Tras unha década adscrita á Valedora do Pobo e con decisións favorecedoras da transparencia fronte a obstáculos da Xunta, o Goberno galego traslada agora a Comisión da Transparencia ao Consello Consultivo e réstalle pluralidade
En decembro de 2015 o Parlamento aprobaba a actual Lei de Transparencia de Galicia, que substituía á anterior impulsada en 2006 por PSdeG e BNG. En desenvolvemento da normativa estatal e de esixencias comunitarias, a lei de hai dez anos creou a Comisión da Transparencia de Galicia, encargada de supervisar as peticións de acceso a documentación oficial que a cidadanía formule a calquera administración galega. Esa Comisión da Transparencia foi adscrita á Valedora do Pobo e vén tomando decisións favorecedoras da transparencia fronte a diversos obstáculos da Xunta. Pero agora o Goberno galego vaina reformar reducindo o pluralismo da súa composición e adscribíndoa ao Consello Consultivo sen dar explicacións.
Nesta década de funcionamento a Comisión da Transparencia de Galicia emitiu todo tipo de resolucións, tanto favorables como contrarias a peticións de transparencia formuladas pola cidadanía ás administracións galegas. Pero en moitas ocasións a súa simple petición de explicacións ás administracións polas súas negativas a facilitar unha información fixo que a documentación en cuestión fose desvelada.
Nestes dez anos Praza.gal vén empregando as leis de transparencia tanto estatal como galega para desvelar todo tipo de documentos e informacións que Xunta ou Goberno de España tentaron manter ocultos. No caso galego, son numerosas as ocasións en que esas informacións puideron saír á luz ou cando menos foron publicadas antes grazas á intervención da Comisión da Transparencia que agora a Xunta reforma de xeito acelerado a través da lei de acompañamento dos Orzamentos para o próximo ano. Estas son algunhas das principais revelacións publicadas por Praza.gal nesta década de Lei de Transparencia:
As 509 mortes en residencias nos primeiros 9 meses da COVID
Malia obstáculos da Xunta, Praza.gal desvelou grazas á lei de transparencia o detalle de mortes con COVID en cada residencia ou que o Goberno galego impuxo a dedo dous peritos do accidente de Angrois
Grazas á lei de transparencia Praza.gal revelou o detalle das 509 mortes en residencias ocorridas nos primeiros 9 meses da pandemia da COVID-19. Tanto a Consellería de Sanidade como a de Política Social denegaron inicialmente a información pero tras un recurso deste diario a Comisión da Transparencia estableceu que os datos ao respecto que tiña Política Social "é información pública". Unha información que aínda tardou 20 meses en facerse pública por un recurso de DomusVi, a quen a xustiza acabou contestando que "debe primar o dereito ao acceso á información pública pola concorrencia dun imperioso interese xeral [para] conformar unha opinión pública libre, algo ineludible para a boa saúde democrática de calquera país".
Tamén grazas á lei de transparencia Praza.gal revelou que a Xunta tiña ingresadas 593 persoas menores de 65 anos en residencias de maiores por falta de centros específicos. Tamén neste caso a Comisión da Transparencia deu a razón a este diario ante a negativa inicial de Política Social a facilitar os datos co argumento de que lle resultaba difícil calculalos, ao que o ente dependente da Valedora respondeu que era unha simple "extracción dos datos dunha aplicación".
Peritos de Angrois impostos a dedo
A lei de transparencia permitiu a Praza.gal certificar con documentos oficiais que a Xunta designou a dedo dous dos tres peritos clave da causa penal polo accidente de Angrois. Impuxo ao xulgado sen ningún tipo de procedemento administrativo dous funcionarios propios sen experiencia en materia ferroviaria cuxas peritaxes foron finalmente obviadas pola sentenza que condenou tamén a un cargo de Adif como igualmente responsable do accidente que o maquinista. A petición de transparencia deste diario para acceder aos expedientes de nomeamento dos peritos foi inicialmente denegada con silencio administrativo e houbo que recorrer á Comisión da Transparencia para lograr que a Xunta revelase que non existiron tales expedientes.
Os 447 incendios ocultados pola Xunta do 1 ao 18 de agosto
Os 447 incendios ocultados pola Xunta en 18 días de agosto ou que a princesa Leonor recibiu a Medalla de Galicia sen que a xunta ponderase os seus méritos son algunhas das últimas revelacións deste diario grazas á lei de transparencia
O pasado 18 de agosto, en plena vaga de incendios, a conselleira de Medio Rural admitiu que no que ía de mes se rexistraran 492 incendios. Porén, a Xunta só divulgara información de 45, así que este diario pediu por transparencia o detalle dos 447 restantes. Novamente, como é práctica habitual da Xunta, a información foi denegada inicialmente con silencio administrativo e houbo que recorrer ante a Comisión da Transparencia. Finalmente a comezos de outubro Praza.gal logrou liberar os datos dos incendios ocultados ata ese momento pola Xunta.
