Este verán loitarán contra os lumes 363 persoas menos

Brigadistas de Medio Rural, coas súas fundas de traballo © Xunta

O novo Plan de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga), publicado por Medio Rural, establece que o operativo da Xunta de Galicia na campaña de verán estará composto por 5.689 persoas, 363 menos que en 2011. O plan revela igualmente a diminución de dous helicópteros, que pasan de 26 a 24, e descenden así mesmo as brigadas helitransportadas, de 24 a 20.

A CIG denunciara nas últimas semanas os intentos de realizar unha "privatización encuberta" destas brigadas helitransportadas, cuxo persoal é contratado a través da empresa Natutecnia

A CIG denunciara nas últimas semanas os intentos de realizar unha "privatización encuberta" destas brigadas helitransportadas, cuxo persoal é contratado a través da empresa Natutecnia. E de feito, para cubrir os postos desas vinte brigadasm, no apartado de contratación de persoal, aparece un campo, baixo a denominación contratación persoal medios aéreos, que suma 172 persoas, pero non especifica a través de que empresa son contratados nin de quen dependen, aínda que en calquera caso figuran nun campo distinto ao de medios propios. A redución final en 363 persoas cadra co descenso na contratación a través da empresa pública Seaga, que pasa de fornecer 2.225 persoas a 1.690, uns 535 traballadores menos, dos que 172 son contratados por Natutecnia.

A CIG afirmou esta semana que Natutecnia estaba realizando probas físicas sen ningún tipo de concurso público previo e acusaba a compañía de contar con "listas negras" para excluír traballadores con anos de experiencia para "limpar a empresa de xente que reivindique os seus dereitos laborais".

Con todo, Medio Rural deféndese dicindo que aínda que vaia haber menos persoas loitando contra o lume, o servizo non se vai ver prexudicado, pois vai aumentar a xornada laboral de todos eles

Con todo, Medio Rural deféndese dicindo que aínda que vaia haber menos persoas loitando contra o lume, o servizo non se vai ver prexudicado, pois vai aumentar a xornada laboral de todos eles. Cada traballador realizará "un total de 66 días de traballo efectivo fronte aos 57 que viñan tendo segundo o antigo sistema de libranzas do total de 92 días de campaña de verán", segundo a Xunta. Sindicatos e expertos teñen advertido en anteriores ocasións que un incremento das xornadas laborais e unha diminución das xornadas de descanso poderían poñer en risco a capacidade de actuación dos traballadores en situacións extremas.

O resto de traballadores, até 5.689, son os 491 funcionarios, 877 laborais fixos, 626 fixos descontinuos e 1.095 a través de convenios que forman parte do dispositivo contra o lume. No que respecta aos medios materiais, o Estado segue achegando entre 10 e 13 medios aéreos, a Xunta mantén os 160 medios terrestres e os consistorios as súas 130 motobombas.

Brigadistas de Medio Rural, coas súas fundas de traballo © Xunta
Brigadistas no incendio das Fragas do Eume © Brif de Laza, Ministerio de Agricultura

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.