Tras consultar co sector, o Goberno galego di que recibiu un recurso contencioso-administrativo opoñéndose a facer públicos os falecementos en cada centro
Máis de sete meses despois de que Praza.gal formulase, ao amparo da Lei de Transparencia, unha petición de acceso aos datos oficiais sobre o número de persoas mortas con COVID-19 en cada residencia de maiores ou discapacidade de Galicia, a Xunta vén de confirmar que será o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) quen decidirá, probablemente dentro de varios meses, se esa información é feita pública. Tras consultar co sector, entre o que houbo varias alegacións rexeitando que se revelasen os datos, agora o Goberno galego di que recibiu un recurso contencioso-administrativo opoñéndose a facer públicos os falecementos en cada centro, pero non identifica quen está detrás dese recurso.
A comunicación formal de que a petición de transparencia será dirimida finalmente nos tribunais chega a cargo da subdirectora xeral de Recursos Residenciais da Consellería de Política Social, Yolanda Otero Balsa, cargo do PP de Santiago, e prodúcese tras un novo requirimento expreso de Praza.gal logo de sucesivos silencios e incumprimentos de prazos por parte da Xunta. Ata agora o proceso para intentar obter os datos ao amparo da Lei de Transparencia requiriu xa en sete meses de dúas peticións formais iniciais, dous recursos á Valedora do Pobo responsable da Comisión da Transparencia de Galicia e dúas instancias á Xunta requirindo en distintas fases que o proceso avanzase.
Segundo a cifra total global da propia Xunta, en toda Galicia foron 790 as mortes con COVID-19 en residencias ou en hospitais tras ser derivadas as vítimas desde as residencias. Tras unha primeira petición formal a mediados de novembro de Praza.gal á Consellería de Sanidade, esta negouse a facilitar o detalle do número de falecementos en cada centro amparándose nunha das excepcións que contempla a lei para non facelo, a de que os datos requirían dun proceso de reelaboración.
Logo desa resposta, a finais de novembro formulouse unha petición idéntica á Consellería de Política Social, da que dependen as residencias, que foi respondida por ese departamento un mes máis tarde, no límite do prazo legal, de xeito distinto ao de Sanidade, resolvendo “conceder o acceso á información” solicitada “por estar no ámbito de aplicación” das leis estatal e galega de transparencia e sen establecer ningún matiz ao respecto. Porén, a propia consellería de Política Social incumpriu a súa resolución e só facilitou o total de falecidos e non o detalle de “cada unha das residencias”, como sinalaba a petición que ela mesma aceptara.
Primeiro Sanidade negouse a facilitar os datos argumentando que tería que "reelaboralos", despois Política Social só facilitou o total de mortes pero sen detallalas e, tras intervir a Valedora do Pobo, admitiu finalmente que debe ser "información pública"
Tras esa resposta formulouse unha reclamación ante a Comisión da Transparencia que xestiona a Valedora do Pobo, que a finais de febreiro estimouna por considerar os datos solicitados “información pública”, e pediu a Política Social que os facilitase despois de abrir o trámite legal de consulta a terceiros que poidan resultar afectados, que tiñan 15 días para presentar as súas alegacións.
Superado amplamente ese prazo de 15 días sen ningunha comunicación por parte da Xunta, a mediados de abril este diario presentou unha nova instancia ante a Xunta cunha petición formal para que a consellería resolvese o procedemento como lle reclamara a Valedora do Pobo. Un día despois Política Social contestaba indicando que recibira alegacións en contra de que se divulgasen os datos, que estas “non son suficientes para xustificar unha denegación do acceso á información” e condicionando ese acceso a que no prazo de dous meses algún dos alegantes non presentase recurso contencioso-administrativo ante a xustiza en contra da súa decisión de atender a petición de transparencia.
Pasado novamente o prazo, os dous meses para a posible interposición do recurso por un terceiro interesado, e sen notificación ao respecto por parte da Xunta, presentouse unha nova instancia solicitando que Política Social comunicase os recursos que se puideran presentar ou, do contrario, que facilitase o acceso á información que fora condicionado a eses recursos. Finalmente o pasado luns a subdirectora xeral de Recursos Residenciais comunicou “a presentación dun recurso contencioso administrativo” contra a resolución coa que a consellería outorgou o acceso á información.
Segundo a comunicación agora será a Sección Terceira do Contencioso-Administrativo do TSXG quen resolva un proceso no que a propia Xunta será a encargada de defender xuridicamente a súa decisión de facilitar o acceso aos datos fronte á argumentación que expoña o recorrente. Nin ao informar de que recibira alegacións nin agora ao confirmar a presentación do recurso contencioso-administrativo a Xunta identifica a empresa ou empresas que os formulan, ao contrario do que si fixo no pasado neses dous momentos distintos noutros procedementos de transparencia similares.
Xunta e PP néganse tamén a que o Parlamento saiba cantas persoas morreron en cada residencia e o Goberno galego chegou a facer responsable deses datos ao Goberno de España
Os obstáculos da Xunta a que se saiba cantas persoas morreron con COVID-19 en cada residencia de Galicia tamén se están a rexistrar na vía política, onde Goberno galego e PP veñen negándose a facilitar eses datos ao Parlamento. Nunha das súas últimas respostas a Xunta chegou a facer responsable deses datos ao Goberno de España.
Nun anterior caso no que a Xunta tamén outorgou a Praza.gal o acceso a uns datos en aplicación da Lei de Transparencia, referidos ao impacto ambiental dun parque eólico e no que a empresa propietaria dos muíños recorrera ante o TSXG, o tribunal tardou un ano en resolver. Cando chegou a súa sentenza rexeitando o recurso da empresa e avalando que fose entregada a este diario a información solicitada, incidindo ademais no feito de que a petición de transparencia dun xornalista está amparada “polo dereito á liberdade de información”, xa pasaran dous anos desde a solicitude inicial ao amparo da Lei de Transparencia. Aquela sentenza non foi comunicada pola Xunta a Praza.gal senón que tivo que ser este diario, malia non estar persoado na causa, quen averiguase por outras vías o resultado da mesma e solicitase despois ao Goberno galego a execución da sentencia.