0 Gardados para despois

A crítica pola xestión da Xunta nos incendios apunta ao responsable de montes, con 17 anos no cargo

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O pasado 28 de xuño cumpríronse vinte e un anos dende que Tomás Fernández-Couto foi nomeado por primeira vez responsable directo da política forestal da Xunta de Galicia. Este enxeñeiro recibiu formalmente a encomenda en máis de media ducia de ocasións adicionais e veu ocupando o posto de xeito ininterrompido cunha única paréntese: a do Goberno de PSdeG e BNG.

Concretamente, só entre outubro de 2005 e abril de 2009 a ordenación do monte galego e a prevención e extinción de incendios non o tiveron a el como cargo político ao mando. O resto do tempo dende 1996 dirixiu a área cuxo labor se ve está a ver cuestionada ao fío da vaga de lume que, a pasada semana, arrasou unhas 35.500 hectáreas en apenas dous días.

Con diferentes denominacións e, en función do mandato, con rango de director ou secretario xeral, o actual director xeral de Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural leva días na cerna das críticas do persoal implicado na extinción dos incendios e tamén de toda a oposición parlamentaria. En Marea e BNG esixiron a súa dimisión ou cesamento a pasada semana xunto ao da conselleira, Ángeles Vázquez, e este luns sumouse a esa petición o PSdeG. Galicia precisa unha nova política forestal e esa mudanza, argumentan, non a pode efectuar quen leva nesta sensible responsabilidade case dúas décadas.

Fernández-Couto asumiu a responsabilidade da área forestal da Xunta en 1996 e só a abandonou durante o Goberno de PSdeG e BNG

Despois de que tanto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, como a conselleira Vázquez e diversos cargos do PP reducisen o seu discurso público sobre os incendios a unha cuestión de orde pública -o "terrorismo incendiario"- e apuntasen cara á necesidade de "delatar" os responsables de tramas nunca demostradas -como xa antes fixeran responsables políticos de signo diverso-, outras voces alleas ao goberno reclaman abrir o foco da cuestión. Así, o fiscal delegado de medio ambiente, Álvaro García Ortiz, vén reiterando que as evidencias impiden apuntar a unha única causa dos incendios e tanto expertos do ámbito forestal como movementos ecoloxistas chaman á reflexión sobre elementos como a estrutura e ordenación do monte, os cultivos forestais ou o despoboamento.

Todos estes elementos apenas figuran no discurso público do Executivo e tampouco no de Fernández-Couto, que apenas cinco días despois do peor da vaga tivo que acudir ao Parlamento para responder varias preguntas da oposición. Na liña do argumentario divulgado polo PPdeG nos últimos días, o alto cargo esforzouse en atribuír tacitamente aos grupos da oposición bulos ou inexactitudes divulgadas pola redes sociais como a suposta posibilidade de construír en terreos queimados -a limitación xeral é de 30 anos dende o incendio-. Ademais, culpou do "desborde" do operativo de extinción a que "saltasen lumes que viñan de Portugal entraban en Galicia, tendo que facer o dobre de esforzo".

Fronte ás críticas do persoal do propio dispositivo Fernández-Couto asegura que a previsión do Goberno galego, "que contaba cun operativo xa reforzado para este mes" pola "previsión de fortes ventos", foi a que "evitou peores consecuencias a nivel ambiental". Nunha liña semellante á expresada polo presidente, o responsable da política forestal do Goberno galego deita tamén parte das culpas nos concellos: "é certo que todos debemos reflexionar e analizar os feitos", sinalou, pero "as faixas de seguridade" de vexetación e arboredas en torno a áreas habitadas "son competencia dende o 2007 dos gobernos locais, polo que todas as administracións deben estudar o que aconteceu para tratar de evitar unha situación como a vivida".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.