A Audiencia Nacional vén de emitir unha sentenza na que condena a Inaer, a empresa de helicópteros de cabeceira da Xunta integrada agora na multinacional Babcock e da que é socia na base de drons de Rozas, a pagar á facenda pública 9,2 millóns de euros por unha “operación deseñada” para “eludir” impostos. A empresa, di o tribunal, “simulou” préstamos entre empresas do mesmo grupo que non eran tales para así obter deducións fiscais. Inaer, implicada tamén no denominado cartel do lume noutras comunidades autónomas por supostos repartos de contratos entre varias empresas, recibe anualmente da Xunta só polos contratos de servizos aéreos uns 20 millóns de euros.
O grupo, que cobra cada ano uns 20 millóns do Goberno galego e do que é socio na base de drons de Rozas, “simulou” préstamos entre filiais para evitar impostos
A sentenza, emitida pola Audiencia Nacional o pasado marzo e da que vén de facerse eco Economía Digital, prodúcese tras un recurso da empresa despois de que o Tribunal Económico Administrativo Central, dependente do Ministerio de Facenda, considerase que deixara de pagar durante varios anos 6 millóns de euros en impostos e lle impuxese a maiores unha multa de 3,2 millóns de euros. A Audiencia Nacional ratifica esas sancións polo que considera “unha operación deseñada no seu conxunto, que non obedece a unha finalidade económica razoable e cunha clara finalidade de obter, exclusiva ou esencialmente, unha vantaxe fiscal”.
Foi “unha operación deseñada no seu conxunto, que non obedece a unha finalidade económica razoable e cunha clara finalidade de obter, exclusiva ou esencialmente, unha vantaxe fiscal”, di a Audiencia Nacional
Segundo a sentenza, ao longo de varios anos Inaer e outras empresas, algunhas delas radicadas en Luxemburgo e Jersey, “simularon” movementos de capitais entre elas como préstamos para así aplicarse deducións fiscais por supostos gastos financeiros que non lles correspondían e pagar menos impostos. Inaer, di a Audiencia, “a través duns préstamos participativos ocultou o verdadeiro negocio realizado que foi unha achega ao capital”.
Fragmento da sentenza da Audiencia Nacional contra Inaer, agora Babcock
A operación foi “deseñada para executarse ao longo de varios anos, dificultando así que a Administración tivera un fácil coñecemento do sucedido”
A Audiencia Nacional di que a operación foi “deseñada para executarse ao longo de varios anos, dificultando así que a Administración tivera un fácil coñecemento do sucedido”. “Non estamos, como ben entende a Administración ante unha interpretación razoable da norma, senón ante a consciente elaboración de operacións xurídicas cunha finalidade de elusión fiscal”, sentenza a Audicencia Nacional.
Inaer, agora integrada en Babcock, é unha das dúas empresas, xunto con Indra, que o Goberno galego elixiu como socias industriais para desenvolver a base de drons instalada no aeródromo de Rozas, en Lugo. A empresa presta a inmensa maioría dos servizos aéreos da Xunta (salvamento marítimo, contra incendios ou de emerxencias sanitarias) desde hai anos a través de diversos contratos nos que o Consello de Contas detectou numerosas irregularidades. O Goberno galego mesmo chegou a entregar a Inaer a loita contra os incendios en 2012 sen contrato, algo que un xuíz considerou ilegal pero que arquivou por considerar que non houbo “capricho” e se debeu a unha situación excepcional. A oposición vén denunciando de xeito público supostos tratos de favor da Xunta a Inaer, pero a empresa argumenta que "non é problema noso que non haxa outras".