A estratexia europea de loita contra as 'fake news', na que o Goberno central di basear o seu ‘Procedemento de actuación contra a desinformación’ que o PP critica como un intento de “amordazar” aos medios, reclama evitar “restricións ou demoras innecesarias” no acceso á información por parte dos xornalistas
Como resposta a supostos intentos de inxerencia e desestabilización de gobernos estranxeiros, nomeadamente Rusia, a UE aprobou en 2018 un plan de acción contra a desinformación, coas fake news como exemplo, pero non o único. Co argumento de actualizar ese plan a nivel estatal, o pasado xoves o Goberno central publicou no Boletín Oficial del Estado o denominado Procedemento de actuación contra a desinformación, documento no que de forma xenérica e mesmo ambigua establece o funcionamento de diversos órganos e niveis de loita contra a desinformación, un texto que está sendo atacado polo PP como un suposto intento de “amordazar” aos medios de comunicación.
O propio documento do Goberno xustifica a súa necesidade citando diversos acordos europeos, entre eles unha comunicación conxunta que a Comisión Europea dirixiu, entre outras institucións comunitarias, ao Comité das Rexións, no que está representado a Xunta a través do presidente Feijóo. Nesa comunicación, do pasado 10 de xuño e titulada A loita contra a desinformación acerca da COVID-19: contrastando os datos, a Comisión Europea advirte contra a “infodemia” que acompaña a pandemia de coronavirus con informacións falsas ou inexactas, pero pide tamén ás administracións, entre elas as rexionais, que garantan “a transparencia da súa actividade”.
A Comisión Europea prevé que en 2021 haxa centros “nacionais e rexionais” de verificación e investigación sobre a desinformación en toda a UE
A comunicación da Comisión Europea aos outros órganos, entre eles o Comité das Rexións, no que a Xunta vén centrando desde hai anos a súa política comunitaria, salienta que “a liberdade de expresión e o dereito dos medios de comunicación e da sociedade civil a escrutar as accións do Estado son máis importantes que nunca durante esta crise: o feito de que as autoridades públicas estean actuando con arranxo a competencias excepcionais en nada debe minguar a súa obriga de render contas”. Ademais de reclamar ás “autoridades públicas” que garantan “a transparencia da súa actividade”, tamén advirte contra “restricións ou demoras innecesarias” no acceso á información por parte de xornalistas.
Unha apelación á transparencia que a UE combina con advertencias contra posibles intentos de control dos medios de comunicación pero que ao tempo acompaña dunha aposta por estender o ámbito de acción do Observatorio Europeo dos Medios de Comunicación Dixitais (EDMO nas súas siglas en inglés), organismo comunitario de verificación de informacións. A intención declarada é que ese observatorio de verificación teña en 2021 “nodos nacionais e rexionais en toda a UE” cunha “cobertura xeográfica completa”.
Feijóo considera que o Goberno central quere decidir "o que é verdade e mentira" e Defende a Galega contéstalle que "de amordazar os medios sabe moito"
Neste contexto é no que o Goberno central recibe agora críticas por un suposto intento de control dos medios de comunicación ao aplicar a política comunitaria a través do antedito Procedemento de actuación contra a desinformación publicado o pasado xoves. Pero é tamén o contexto no que a Xunta, malia a petición formulada pola Comisión ás rexións europeas, vén sendo reiteradamente criticada (entre outros polo Colexio de Xornalistas) pola súa opacidade cos datos do coronavirus. Un xeito de proceder que a levou mesmo a negarse oficialmente a facilitar os seus datos abertos sobre a pandemia malia apelar a propia Lei de Transparencia galega de 2016 a divulgar ese tipo de información. Uns datos que, pola contra, a maioría do resto de autonomías leva meses publicando.
Este domingo, case catro días despois de publicarse no BOE o Procedemento de actuación contra a desinformación do Goberno central, o presidente Feijóo cargou persoalmente contra el, cualificándoo como “unha norma para amordazar á prensa e que sexa o Goberno quen decida o que é verdade e mentira”. O seu chío en Twitter foi contestado pola plataforma Defende a Galega, que vén loitando contra o control político dos medios públicos galegos, quen asegurou que “de amordazar os medios sabe moito Feijóo”, ao que lembran a súa campaña de xa 129 semanas contra a manipulación e a censura na CRTVG. Este luns, a Comisión Europea afirmou, sobre o plan do Goberno español, non ter "motivos para crer" que atente contra a "liberdade de prensa e expresión".