Neste mesmo eido do dano ambiental, a lei de transparencia tamén permitiu que Praza.gal revelase, entre outras cuestións, os efectos dos drons do aeródromo de Rozas sobre unha ave en perigo de extinción, un documento da propia Xunta admitindo que a contaminación do aire en Galicia incumpre os niveis fixados pola OMS, ou o impacto dun parque eólico sobre as aves nun caso no que o Goberno galego chegou a dar á empresa enerxética datos persoais do xornalista de Praza.gal que instou a transparencia.
A Medalla de Galicia á princesa Leonor sen ponderar os seus méritos
Tamén con silencio administrativo inicial contestou a Xunta á petición de transparencia deste diario para acceder ao expediente xustificativo da Medalla de Galicia que Rueda outorgou este ano á princesa Leonor. Houbo novamente que recorrer á Comisión da Transparencia e a resposta finalmente obtida do Goberno galego foi que non houbo ningún expediente de ponderación de méritos da galardoada. Esa falta de xustificación administrativa da medalla está a ser investigada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e a Xunta vén de reformar a normativa para que agora sexa posible dar o galardón sen expediente previo.
Como estas, moitas outras revelacións de Praza.gal veñen sendo posibles grazas á Lei de Transparencia de Galicia que agora cumpre dez anos ou grazas á Comisión da Transparencia que a Xunta quere facer menos plural. Informacións como que o Goberno galego non sabía se na Xunta existían ou non tarxetas black, que unha empresa da familia do conselleiro de Emprego e antes de Medio Rural mantén desde 2015 unha estrutura "ilegalizable" polo seu impacto sobre o patrimonio cultural ou que empresas que permitiron xogo de azar a menores pediron á Xunta mudar a lei para multar á infancia e non a elas.
Actas inexistentes e promesas nin tramitadas
En moitos casos, como no da Medalla de Galicia á princesa Leonor, a resposta do Goberno galego permitiu saber que a Xunta carecía da documentación pola que se lle preguntaba. Iso foi o que ocorreu tamén con peticións de transparencia de Praza.gal que desvelaron que a Xunta non levantou actas, por exemplo, nin do comité clínico que a asesorou fronte á COVID nin do comité que supervisa como Ence subvenciona todo tipo de entidades de Pontevedra. Resposta oficiais da Xunta a peticións de transparencia tamén permitiron comprobar oficialmente que nunca chegou nin a tramitar as promesas de Feijóo de construír un monumento ás vítimas da COVID ou de crear un comité que puxese en valor o AVE coa Meseta.
A transparencia estatal: do Falcon ás manobras ante a UE para ocultar Angrois
Ao amparo da lei de transparencia estatal Praza logrou publicar voos dos Falcon a Galicia ou as cartas coas que Pastor e García-Margallo pediron á UE que mantivese oculto un informe sobre Angrois
Ademais da recorrer á Lei de Transparencia de Galicia de 2016 para acceder a documentación de ámbito autonómico, Praza.gal tamén vén empregando a norma estatal de 2013 para revelar informacións que gobernos de España de PP ou PSOE tentaron manter ocultas. O caso máis significativo, pola súa transcendencia, foron as manobras do Goberno de Mariano Rajoy ante a Comisión Europea para evitar que esta fixese público un informe crítico coa actuación do Estado no accidente de Angrois.
Ese informe europeo contribuíu á investigación penal do accidente, pero a daquela ministra de Fomento, Ana Pastor, e o de Exteriores, José Manuel García-Margallo, chegaron a pedir por carta á comisaria de Transportes e o propio presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, que non se fixese público. Tras dous anos de investigación, e con recursos ante o Consejo de Transparencia estatal e o Defensor do Pobo Europeo polos obstáculos do Goberno de Pedro Sánchez, Praza.gal logrou facer públicas aquelas cartas dos ministros do PP.
Adif vén de pedir á Audiencia Nacional que Praza non vele os incidentes que se producen no Eixo Atlántico
Tamén a lei de transparencia estatal permitiu que Praza.gal revelase os voos a Galicia nos avións oficiais Falcon dos ministros José Blanco e Ana Pastor ou os danos ambientais causados polas obras do AVE. Unhas peticións de transparencia que se veñen enfrontando con obstáculos como o que vén de activar Adif ao pedir á Audiencia Nacional que Praza.gal non revele os incidentes que se producen no Eixo Atlántico. Neste caso este diario logrou o aval do Consejo de Transparencia estatal para que Adif revele os incidentes na principal liña ferroviaria de Galicia, pero a empresa pública recorreu á xustiza para impedilo.