A Xunta contrata o salvamento marítimo á empresa á que lle vendeu os seus helicópteros

O Pesca 1, un dos helicópteros vendidos pola Xunta a Inaer © Gardacostas de Galicia

A Consellería do Mar adxudicou este martes al multinacional Babcock España, que adquiriu a antiga Inaer, o contrato para prestar o servizo autonómico de salvamento marítimo con helicópteros. Terá un custo para as arcas públicas de 33 millóns de euros durante os próximos catro anos, prorrogables outros dous ata un máximo de 51 millóns de euros. O servizo custará así uns 8,5 millóns de euros ao ano, un millón máis ao ano que antes de que a Xunta lle vendese en 2012 precisamente a Inaer os dous helicópteros que ata daquela tiña en propiedade. O Consello de Contas criticou que a Xunta non fixese no seu momento “ningún estudo sobre a repercusión da venta dos helicópteros” en adxudicacións futuras como a agora concretada, que confirma o agoiro dun incremento do custo que facía o órgano fiscalizador das contas públicas.

O Consello de Contas criticou a falta de “estudos” da Xunta sobre o encarecemento do contrato que agora se confirma.

En 2005, tras a catástrofe do Prestige, o goberno de Manuel Fraga comprou por 27 millóns de euros dous helicópteros Sikorsky S-76C+ e adxudicou a xestión do servizo e o mantemento dos aparatos á empresa Inaer. En 2012, tras varias modificacións irregulares do contrato denunciadas por Contas, o Goberno galego vendeulle á empresa os dous aparatos por 13 millóns de euros co argumento de que estaban a quedar vellos e que destinaría os cartos que obtiña pola venta a rebaixar a cota anual a pagarlle por operar o servizo, que tiña que seguir prestando con eses mesmos aparatos. Se ata 2012 o custo anual do servizo era de 7,5 millóns de euros, no contrato que lle outorgou ese ano a Xunta a Inaer por cinco anos ascendía a 8,9 millóns ao ano, que lograba rebaixar a 6,1 millóns grazas a restar o obtido pola venta dos aparatos.

Babcock-Inaer non se presentou ao primeiro concurso, que a Xunta declarou deserto tras eliminar a outra competidora, pero si o fixo neste segundo despois de que o Goberno galego mellorase as condicións do contrato

O pasado abril, ante a proximidade do remate daquel contrato, a Xunta convocou un novo concurso para buscar unha empresa que seguise a prestar o servizo nos próximos catro anos prorrogables a seis cun custo máximo de 6,5 millóns ao ano. A esa primeira licitación non se presentou Inaer, adquirida neste tempo pola multinacional británica Babcock e que agora se denomina Babcock Mission Critical Services España. Si concorreu outra empresa máis pequena con sede en Ferrol, Seprogal Servicios Aéreos, que foi descualificada porque a Xunta entendeu que non cumpría cos requisitos esixidos e que á súa vez denunciou ao Goberno galego ante a Fiscalía.

Tras declarar deserto aquel primeiro concurso de abril, en xuño a Xunta realizou o que se denomina unha consulta preliminar do mercado para que as propias empresas interesadas lle comunicasen que cambios debía introducir no contrato para que lles resultase máis atractivo. E en xullo convocou unha segunda licitación na que modificou algunhas das condicións do servizo e incrementou de 6,5 a 8,5 millóns o importe que está disposta a pagar anualmente tendo en conta a posible prórroga do contrato de catro a seis anos. A ese segundo concurso mellorado presentouse de novo Seprogal, que como no primeiro volveu ser descualificada pola Xunta. Pero desta volta, coas condicións xa melloradas, tamén o fixo Babcock.

Babcock-Inaer era a única candidata cunha oferta de 33 millóns por catro anos na que non rebaixou nin un euro o prezo de partida.

Na súa oferta, ao contrario do que adoita suceder coa maioría dos concursos públicos, nos que os diferentes candidatos tentan propor a maior rebaixa posible nos seus prezos porque descoñecen se algunha outra oferta os baixará aínda máis, Babcock non rebaixou nin un só céntimo o importe máximo que estaba disposta a pagar a Xunta. A outra posibilidade que daba a Xunta ás empresas interesadas de mellorar as condicións de partida da licitación era a de ofrecer un número de horas de servizo prestadas de xeito gratuíto, pero novamente Babcock non ofreceu nin unha soa hora de traballo a maiores.

Este martes, despois de críticas de En Marea, PSdeG e BNG, que a acusaron de facer un concurso á medida de Babcock-Inaer, a Consellería do Mar fixo pública a resolución da adxudicación polos anteditos 33 millóns por catro anos, prorrogables a seis anos por un máximo de 51 millóns. Confírmase así o incremento do custo do servizo que temía o Consello de Contas pola falta de estudos previos por parte da Xunta.

Oferta presentada por Babcock, na que se integrou Inaer, sen rebaixar un céntimo o importe de licitación Dominio Público Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.