O Goberno galego di que a comisión de expertos tampouco elaborou nunca por escrito ningún informe ou acordo no que se baseasen as decisións finais, que atribúe a outros órganos
Desde o comezo da pandemia da COVID-19 o presidente Feijóo e o resto do Goberno galego veñen atribuíndo a orixe das súas decisións sobre as restricións para loitar contra a enfermidade ás recomendacións que lle formula o comité clínico de expertos sanitarios de diversos ámbitos do Sergas que creou como órgano de asesoramento. O pasado xoves, por exemplo, a propia Xunta dixo que as novas medidas tras o estado de alarma foran "acordadas polo comité clínico". Porén, o feito de ser un órgano de asesoramento e non un órgano colexiado exímeo, argumenta a Xunta, de ter que levantar ningunha acta de ningunha das súas sesións.
“Non se prevé a necesidade de levantar actas das súas sesións” e polo tanto “non existe” información documental sobre o que nelas se tratou, responde oficialmente a Consellería de Sanidade a unha petición formal de transparencia formulada por Praza.gal, á que tamén contesta que o comité clínico tampouco elaborou nunca por escrito ningún informe ou acordo no que se baseasen as decisións finalmente tomadas por outros órganos da Xunta. Non hai polo tanto documentos que permitan comprobar que as decisións do Goberno galego se correspondan coas recomendacións formuladas polos expertos. Unha ausencia de papeis que contrasta coas críticas de escurantismo que o presidente Feijóo vén lanzando desde hai un ano contra os órganos de asesoramento do Goberno de España.
Sanidade argumenta que comité clínico é un "órgano de asesoramento" e “non un órgano colexiado ao que a normativa vixente esixa o levantamento de actas”
Coincidindo co aniversario da pandemia en Galicia, o pasado marzo Praza.gal formulou unha petición oficial de transparencia para ter acceso ás actas das reunións celebradas desde a súa creación polo comité clínico ou Comisión de xestión da crise sanitaria da COVID-19, así como aos “documentos cos que esa comisión traslada os seus acordos, recomendacións, informes ou resultados das súas reunións ás autoridades da Consellería de Sanidade ou de calquera outro departamento da Xunta”. A lei de transparencia dá ás administracións un prazo dun mes para contestar, algo que Sanidade non fixo ata que a Valedora do Pobo, tras un recurso deste diario, lle pediu explicacións reclamándolle unha copia do expediente administrativo e a emisión dun informe sobre a reclamación de transparencia presentada.
Tras a intervención da Valedora do Pobo chegou a resposta de Sanidade, asinada polo secretario xeral técnico da consellería, Alberto Fuentes Losada, na que constata que a lei de transparencia considera información pública “os contidos ou documentos, calquera que sexa o formato ou soporte, que obren en poder” dalgunha administración “e que foran elaborados ou adquiridos no exercicio das súas funcións”. Pero a continuación salienta que o comité clínico é un “órgano de asesoramento” e “non un órgano colexiado ao que a normativa vixente esixa o levantamento de actas”, para o que cita o artigo 18 da lei estatal 40/2015 de Réxime Xurídico do Sector Público no que se establece a obriga de elaborar actas dos órganos colexiados, cuxa creación tamén debe ser publicada nun diario oficial, algo que non ocorreu co comité clínico.
Ao non ser un “órgano colexiado”, di Sanidade, “non se prevé a necesidade de levantar actas das súas sesións, dado o carácter asesor da súa función cara á toma de decisións polo órgano competente”, que non cita pero que ao longo da pandemia foron fundamentalmente o presidente da Xunta e o conselleiro de Sanidade, cargos responsables da sinatura última dos decretos e ordes publicados no Diario Oficial de Galicia.
O comité “tampouco”, engade a resposta, “en base a ese mesmo carácter asesor, elabora os acordos ou os informes” cos que se trasladarían os resultados das súas reunións ás autoridades que finalmente toman as decisións. A Xunta non aclara se ese traslado das recomendacións do comité clínico aos responsables políticos é verbal ou son os propios responsables políticos os que toman nota sobre a marcha do que din os expertos nas reunións.
Sanidade ampara o comité clínico nun precepto legal que non existía cando foi creado hai un ano senón que foi aprobado polo PP hai só tres meses
Segundo Sanidade, o comité clínico non é un “órgano colexiado” senón un “órgano de asesoramento especializado”, e polo tanto sen obriga de levantar actas ou elaborar informes sobre o seu traballo, en base ao contemplado no artigo 78.5 da lei 8/2008 de Saúde Pública de Galicia. A consellería salienta que ese artigo contempla a facultade do conselleiro de designar persoas para prestar asesoramento, individualmente ou en grupos, en calquera materia de interese sanitario. A resposta de Sanidade mesmo cita entre aspas parte do artigo que di que “promoverase a actuación de grupos de traballo integrados por profesionais cualificados e cualificadas para o asesoramento na xestión de crises sanitarias e na adopción de medidas preventivas axeitadas para o control de enfermidades transmisibles”.
Porén, ese parágrafo foi engadido a ese artigo 78.5 na reforma da lei aprobada polo PP en febreiro deste ano e non existía na versión anterior da norma, a que estaba vixente cando o comité foi creado hai un ano. A anterior redacción dese punto dicía que “a persoa titular da Consellería de Sanidade poderá designar asesores sectoriais en materias específicas relacionadas coa asistencia e a organización sanitarias, a saúde pública, a docencia e investigación nas ciencias da saúde e, en xeral, en calquera outra materia de interese sanitario respecto da cal resulte conveniente solicitar asesoramento especializado”.