0 Gardados para despois

A Xunta admite que o lume provocou máis situacións de risco para persoas que as 19 das que informou

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


“Terrorismo incendiario”, “atentado”, “actividade incendiaria desaforada” ou “homicidas” foron as verbas máis empregadas este martes pola conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, na súa comparecencia no Parlamento de Galicia para dar conta da vaga de incendios vivida en Galicia nos últimos días. En ningún momento a conselleira ofreceu probas desa suposta organización, pero igualmente concluíu que “ninguén xa oculta a intencionalidade da maior parte dos lumes que se producen”. “Galicia non arde, a Galicia plántanlle lume”, dixo, para engadir que a quen o fai “como tales terroristas deben ser tratados e xulgados”. Fíxoo antes de admitir que a Xunta se viu superada pola situación.

A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, di no Parlamento que “a maioría dos incendios foron intencionados” pero non achega probas e pide “xulgar como terroristas” os causantes

Se na mañá deste martes o presidente Feijóo recoñecía que durante “12 horas” o seu Goberno “perdeu o control” dos incendios, pola tarde a conselleira indicou que nestes días a Xunta decretou 19 veces a Situación 2 por proximidade de lapas ás vivendas, pero admitiu que “foron 19 pero podían ser máis porque houbo veces en que nin sequera deu tempo a facer os decretos pertinentes”. Tamén detallou que en toda Galicia a Xunta ten constancia dunha vintena de "vivendas habitadas" queimadas, a maioría delas no sur de Pontevedra.

Vázquez, que entrou no hemiciclo conversando coa súa antecesora no cargo, a agora só conselleira de Mar, Rosa Quintana, que en varios momentos da sesión a axudou a revisar documentos, comezou a súa intervención lembrando os nomes de Maximina, Angelina, Alberto e Marcelino, os catro falecidos nesta vaga de incendios. “Galicia xamais os vai esquecer”, dixo a conselleira, obtendo aplausos do grupo popular e de varios deputados dos tres grupos da oposición. A conselleira tamén agradeceu o esforzo de todos os que traballaron contra o lume, empregados públicos ou cidadanía voluntaria.

A conselleira dixo que cando un incendio se inicia “leva por diante montes, dá igual que estean ben ou mal ordenados”, o que suscitou o único momento de protestas da oposición durante a súa intervención inicial

Vázquez dixo que nesta vaga houbo “incendios forestais e incendios non forestais” e que “o 75% dos lumes son provocados, tres de cada catro son intencionados, tamén esta fin de semana”, da que  salientou que rexistrou condicións “extremas” polo vento e a calor e con “frontes quilométricas procedentes de Portugal”. En ningún momento da súa comparecencia a conselleira dixo se algún dos numerosos incendios identificados pola Xunta foi produto das faíscas de lumes non controlados arrastradas polo forte vento. Pola contra, Vázquez insistiu en presentar un panorama no que “plantaban lume ata nas viñas”. A conselleira tamén dixo que cando un incendio se inicia “leva por diante montes, dá igual que estean ben ou mal ordenados”, o que suscitou o único momento de protestas da oposición durante a súa intervención inicial.

Máis queimado en tres días que en todo o ano

A proxección dos datos parciais que ofreceu a conselleira supón elevar a unhas 10.000 hectáreas as queimadas estes días e a unhas 20.000 no que vai de ano

Segundo a conselleira, a superficie queimada estes días “vai ser superior a toda a ardida durante todo o ano”, pero non indicou canto era esa cifra previa, que a Xunta aínda non divulgara. O que si fixo Vázquez foi salientar que ata esta vaga o balance do que ía de ano era bo. “Galicia estaba tranquila, nós estabamos contentos”, dixo. Polas porcentaxes e comparacións que ofreceu entre o ardido ata o 31 de setembro a respecto do ardido o ano pasado, ata a chegada desta vaga incendiaria puideron queimarse en Galicia preto de 10.000 hectáreas, fronte as 21.000 rexistradas en todo 2016. Así, a proxección que fixo a conselleira supón elevar a unhas 10.000 hectáreas as queimadas estes días e a unhas 20.000 no que vai de ano.

