0 Gardados para despois

Así certificou o Consello de Contas que helicópteros privados contra incendios operaban para a Xunta sen contrato

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Que acto xurídico deu cobertura legal ao traballo de helicópteros privados contra incendios para a Xunta de Galicia durante o ano 2012? É unha das preguntas cuxa reposta está na cerna da instrución xudicial que, como avanzou Praza.gal, mantén investigado -antiga imputación- ao máximo responsable da política forestal da Xunta durante 17 dos últimos 21 anos, Tomás Fernández-Couto, por presuntas irregularidades contractuais. O Goberno galego evitou dar resposta ao interrogante no momento dos feitos e tamén agora, cando ao transcender a imputación o propio presidente, Alberto Núñez Feijóo, insta a pór o foco na CIG, por trasladar o asunto á Fiscalía, impulsora da denuncia. No entanto, foi o Consello de Contas o que certificou como operaron estas aeronaves naquel ano: sen contrato.

O contrato asinado en 2008 foi prorrogado ata finais de 2011 e durante 2012 mantívose "sen a preceptiva cobertura contractual", como demostran as "certificacións de horas de voo"

Hai agora media década aínda formaban parte do servizo de extinción de incendios da Xunta os helicópteros inicialmente contratados polo Goberno de coalición de PSdeG e BNG para os anos 2008 e 2009. Nun informe sobre a contratación da Xunta feito público en 2014, o organismo fiscalizador das contas públicas do Goberno galego acredita que aquel contrato, composto por 4 lotes, foi asinado o 4 de abril de 2008 con tres empresas distintas que "tras a adxudicación cambiaron a titularidade para integrarse en Inaer", a empresa que tamén é adxudicataria dos helicópteros de salvamento marítimo e de emerxencias sanitarias, mercada hai tres anos polo grupo británico Babcock. A contratación, detalla o informe "foi obxecto de dúas prórrogas" que chegaron ata o 30 de decembro de 2011.

Malia rematar o contrato, Inaer seguiu prestando o servizo durante 2012, cando menos os dos helicópteros que se incluíran nos lotes 1 e 2 do contrato -8 aeronaves na licitación inicial-. E fíxoo, demostra o Consello de Contas, "sen a preceptiva cobertura contractual". Non en van, resalta o informe, unicamente "dúas certificacións correspondentes a horas de voo realizadas no ano 2012 acreditan este feito".

Fragmentos da fiscalización do Consello de Contas sobre os helicópteros de Medio Rural

"A Consellería debeu convocar un novo procedemento aberto" e non outorgar a concesión a Inaer pola vía directa

Aínda que o informe de Contas se refire a 2010 e 2011 dá en completar o panorama incluíndo "feitos posteriores ao período de fiscalización". Entre eles, que a daquela Consellería do Medio Rural e do Mar "demorou en exceso a convocatoria" dun novo contrato e non o fixo ata decembro de 2012. Como informou este diario, a aquel proceso concorreron Inaer e outra empresa, pero a Xunta considerou que as dúas incumprían os requisitos, declarou deserto o concurso e convocou un procedemento negociado, no que é o Goberno o que elixe as empresas convidadas a optaren ao contrato. Pero neste punto Medio Rural xa introducira unha "modificación substancial das condicións iniciais" que para Contas supuña un "obstáculo legal" con "infracción dos principios de publicidade e transparencia".

"A Consellería debeu convocar un novo procedemento aberto ao que poderían concorrer outras empresas interesadas don capacidade para realizar o contrato" e non outorgar a concesión a Inaer pola vía directa. Esta conclusión de Contas foi, precisamente, o que aguiloou a instrución xudicial e reactivou o procedemento no que está imputado Fernández-Couto.

As explicacións da Xunta e o aviso da CIG

Alegación na que a Xunta atribúe a demora na nova contratación dos helicópteros á fusión de Medio Rural e Mar

As explicacións e retruques da Xunta a estas advertencias do Consello de Contas foron escasas e serodias. Non en van, na quenda de alegacións que todo informe de Contas concede á Administración afectada, o departamento daquela dirixido por Rosa Quintana con Fernández-Couto como secretario xeral de Montes apenas se referiu ao acontecido en 2012. Así, non respondeu especificamente á constatación de que os helicópteros operaran sen contrato, pero si comentou máis amplamente detalles da contratación asinada polo bipartito en 2008, así como da abordada polo Goberno do PP en 2013.

A Consellería, con Quintana e Fernández-Couto á fronte, non retrucou espeficicamente á ausencia de contrato e atribuíu a "demora" do novo contrato á fusión de consellerías

O único comentario concreto e por escrito que a Xunta dirixiu a Contas referido a 2012 foi para explicar que "a demora inicial na tramitación do expediente para o ano 2012 derivou dunha serie de incidencias de carácter orzamentario e administrativo" provacadas pola "unificación das consellerías do Medio Rural e do Mar" que Feijóo decidira a principios dese ano. A controvertida fusión mantívose ata outono de 2015, cando o presidente deu en volver separalas, encomendando a Ángeles Vázquez a de Medio Rural, con Fernández-Couto no mesmo posto, e deixando a Quintana ao cargo de Mar.

A CIG alertou da "privatización encuberta" e das súas dúbidas legais do proceso e ante o caso omiso trasladou o asunto á Fiscalía, que impulsou o proceso no que está imputado Fernández-Couto

Outra das escasas explicacións públicas ao respecto déraa no propio ano 2012 a propia conselleira a preguntas do diario El País. Ao transcender que Inaer prestaría sen concurso o servizo completo das brigadas helitransportadas -helicópteros e persoal- Quintana asegurou que o fixera por falta de tempo e a través dunha "encomenda de xestión", fórmula que as Administracións adoitan empregar para encargar unha tarefa determinada a outra Administración ou a unha empresa pública, caso por exemplo de Seaga para o ámbito do Medio Rural en Galicia. Inaer, á súa vez, subcontratou a selección das brigadas coa empresa Natutecnia.

Estas palabras de Rosa Quintana chegaban xusto despois de que a CIG alertase da "privatización encuberta" das brigadas helitransportadas e a advertise directamente dos receos legais da operación liderada por Fernández-Couto. Ante o caso omiso do Goberno a central sindical trasladou o asunto á Fiscalía coa forma dunha denuncia por prevaricación. O Ministerio Público asumiu a denuncia como propia e seguiu adiante con ela, o que derivou na imputación de Fernández-Couto e outros dous cargos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.