0 Gardados para despois

A empresa que levou os contratos de helicópteros da Xunta: “Non é problema noso que non haxa outras”

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Inaer, a empresa de helicópteros cuxa contratación por parte da Xunta está detrás da imputación do director xeral de Política Forestal, Tomás Fernández-Couto, ía ser a que prestaría os servizos aéreos de extinción de incendios. Así o predixo a CIG antes de que fose unha realidade e así o explicaba a posteriori a propia compañía: “Se non hai en España outra empresa que cumpra con determinados requisitos técnicos, non é problema de Inaer”, respondía en agosto de 2013 unha portavoz da firma, hoxe integrada na británica Babcock, da que varias fontes sinalan que estaría intentando distanciarse dos xeitos de proceder no pasado na firma española.

A CIG denunciou as irregularidades á propia conselleira antes de acudir á Fiscalía e comprobou que aparatos de Inaer, agora integrada en Babcock, estaban nas bases da Xunta antes de ser adxudicataria

A investigación que ten aberta o xulgado de instrución número 3 de Santiago, na que están imputados Fernández-Couto, o ex-secretario xeral Francisco Vidal Pardo e o ex-subdirector xeral José Carlos Costas, céntrase, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, nas contratacións dos anos 2011, 2012 e 2013. A investigación impulsouna a Fiscalía despois de recibir unha denuncia da CIG en agosto de 2012. Pero antes diso, o sindicato xa avisara por escrito á propia conselleira de Medio Rural, naquel momento Rosa Quintana, das irregularidades que ao seu xuízo se estaban a producir. A CIG mesmo comunicara de xeito público a súa predición: o servizo prestaríao Inaer. Acertou.

A Xunta xustificou a presenza de helicópteros de Inaer en bases autonómicas antes de adxudicarlle un contrato "no marco das boas relacións" e "igual que empregan puntualmente outros aeroclubes"

Non sería a única irregularidade denunciada polo sindicato. Un ano despois, en abril de 2013, a CIG distribuíu imaxes de helicópteros de Inaer aterrados en bases contra incendios da Xunta antes de resultar adxudicataria do contrato dese ano. A Xunta dixo daquela que a presenza deses helicópteros nada tiña que ver coa posterior adxudicación do servizo e xustificouno “no marco das boas relacións” e “igual que outras aeronaves empregan de forma puntual instalacións doutros aeroclubes”.

En 2012, segundo indicou no seu momento o Consello de Contas, Inaer traballou para a Xunta “sen a preceptiva cobertura contractual”. Pero en 2013, despois de que a Xunta declarase deserto un concurso previo ao que se presentara tamén outra candidata, Inaer levouse o contrato de 12,3 millóns de euros a través dun procedemento negociado sen publicidade no que ofertou unha rebaixa sobre o prezo inicial de partida de só 8.000 euros. Noutras ocasións, como na recente adxudicación do servizo de salvamento marítimo por catro anos prorrogables dous máis ata un máximo de 51 millóns de euros, a empresa non rebaixou nin un só céntimo.

"É a administración a que establece os requisitos técnicos sabendo que empresas os poden cumplir", coinciden en criticar desde dúas empresas competidoras

O habitual nos concursos públicos é que os diferentes candidatos intenten propor a maior rebaixa posible nos seus prezos porque descoñecen se algunha outra oferta os baixará aínda máis e levará o contrato. Porén, Inaer non adoitaba facelo confiando no seu bo posicionamento no outro apartado a valorar nas contratacións, o técnico. “Se non hai en España outra empresa que cumpra con determinados requisitos técnicos, non é problema de Inaer”, explicaba a compañía despois do concurso de 2013. A visión que ofrecen outras dúas empresas do sector de menor tamaño é distinta: “É a administración a que establece os requisitos técnicos sabendo que empresas os poden cumprir”, coinciden.

En 2013 unha portavoz de Inaer explicaba que a decisión de non ofrecer rebaixas formaba parte da súa “estratexia comercial e empresarial” e argumentaba que os de helicópteros “son servizos moi especializados, pero poden presentarse empresas de toda Europa”. Porén, non había máis ofertas ou, como en 2013 co contrato de helicópteros contra incendios ou este ano no de salvamento marítimo, cando se presentou algunha outra competidora a Xunta argumentou que ningunha cumpría os requisitos, declarou deserto os concursos e volveu convocar uns novos procedementos nos que Inaer acabou sendo a adxudicataria.

Escasa competencia

A Xunta xustificou a escasa competencia no mercado dos helicópteros coa "forte demanda que exerce o mecado chino", entre outros argumentos

Nas súas alegacións ao informe co que o Consello de Contas criticou as irregularidades nas súas adxudicacións, a Xunta ofreceu outra explicación á escasa competencia nos seus contratos que repercutiu nun incremento dos prezos. “Nos últimos anos esa baixa concorrencia resulta agravada pola forte demanda de helicópteros que exerce o mercado chino e as economías de países emerxentes”, dicía. Esa elevada demanda chinesa non impediu que a Xunta vendese en 2012 a Inaer os dous helicópteros de salvamento marítimo que tiña en propiedade e se arriscase a non atopar quen posteriormente llos alugase, que acabou sendo tamén Inaer.

As investigacións do Cartel do Lume analizan un posible reparto do mercado mentres que a Comisión da Competencia evita pronunciarse por confidencialidade

Outra explicación a esa limitada competencia noutras comunidades autónomas estase a dar na investigación contra o que se coñece como o Cartel do Lume, na que se analiza se varias empresas de helicópteros se repartiron o mercado de xeito que en cada territorio os contratos os acabase levando unha delas con maiores beneficios xa fose porque as outras non se presentaban aos concursos ou porque o facían con ofertas peores previamente apalabradas.

Por outra banda, xunto coas investigacións penais en marcha contra as contratacións de helicópteros por parte de varias administracións públicas, o asunto podería ter unha derivada mercantil. En maio deste ano, tras unha reunión de Feijóo co presidente da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia, José María Marín, este último foi preguntado pola posibilidade de que o seu organismo analizase unha posible situación de monopolio no sector dos helicópteros que estea a elevar o prezo que as administracións pagan por eses servizos. Competencia non pode informar das investigacións que ten en marcha e a súa resposta á pregunta xornalística foi críptica: Dixo que non podía responder.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.