O servizo de loita contra o lume ten dende esta semana 436 traballadores menos

Brigada do Spdcif desbrozando © Apropiga

Sucede todos os anos. Remata o mes de setembro e unha parte importante dos traballadores e traballadoras do Servizo Público de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais (Spdcif), con contratos fixos-descontinuos, marchan para casa. "3 meses na brasa e 9 na casa" é o comentario habitual. Entre todo o persoal que conforma o dispositivo público galego de loita contra o lume, só 800 traballadores e traballadoras teñen contrato os doce meses do ano (e moitos deles tamén son interinos); 600 traballan 9 meses (cesarán en novembro para reincorporarse en febreiro) e un total de 436, só durante 3 meses.

Só 800 teñen contrato os doce meses do ano; 600 traballan 9 meses (cesarán en novembro para reincorporarse en febreiro) e un total de 436, só durante 3 meses

O 30 de setembro, día en que estes 436 profesionais rematan os seus contratos remata tamén a tempada de alto risco de incendios. Porén, dende a Asociación Profesional do Servizo Público de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (Apropiga) lembran que o remate do verán non significa en absoluto que deixe de haber lume no monte, "como demostran os incendios que están tendo lugar en Galicia nestes días" e o propio anuncio da prohibión da realización de queimas realizado polo Goberno Galego.

Apropiga esixe que "o seu traballo se prorrogue no tempo aproveitando as súas capacidades non só nas labores de extinción, senón para as necesarias labores de prevención que se deben desenvolver nos periodos de baixo risco"

Apropiga denuncia que "fronte ás falsas informacións da Xunta que aseguran que os medios dispoñibles son suficientes tralo cese dos 436 profesionais, hai que aclarar que estes traballadores pertencen a categorías fundamentais na organización, detección e loita directa contra os incendios". A entidade esixe que estes traballadores "non sexan cesados" e que "se arbitren medidas para que o seu traballo se prorrogue no tempo aproveitando as súas capacidades non só nas labores de extinción, senón para as necesarias labores de prevención que se deben desenvolver nos periodos de baixo risco". Tampouco resulta comprensible" -engaden- "que mentres os traballadores do Servizo Público son cesados, continúen operativos os medios contratados a través de entes públicos ou empresas privadas".

 

Brigadistas traballando na extinción dun incendio © Apropiga

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.