0 Gardados para despois

A Xunta recúa e estenderá o servizo dos helicópteros sanitarios a todas as horas de luz do día

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Os helicópteros de emerxencias sanitarias do 061 volverán a estar dispoñibles durante todas as horas de luz solar nas que poidan operar e non só durante 12 horas diarias, limitación introducida pola Xunta en 2014 e que viña supondo que en verán, cando hai máis horas de luz, parte delas quedasen sen cobertura. Así o vén de decidir o Goberno galego, que este xoves autorizou a licitación dun novo concurso para prestar o servizo cando está a piques de rematar o anterior, adxudicado en 2014 e que tiña unha vixencia de catro anos. Como na maioría dos servizos de helicópteros da Xunta, este viña sendo prestado por Inaer, empresa envolta en diversas causas xudiciais en toda España no marco do denominado cartel do lume.

O contrato asinado en 2014 coa empresa Inaer reducía as operacións a 12 horas diarias, que no verán deixaban ocos sen cubrir

A limitación das horas de voo dos dous helicópteros de que dispón o 061 introducida no contrato de 2014 a 12 diarias supuña que en verán, cando entre o orto e o ocaso pode chegar a haber máis de 15 horas de luz, quedasen ocos sen cobertura, o que foi criticado polos sindicatos. Este xoves o presidente Feijóo obviou esa rectificación e presentouna como unha mellora das condicións do servizo, que pasará dunha dispoñibilidade anual de 600 horas a 800 horas.

O contrato para ese servizo adxudicado en 2014 por catro anos e que remata o próximo mes de xullo foi a parar no seu momento á empresa Inaer, hoxe integrada na multinacional Babcock, que opera a maioría dos servizos de helicópteros da Xunta. Naquel momento a Xunta convocara un primeiro concurso para estes catro anos cun custo de 8 millóns de euros, pero quedou deserto e volveuno licitar subindo o importe ata 9.440.000 euros. Inaer levou finalmente o contrato cunha rebaixa de só 10.000 euros. Esa situación foi similar á que sucedeu noutros contratos de helicópteros de incendios ou de gardacostas nos que esa mesma empresa non se presentou aos primeiros procedementos convocados, que acabaron declarados desertos e sendo convocados de novo por un importe superior e que a compañía gañou sen ofrecer rebaixas sobre os prezos de licitación. A propia compañía xustificou o seu proceder facendo ver que non hai outras empresas con capacidade técnica para competir por eses contratos, algo que fontes da Xunta lamentan pero que voces da competencia atribúen a decisións da propia Administración.

Inaer vén operando desde hai anos a maioría dos servizos de helicópteros da Xunta, contratos nos que o Consello de Contas atopou diversas irregularidades e polos que ingresa anualmente das arcas autonómicas preto de 20 millóns de euros

No novo concurso que agora convoca a Xunta para renovar o servizo do 061 o Goberno galego volve subir o importe da licitación ata os 10.120.000 euros, xustificándoo en que incorpora melloras non só do horario senón tamén das características técnicas do servizo. Ademais dese servizo de helicópteros do 061, Inaer vén operando desde hai anos tamén os helicópteros de Gardacostas de Galicia, os da Axencia Galega de Emerxencias e a maioría dos da loita contra incendios, servizos polos que ingresa anualmente das arcas autonómicas preto de 20 millóns de euros e nos que o Consello de Contas atopou diversas irregularidades. Igualmente, Inaer é unha das empresas que a Xunta elixiu como socia para desenvolver no aeródromo de Rozas, en Lugo, un centro de investigación sobre aeronaves non tripuladas.

No caso dos helicópteros contra incendios, un xulgado de Santiago vén de arquivar a pasada semana unha investigación aberta hai cinco anos contra tres altos cargos de Medio Rural por entregar o servizo a Inaer en 2012 sen contrato, ilegalidade que o xulgado dá por probada pero que non considera prevaricación porque entende xustificada.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.