Canto ao dispositivo de loita contra o lume activo estes días, a conselleira cifrouno en 350 brigadas, 250 motobombas, 40 pas e 20 medios aéreos incluídos os do Ministerio de Medio Ambiente. “En total esta fin de semana tivemos 5.600 efectivos, 600 da Unidade Militar de Emerxencias (UME)”, dixo a conselleira, que salientou que foi o maior operativo despregado nunca nesta época do ano. A conselleira desvelou que “en días previos” a Xunta volvera “incorporar” os 436 brigadistas que só traballan entre xullo e setembro e indicou que tamén se fixo o mesmo con outros 500 membros da empresa pública Seaga (“o 8% do dispositivo total”, salientou), pero sen indicar cando, fronte ás críticas da oposición que lle lembrou que foi o luns, pasada xa a vaga do domingo.

Vázquez concluíu a súa intervención inicial pedindo á cidadanía que non protexa os “incendiarios” co seu silencio e comezou a súa réplica pedindo que non se acuse a ENCE e os eucaliptos dos incendios. Tamén pediu non criticar os medios de comunicación senón facilitar o seu traballo, malia a opacidade informativa do seu departamento.

A oposición acusa o PP de provocala por obviar o que fixo en 2006

As verbas do que a xuízo do deputado popular está a facer a oposición na situación actual foron unha descrición do que o PP fixo en 2006. “Non serei eu quen diga que vostedes estivesen desexando que acontecese”, chegou a dicir.

A oposición (os deputados de En Marea con camisetas co lema “Lume Nunca Máis”) criticou que fose a conselleira e non o presidente Feijóo quen comparecese -Vázquez e o PP xustificaron que o presidente estaba dando o pésame ás familias dos falecidos- e coincidiu en criticar que o que ocorreu era previsible pola seca e as previsións de forte vento e calor, pero fundamentalmente polo que considera unha ausencia de ordenación forestal por parte da Xunta. O portavoz de En Marea, Luis Villares, e a do BNG, Ana Pontón, criticaron tamén a mala información da crise que ofreceron os medios de comunicación públicos. O primeiro puxo o foco en que a cidadanía tivo que facer pola súa conta o que non foi quen de facer a Xunta. “Non creo que ninguén neste país estivese contento coa situación que había no medio rural”, dixo a segunda en resposta ás verbas previas da conselleira, para criticar tamén que o pasado mércores Feijóo dixese que na zona atlántica o risco baixara “de forma evidente”. “É o momento dun cambio de modelo”, concluíu o deputado socialista José Antonio Quiroga.

Polo grupo parlamentario do PP o encargado de intervir foi o deputado José Balseiros, quen acusou á oposición de facer un uso partidista da crise actual, o que provocou protestas de todas a oposición de xeito unánime lembrando a actitude dos propios populares na vaga de incendios de 2006. As verbas do que a xuízo do deputado popular está a facer a oposición na situación actual supuxeron unha descrición do que o PP fixo en 2006. “Non serei eu quen diga que vostedes estivesen desexando que acontecese”, chegou a dicir o deputado popular, provocando as maiores protestas da oposición.

Balseiros acusou aos deputados da oposición de nin achegarse ás zonas que ardían para axudar malia e En Marea retrucoulle salientando o traballo persoal estes días do seu deputado David Rodríguez, bombeiro forestal

Balseiros chegou a acusar aos deputados da oposición de nin achegarse ás zonas que ardían para axudar a apagar os incendios, como segundo el si fixeron os cargos populares. O deputado de En Marea David Rodríguez, que foi bombeiro forestal, deixou o hemiciclo e posteriormente Villares amosaría desde a tribuna o seu teléfono móbil “estalado pola calor malia levalo dentro dun traxe ignífugo, así de preto estivo David de Manzaneda”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.