O Goberno galego négase novamente a darlle ao Parlamento os datos que ten no seu poder incumprindo así o regulamento da Cámara
Deputadas e deputados do Parlamento de Galicia teñen “a facultade de solicitar das administracións públicas os datos, informes ou documentos que consten en poder destas”, di o Regulamento da Cámara galega, que engade que a administración “deberá facilitar a documentación solicitada” ou manifestar “as razóns fundadas en dereito que o impidan”. Ese artigo 9 do regulamento vén de ser incumprido novamente pola Xunta na súa estratexia de ocultación das mortes con COVID-19 rexistradas en cada residencia de maiores ou discapacidade de Galicia. Porén, se ata agora se limitaba a non ofrecer a información que ten no seu poder, agora o Goberno galego desvía a responsabilidade ao Imserso (Instituto de Mayores y Servicios Sociales), dependente do Goberno de España.
En xaneiro o Goberno galego xa respondera con evasivas a unha petición amparada no artigo 9 da deputada do PSdeG Marina Ortega sobre os falecementos en cada residencia. A Xunta remitiuna á web coronavirus.sergas.gal, na que non hai ningún tipo de información sobre a evolución da pandemia nas residencias senón no conxunto da sociedade, e á “información” que o Goberno galego “traslada aos medios de comunicación” sobre casos positivos en residencias pero na que non se relacionan os falecementos con centros concretos.
Agora, en resposta a outra petición similar da deputada do BNG Olalla Rodil, igualmente amparada no artigo 9 do Regulamento do Parlamento e tamén reclamando os datos “desagregados” para cada centro, o Goberno galego novamente non lle entrega a información que obra no seu poder senón que lle di que “a información solicitada é publicada semanalmente na páxina web do Imserso”, algo que non é certo. Nesa web publícanse cifras globais do impacto da COVID nas residencias de cada comunidade autónoma, pero non o detalle de falecementos en cada centro. A propia Xunta sinala que os datos do Imserso son “compartidos polas comunidades autónomas”, pero remite a eles en lugar de ofrecer os que obran no seu propio poder como esixe o Regulamento do Parlamento.
A Xunta gábase de traballar "coa máxima transparencia" malia ás súas reiteradas negativas a facilitar a información á oposición ou á cidadanía que recorreu á Lei de Transparencia
Na súa resposta a Xunta mesmo se gaba de traballar “coa máxima transparencia” e desvía a responsabilidade ao Goberno central ao que atribúe a responsabilidade de fixar a “frecuencia” e “profusión” de datos que lle vai enviando o Goberno galego. Isto é, segundo a Xunta o Imserso fai públicos os datos que o propio Goberno de España decidiu pedir ás comunidades. Pero nada responde á petición expresa dos falecementos desagregados para cada residencia.
Sanidade chegou a responder que non podía facilitar o detalle de mortes en cada centro porque tería que "reelaborar" os datos
A nova negativa da Xunta a dicir en que centros residían as 790 persoas usuarias de residencias de maiores ou discapacidade falecidas ata agora con coronavirus en Galicia súmase a outras anteriores a todo tipo de preguntas amparadas en diversas figuras legais. No Parlamento os grupos da oposición tampouco tiveron éxito ao pedir os datos tanto a través de preguntas como a través da documentación técnica necesaria para o traballo da comisión de reactivación tras a crise da COVID. O Goberno galego tampouco respondeu ata agora ás diversas peticións que se lle formularon amparadas na Lei de Transparencia.
Nunha primeira resposta da Consellería de Sanidade a unha petición de transparencia de Praza.gal ese departamento negouse a facilitar o detalle de falecementos en cada centro argumentando que tería que “reelaborar os datos”. Posteriormente a Consellería de Política Social, ante unha petición similar, consultou aos centros implicados e a negativa de residencias privadas a que se desvele a información ten paralizado o proceso á espera de que esas empresas presenten ou non recurso xudicial para evitar que se coñezan os datos.