A empresa á que a Xunta vendeu os helicópteros de salvamento, única candidata ao servizo sen rebaixar un euro

Feijóo e a conselleira do Mar, ante un dos helicópteros vendidos © Conchi Paz

O concurso convocado pola Xunta para prestar o servizo autonómico de salvamento marítimo con helicópteros ten finalmente unha única candidata, a multinacional Babcock, na que se integrou a española Inaer, a empresa á que en 2012 o Goberno galego lle vendeu os aparatos que tiña en propiedade. Se ata aquel ano o servizo lle custaba ás arcas públicas 7,5 millóns de euros ao ano, agora a empresa farao por un millón de euros anuais máis, sen rebaixar nin un céntimo o prezo de partida da licitación. Faino ademais despois de que o Goberno galego mellorase as condicións dun primeiro concurso convocado o pasado abril ao que a firma non se presentou e que a Xunta declarou deserto tras descualificar outra candidata, que tamén vén de ser eliminada neste segundo proceso. O incremento no custo para as arcas públicas foi advertido en 2014 polo Consello de Contas nun informe no que repasou as sucesivas irregularidades na contratación do servizo nos seus máis de dez anos de historia.

O Goberno galego mellorou as condicións do contrato despois de declarar deserto o primeiro concurso que convocou en abril

En 2005, tras a catástrofe do Prestige, o goberno de Manuel Fraga comprou por 27 millóns de euros dous helicópteros Sikorsky S-76C+ e adxudicou a xestión do servizo e o mantemento dos aparatos á empresa Inaer. En 2012, tras varias modificacións irregulares do contrato denunciadas por Contas, o Goberno galego vendeulle á empresa os dous aparatos por 13 millóns de euros co argumento de que estaban a quedar vellos e que destinaría os cartos que obtiña pola venta a rebaixar a cota anual a pagarlle por operar o o servizo, que tiña que seguir prestando con eses mesmos aparatos. Se ata 2012 o custo anual do servizo era de 7,5 millóns de euros, no contrato que lle outorgou ese ano a Xunta a Inaer por cinco anos ascendía a 8,9 millóns ao ano, que lograba rebaixar a 6,1 millóns grazas a restar o obtido pola venta dos aparatos.

O pasado abril, ante a proximidade do remate daquel contrato, a Xunta convocou un novo concurso para buscar unha empresa que siga a prestar o servizo nos próximos catro anos prorrogables a seis cun custo máximo de 6,5 millóns ao ano. A esa primeira licitación non se presentou Inaer, adquirida neste tempo pola multinacional británica Babcock e que agora se denomina Babcock Mission Critical Services España. Si concorreu outra empresa máis pequena con sede en Ferrol, Seprogal Servicios Aéreos, que foi descualificada porque a Xunta entendeu que non cumpría cos requisitos esixidos e que á súa vez denunciou ao Goberno galego ante a Fiscalía.

Tanto no primeiro concurso declarado deserto en abril como no agora en marcha xa con Babcock presentouse outra empresa que foi descualificada pola Xunta nas dúas ocasións e que denunciou á Fiscalía

Tras declarar deserto aquel primeiro concurso de abril, en xuño a Xunta realizou o que se denomina unha consulta preliminar do mercado para que as propias empresas interesadas lle comunicasen que cambios debía introducir no contrato para que lles resultase máis atractivo. E en xullo convocou unha segunda licitación na que modificou algunhas das condicións do servizo e incrementou de 6,5 a 8,5 millóns o importe máximo que está disposta a pagar anualmente tendo en conta a posible prórroga do contrato de catro a seis anos e as horas a maiores sobre o previsto inicialmente. A ese segundo concurso mellorado presentouse de novo Seprogal, que como no primeiro vén de ser descualificada pola Xunta. Pero desta volta tamén o fixo Babcock, que queda así como única candidata a facerse co contrato.

Ao contrario do que adoita suceder na maioría dos concursos públicos, a empresa non rebaixa nin un céntimo a súa oferta con respecto ao prezo máximo imposto pola Xunta

Na súa oferta, ao contrario do que adoita suceder coa maioría dos concursos públicos, nos que os diferentes candidatos tentan propor a maior rebaixa posible nos seus prezos porque descoñecen se algunha outra oferta os baixa aínda máis, Babcock non rebaixa nin un só céntimo o importe máximo que estaba disposta a pagar a Xunta. A outra posibilidade que daba a Xunta ás empresas interesadas de mellorar as condicións de partida da licitación era a de ofrecer un número de horas de servizo prestadas de xeito gratuíto, pero novamente Babcock non ofreceu nin unha soa hora a maiores.

Cando alertou das diversas irregularidades que vén cometendo a Xunta nos seus sucesivos contratos de helicópteros, o Consello de Contas advertiu da inexistencia de “ningún estudo sobre a repercusión da venta dos helicópteros” que eran propiedade pública en 2012 sobre contratacións futuras como a actual.

Oferta presentada por Babcock, na que se integrou Inaer, sen rebaixar un céntimo o importe de licitación Dominio Público Xunta de Galicia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.