Feijóo avala substituír avións contra incendios por máis horas de helicópteros de Inaer

Brigadistas de Medio Rural, ante un helicóptero © Inaer

A inexistencia de empresas interesadas en prestar o servizo de extinción de incendios con hidroavións que a Xunta viña subcontratando todos os veráns levará ao Goberno galego a pagar a cambio máis horas de voos á empresa á que lle vén encargando a inmensa maioría das súas operacións con helicópteros, Inaer. Así o avanzou este xoves o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen indicou que, en lugar dos cinco hidroavións previstos que xa non operarán, vai “contratar catro helicópteros a maiores dos que tiñamos previsto e ampliar o número de horas probablemente dos helicópteros que xa temos contratados”, en referencia ao principal contrato de helicópteros contra incendios desta tempada formalizado hai xusto unha semana con Inaer e Natutecnia por preto de 12 millóns. Pola súa banda, fontes do sector que xa acertaron outras veces coas súas predicións atrévense a aventurar que o novo contrato para os catro helicópteros a maiores tamén irá parar a Inaer. Aínda que só sexa co incremento do número de horas do contrato xa formalizado, a empresa de helicópteros volvería saír beneficiada, unha vez máis, do que a Xunta adoita cualificar como “contratempos” nas súas contratacións de servizos aéreos.

O Consello de Contas atopou hai ano e medio irregularidades en todos os contratos que analizou entre a Xunta e a empresa, unha das dúas ás que adxudicou a base de drons de Rozas

Este xoves Feijóo argumentou que ningunha empresa operadora de hidroavións amosou interese no contrato que ofrecía a Xunta malia que subira o importe do mesmo con respecto ao do ano pasado. O Goberno galego declarouno deserto por dúas veces, pero Feijóo insistiu en que iso non afectará ao servizo de extinción de incendios, que contará con “24 medios aéreos entre os da Xunta e os do Estado”, este último con hidroavións do Exército do Aire. Para compensar a falta de hidroavións propios, a Xunta vai contratar “catro helicópteros a maiores" e está disposta a ampliar o número de voos xa contratados con Inaer hai só unha semana. “Os helicópteros teñen vantaxes, como a súa capacidade de chegar a zonas de difícil acceso, e inconvenientes, como a súa capacidade de auga inferior aos hidroavións”, explicou Feijóo, quen tamén asegurou que o uso dos hidroavións non estaba planificado ata agosto, polo que a Xunta aínda ten tempo para contratar os helicópteros que os substituirán sen que se resinta o servizo.

Os contratos de helicópteros da Xunta, non só os de extinción de incendios senón tamén os de salvamento marítimo, están desde hai tempo baixo a lupa tanto da xustiza como do Consello de Contas. A finais de 2014 o ente fiscalizador emitiu un duro informe no que atopou irregularidades en todos os contratos que analizou, sete, entre a Xunta e Inaer: dende ter en conta para a súa adxudicación “elementos que non estaban incluídos no prego” da licitación, ata o feito de que o Goberno galego prorrogase varios dos seus servizos máis alá dos prazos establecidos nas adxudicacións “sen a adecuada relación contractual” ou cun “trámite excepcional” e en secreto “omitindo os procedementos legalmente establecidos”. Ese informe de Contas serviu para que se reactivase unha investigación iniciada tempo antes pola Fiscalía tras unha denuncia da CIG e desenvolvida no xulgado de Instrución número 3 de Santiago

Contas criticou que a Xunta demorou demasiado a convocatoria dun concurso que logo declarou deserto para acabar contratando a Inaer de xeito negociado

No seu informe, Contas tamén puxo o foco nun concurso que a Xunta declarou deserto, como o de hidroavións ao que agora non se presentou ningunha empresa e que acabará beneficiando indirectamente a Inaer. Foi o concurso principal -soe haber outros secundarios- para o servizo de helicópteros contra incendios do verán de 2013. Malia que en moitas das licitacións da Xunta Inaer adoita ser a única concursante, con ofertas nas que non rebaixa nin un euro o prezo de partida, naquel concurso de 2013 apareceu outro candidato. Un mes despois de licitalo, a Xunta argumentou que ambas as dúas ofertas incumprían os pregos de condicións, declarou deserto o concurso e convocou un segundo proceso negociado ao que só concurriu Inaer, que levou o contrato con menos requisitos que no concurso previo e cunha rebaixa de só 8.000 euros sobre os 12,3 millóns de euros do prezo de partida. O Goberno galego argumentou que era a única opción que tiña para garantir que houbera helicópteros durante a campaña de incendios. Porén, Contas criticoulle que demorou en exceso a convocatoria do concurso inicial e que acabou realizando o procedemento negociado posterior “con infracción dos principios de publicidade e transparencia”.

Inaer e Indra impuxéronse no concurso pola base de drons de Rozas a xigantes mundiais da aviación como Boeing e Airbus

Inaer é a empresa á que, xunto con Indra, a Xunta adxudicou a base de drons de Rozas (Castro de Rei) na que esas e outras empresas privadas impulsarán proxectos tecnolóxicos cun investimento por parte da Xunta de 40 millóns de euros. Nese concurso, Inaer e Indra impuxéronse a xigantes mundiais da aviación como Boeing e Airbus.

Un helicóptero de Medio Rural xestionado por Inaer © Inaer

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.