Máis de sete meses despois de que Praza.gal formulase, ao amparo da Lei de Transparencia, unha petición de acceso aos datos oficiais sobre o número de persoas mortas coa COVID-19 en cada residencia da terceira idade ou de persoas con discapacidade de Galicia, a Xunta confirmou que será o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) o que decidirá se esa información é feita pública. No transcurso da petición, o Goberno galego recibira varias alegacións do sector rexeitando que se revelasen os datos.
A Xunta comunicou a Praza.gal a existencia dun recurso contencioso-administrativo contra a divulgación dos datos solicitada por este xornal ao abeiro da Lei de Transparencia. Foi formulado por DomusVI
Como informou Praza este mesmo 2 de xullo, o Goberno galego vén de comunicar que agora recibiu un recurso contencioso-administrativo opoñéndose a facer públicos os falecementos en cada centro, pero non identifica quen está por tras dese recurso. Ese é o que terá que dirimir o Tribunal e, segundo puido saber elDiario.es, foi formulado por DomusVi, o grupo empresarial de residencias privadas encabezado por Josefina Fernández. Os seus centros, segundo a información global que si publicou a Xunta daquela, acumularon algunhas das cifras máis elevadas de mortes durante os meses máis virulentos da pandemia nestes centros.
Nun comunicado enviado a elDiario.es ao respecto, DomusVi argumenta que a publicación das cifras de falecementos en cada residencia, que Praza.gal solicitou especificamente desprovistos de calquera dato persoal protexido, "pode derivar nun dano reputacional irreversible para a compañía". Así e todo, asegura tamén que a empresa está "comprometida coa transparencia".
Nin ao informar de que recibira alegacións nin ao confirmar a presentación do recurso contencioso-administrativo, a Xunta identificou as empresas que os formulan, ao contrario do que si fixo noutros procedementos de transparencia similares
A comunicación formal de que a petición de transparencia será dirimida finalmente nos tribunais polo recurso formulado por DomusVI produciuse tras un novo requirimento expreso de Praza.gal tras sucesivos silencios e incumprimentos de prazos por parte da Xunta. Ata agora, o proceso para tentar obter os datos ao abeiro da Lei de Transparencia requiriu xa en sete meses de dúas peticións formais iniciais, dous recursos á Valedora do Pobo como responsable da Comisión da Transparencia de Galicia e dúas instancias á Xunta requirindo en distintas fases que o proceso avanzase.
Agora será a Sección Terceira do Contencioso-Administrativo do TSXG a que resolva un proceso no que a propia Xunta será a encargada de defender xuridicamente a súa decisión de facilitar o acceso aos datos fronte á argumentación que expoña DomusVi. Nin ao informar de que recibira alegacións nin agora, ao confirmar a presentación do recurso contencioso-administrativo, a Xunta identificou as empresas que os formulan, ao contrario do que si fixo no pasado neses dous momentos distintos noutros procedementos de transparencia similares.
"Non repartimos a COVID"
Segundo a cifra total global da propia Xunta, en toda Galicia producíronse ata agora 790 mortes de persoas coa COVID que viviran en centros de maiores ou persoas con discapacidade. Tras unha primeira petición formal a mediados de novembro de Praza.gal á Consellería de Sanidade, esta negouse a facilitar o detalle do número de falecementos en cada centro amparándose nunha das excepcións que contempla a lei para non facelo, a de que os datos requirían dun proceso de reelaboración.
"Quíxose criminalizar ás residencias, como se nós fabricásemos a COVID pola noite e o repartísemos aos anciáns pola mañá", afirmou a conselleira delegada de DomusVi o pasado decembro no Parlamento
Aínda que nos primeiros meses da pandemia non o fixo, contra finais de 2020 a Xunta si comezou a detallar o centro de procedencia de persoas que vivían en residencias de terceira idade e falecían coa COVID-19. Esta información, en calquera caso, é parcial, non está sistematizada e impide coñecer unha serie histórica aberta e completa de todos os falecementos. Esta e outras fontes permitían saber, por exemplo, que a finais do ano pasado xa morreran coronavirus 50 residentes no centro de DomusVi en Santiago, 32 noutra das súas residencias en Vigo ou outras 31 en Cangas. Outros centros do grupo, como o de Outeiro de Rei, sufriron tamén brotes moi relevantes.
Con este pano de fondo, nos últimos días de decembro a conselleira delegada de DomusVi, Josefina Fernández, acudiu ao Parlamento para comparecer na comisión que abordou as vías de recuperación tras a pandemia. Na súa intervención, a empresaria eludiu calquera responsabilidade da compañía no acontecido, toda vez que os problemas nas residencias "non son estruturais, senón debidos á chegada da pandemia e á xestión dela en España". "Quíxose criminalizar ás residencias, como se nós fabricásemos a COVID pola noite e o repartísemos aos anciáns pola mañá", dera en afirmar.
Apenas dous meses despois, Fernández vacinábase contra a COVID nunha das súas residencias antes de que comezase a vacinación para a poboación xeral. DomusVi xustificou a súa vacinación e a do seu irmán, tamén directivo da compañía, asegurando que a conselleira delegada dos seus dous directivos, afirmando que Josefina Fernández visita "de maneira continuada" as residencias que xestiona e está en "constante contacto" coas persoas usuarias.