0 Gardados para despois

Feijóo di que o despedimento de 436 brigadistas hai dez días non afecta á loita contra o lume no Xurés

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Duplícase en poucas horas o maior dos tres incendios do Parque Natural, que xa levan  800 hectáreas queimadas

Os tres incendios que afectan ao Parque Natural da Baixa Limia-Xurés, dous deles aínda sen control, levaban queimadas unhas 800 hectáreas a primeira hora da tarde deste mércores, o dobre que a primeira hora da mañá, segundo os datos facilitados pola Xunta. Neste contexto, o presidente da Xunta, Albert Núñez Feijóo, rexeitou que o despedimento a semana pasada dos 436 brigadistas que só son contratados durante o verán estea a afectar á loita contra o lume. Segundo di, o dispositivo autonómico prioriza o seu despregamento segundo o perigo existente no territorio, que nesta época se concentra só en Ourense.

Segundo informou a Xunta con datos das 9.30 horas da mañá deste mércores, o maior dos tres incendios do Xurés, iniciado o domingo e no que está a intervir a Unidade Militar de Emerxencias, levaba queimadas 300 hectáreas, mentres que o segundo, iniciado o mesmo día, sumaba 90 hectáreas. Cinco horas despois, o incendio principal duplicouse e, segundo datos da Xunta das 14.00 horas, sumaba xa 650 hectáreas. Sumadas ás 90 en que se seguían estimando as hectáreas do segundo lume tamén activo e ás 51 dun terceiro incendio xa controlado pero aínda non extinguido máis de unha semana despois de iniciarse, o terreo queimado no interior do Parque Natural segundo a propia Xunta achégase xa ás 800 hectáreas, cifras que a Xunta mantiña intactas no seu último parte do día, con datos das 19.30 horas. En toda a provincia son xa máis de 1.500 as hectáreas queimadas no que vai de outono só sumando os incendios de máis de 20 hectáreas, os únicos dos que informa a Xunta. Ademais, este mércores iniciouse outro lume en Folgoso do Courel que a última hora da tarde afecta xa a cen hectáras.

O presidente xustifica que o dispositivo prioriza o seu despregamento segundo o perigo de cada momento, que limita a Ourense

Ao presidente Feijóo preguntóuselle por esta situación na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno, na que se lle pediu unha valoración sobre as críticas dos sindicatos polo recente despedimento de parte do persoal do dispositivo de loita contra o lume. Hai dez días deixaron de traballar os 436 brigadistas que só son contratados durante os tres meses de verán, permanecendo activos outros 1.400, dos que 800 traballan todo o ano e 600 só nove meses. Feijóo eludiu inicialmente referirse á redución de persoal e agradeceu o traballo dos brigadistas, salientando as “condicións climatolóxicas extremas”.

“O risco é máximo neste momento, e cada día que pasa con menos chuvia e con máis temperatura, é superior ao día anterior”, dixo o presidente, o que motivou unha nova pregunta sobre a redución do persoal precisamente nunha situación de “risco máximo”. Feijóo rexeitou nesa a súa segunda resposta a expresión “desmantelamento” empregada polos sindicatos e asegurou que “na zona atlántica o risco baixou de forma evidente” mentres que se concentra agora só no interior de Ourense.

Feijóo tamén lamentou “que algún incendiario forme parte dalgunha cuadrilla”, en referencia á detención esta mesma semana dun brigadista por supostamente provocar numerosos incendios na zona en que el mesmo traballaba. O presidente criticou que haxa quen queira “culpar dos lumes” a “os bombeiros e non os incendiarios”, sen explicitar a quen se refería.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.