Tras ocultar inicialmente o Goberno galego que na base aérea fan niños as últimas parellas da Península, agora intenta limitar a difusión dun informe de seguimento da especie que constata as súas ameazas e que recomenda campañas de información
En novembro de 2014 a Consellería de Economía e Industria da Xunta asinou co Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) do Ministerio de Defensa un convenio para desenvolver no aeródromo de Rozas unha base de investigación de drons na que participan, como socias do Goberno galego, as empresas Indra e Inaer (agora Babcock). Cando se viu obrigada a divulgar aquel convenio a Xunta borrou del un apartado no que admitía a existencia nesa zona dunha ave en perigo de extinción, o mazarico real, e establecía condicións para a súa conservación, parágrafos que si fixo públicos Defensa. Agora, tras unha petición de transparencia, a Xunta se ve novamente obrigada a divulgar un informe no que se constata que o voo dun dron “provocou a saída do niño dun mazarico incubante, incrementando o risco de depredación por ausencia do adulto” e advirte contra a construción de novas estruturas na contorna.
O mazarico real (Numenius arquata) está catalogado en perigo de extinción. A única poboación niñificante de toda a Península Ibérica atópase no aeródromo de Rozas, cunha poboación reprodutora que no período 2009-2017 oscilou entre tres e cinco parellas. Este diario pediu a través da Lei de Transparencia ter acceso ao último informe de seguimento sobre a poboación desa ave do que dispuxese a Consellería de Medio Ambiente, documento que a Xunta non facilitou dentro do período dun mes que lle obriga a lei senón só unha vez que foi presentada unha reclamación ante a Comisión de Transparencia e esta lle pediu explicacións.
Medio Ambiente facilitou finalmente acceso a un informe con data de 2017 elaborado para actualizar o plan de recuperación da poboación nidificante de mazarico real, documento no que se recollen os resultados de traballos de campo realizados sobre o estado e ameazas desas aves. Do documento, de 143 páxinas, a Xunta censurou o contido de 45 argumentando, como lle permite a lei, que a súa divulgación “pode afectar negativamente á protección” do mazarico por detallar a localización dunha especie ameazada ou os seus lugares de reprodución.
Do resto de páxinas, non afectadas por ningún impedimento legal expreso, Medio Ambiente sinala que “non se autoriza a difusión a terceiros” sen explicar o motivo e malia que o propio documento recomenda entre as medidas de protección do mazarico que se desenvolvan campañas de divulgación da súa situación. Isto é, malia que a administración ten que motivar as súas resolucións, como fixo ao censurar as páxinas do informe, nada motiva da súa prohibición de difusión a terceiros. Nesta información este diario evita expresamente facilitar ningún dato do emprazamento concreto dos niños de mazarico, máis alá da súa xa coñecida existencia na contorna do aeródromo, para evitarlle ningún risco engadido. A Xunta sinala que facilitar o acceso a o informe “non implica que subscriba, en parte ou na súa totalidade, o contido”.
“Un microdron provocou a saída do niño dun mazarico incubante, incrementando o risco de depredación por ausencia do adulto”, sinala o documento
O documento constata que a creación da base de drons de Rozas permitiu pechar o seu perímetro e protexer así o espazo no que aniñan os mazaricos de predadores e controlar mellor os efectos sobre eles das intrusións humanas no seu hábitat. Porén, tamén constata que, así como as avionetas que xa operaban no aeródromo e os drons de maior tamaño que agora voan na zona non estarían a ter efecto sobre as aves, non ocorreu o mesmo cos drons de menor tamaño, os denominados microdrons, de menos de cinco quilos de peso e alcance limitado. Sen aclarar ao longo de canto tempo de seguimento, o documento sinala que “se rexistraron en tres días diferentes voos de microdrons” nun espazo concreto da base engadindo que “un destes microdrons provocou a saída do niño dun mazarico incubante, incrementando o risco de depredación por ausencia do adulto”. O informe recomenda que non se permitan voos nesa zona, medida non contemplada inicialmente nos condicionantes ambientais establecidos para a creación da base de Rozas.
O documento, datado en 2017 e asinado por expertos do departamento de Zooloxía da Universidade de Santiago, advirte tamén de que “a viabilidade do núcleo reprodutivo veríase gravemente comprometida se fosen creadas novas infraestruturas que supuxeran perda de hábitat ou alteración da súa calidade”. Igualmente, o informe detalla as diversas ameazas que sofre a poboación de mazarico, en particular o deterioro das matogueiras e pasteiros, a predación por fauna silvestre ou carnívoros domésticos ou o choque co peche perimetral do aeródromo, que paradoxalmente contribúe a protexelo dos predadores. E, entre as súas recomendacións, salienta a necesidade de divulgar a situación de risco e as ameazas que sofre o mazarico nesa zona.