025 a empresa Troncoso Casares (os apartamentos tutelados de Antas de Ulla) e na restante, a compañía Agrupación de actividades geriátricas, S.L., que ten encomendada a xestión da residencia do Carballiño tamén ata 2025.
As residencias concesionadas con data máis próxima de finalización do contrato son as de Antas, Ribeira e O Carballiño
Na súa resposta ao BNG, Política Social subliña que estas concesións están abeiradas tanto na lei da dependencia do ano 2006 como na lei de servizos sociais de Galicia, do ano 2008. Sobre esta segunda norma, o departamento que dirixe Fabiola García subliña que a lei foi "elaborada (...) nun período lexislativo no que as competencias en materia social no Goberno galego correspondían a membros do grupo parlamentario que formula a pregunta", en referencia a que foi aprobada na etapa do Goberno de coalición PSdeG-BNG no ámbito das competencias da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, que dirixía o nacionalista Anxo Quintana.
Novos centros previstos: sete da Fundación Amancio Ortega, dous da Xunta
Na resposta a outra pregunta formulada polo BNG o pasado setembro sobre as residencias da terceira idade, tamén contestada neste mes de novembro, Política Social especifica cales son os plans do Goberno galego a respecto da construción e apertura de novas residencias de titularidade pública. A Consellería cita nove.
Sete destas novas residencias -unha en cada unha das principais cidades- son as mesmas que Alberto Núñez Feijóo xa anunciara en 2017 cun investimento previsto de 47,7 millóns de euros por parte da Xunta e que o Goberno galego volveu anunciar en 2019 tras asinar un convenio coa Fundación Amancio Ortega, que se comprometeu a financialas con 90 millóns. Na presentación daquel acordo situárase o ano 2020 como horizonte para a construción destes centros, que actualmente se atopan en diferentes fases da súa tramitación, todas con obvio atraso sobre o plan inicial.
Alén das sete residencias financiadas pola Fundación Amancio Ortega, que Feijóo anunciara por primeira vez en 2017 como proxecto sufragado pola Xunta, Política Social indica que prevé senllos novos centros en Antas e Ribeira
Alén desas sete residencias, Política Social indica na súa resposta que "tamén crearemos unha nova residencia pública" en Antas de Ulla e indica ademais que "cos fondos europeos construiremos a primeira residencia piloto do novo modelo de coidados" en Ribeira con "preto de 100 prazas públicas". Foi tamén en Ribeira onde a actual conselleira foi concelleira do goberno local do PP.
O Goberno galego especifica especifica que o concello ribeirense "ofreceu á Xunta o terreo e o edificio onde se atopaba a discoteca Hesta Kurva, co fin de crear neste inmoble unha nova residencia de atención residencial para persoas maiores que será pioneira nesta etapa post-covid". Política Social non especifica se para estes futuros nove centros ten previsto un modelo de xestión directa ou se contempla contratalo con entidades ou empresas privadas.