0 Gardados para despois

CRÓNICA | Feijóo e Rajoy, da outra beira do lume unha década despois

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O 17 de setembro de 2006 o PPdeG deu por cobrada unha débeda política que atenazaba os seus dirixentes dende case catro anos atrás. Naquela xornada a maquinaria partidaria que durante anos enchera o Monte Faro, o Monte do Gozo ou innumerables mitins despregouse na cidade de Santiago baixo as siglas da plataforma Sós contra o Lume, presidida polo daquela alcalde popular de Barro, José Antonio Landín. Comitivas organizadas por municipios, non poucas cos seus alcaldes á fronte, sumaron milleiros de persoas a unha manifestación que tivo como protagonistas aos daquela líderes do principal partido da oposición en Galicia e no Estado, Alberto Núñez Feijóo e Mariano Rajoy. O PP considerou que xa tiña o seu Nunca Máis, movemento ao que aínda na actualidade lle reprochan parte da súa perda de poder electoral a principios de século.

A organización auspiciada polo PP e apoiada na estrutura do seu sindicato agrario afín, o daquela aínda potente Xóvenes Agricultores, situara á fronte daquela protesta á filla e á neta das dúas mulleres que faleceran en Cotobade atrapadas no seu coche polo lume en circunstancias moi semellantes ás da morte de dúas mulleres no incendio de Nigrán o pasado domingo. A existencia de vítimas mortais naquela vaga de lume, a máis intensa en vinte anos, -falecera tamén outra persoa mentres extinguía o lume e unha cuarta dun infarto- era sinalada polos conservadores como unha das evidencias da "incompetencia" da Xunta de PSdeG e BNG para facer fronte á catástrofe. "Con nós non morría xente nos incendios e con eles, catro persoas", sintetizara meses despois o propio Feijóo durante un mitin da precampaña das municipais en Carballo.

Feijóo, na oposición: "Con nós non morría xente nos incendios e con eles, catro persoas"

A sombra dos incendios de 2006 pairou sobre os deste 2017 dende primeiras horas do pasado domingo, cando ficou constatado que a vaga que golpeaba o interior de Ourense dende días atrás se espallaba descontrolada por todo o país. Diversos cargos da Xunta e do PP comezaron a lanzar a petición -e mesmo a esixencia- en declaracións públicas e mensaxes en redes sociais de non "politizar" o que estaba a acontecer e a reiterar unha idea forza que despois reiteraron Feijóo e a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, en diversas intervencións nos medios: só cabe unha culpabilidade e unha explicación aos incendios, a do alcumado como "terrorismo incendiario".

Verbas como "ataque" ou "terrorismo" repetíronse tamén este luns, cando Feijóo e Rajoy presidiron unha xuntanza de seguimento do lume moi semellante á que once anos atrás encabezaran Emilio Pérez Touriño, Alfredo Pérez Rubalcaba e Alfredo Suárez Canal como presidente, ministro do Interior e conselleiro do Medio Rural. Contra todos eles berrárase na manifestación de Sós contra o lume, así como contra José Luis Rodríguez Zapatero e Anxo Quintana para esixir a súa dimisión.

Naquela manifestación de 2006 cundira a mofa contra a tese do "terrorismo incendiario" que defendía a Xunta de PSdeG e BNG como antes fixeran os gobernos de Albor e Fraga e agora, o de Feijóo

"Touriño, covarde, Galicia está que arde", "Zapatero, embustero", "Goberno de inútiles, nunca máis", coreara a multitude animada dende vehículos con altofalantes que repetían consignas previamente gravadas. Os berros contra socialistas e nacionalistas e as esixencias de dimisións estiveran salferidas por críticas a escritores e artistas que apoiaran a plataforma Nunca Máis -"Titiriteiros, nunca máis"- e tamén pola mofa a quen participaran na protesta ligada aos incendios que esa mesma plataforma organizara días antes para denunciar o "terrorismo forestal". "Onde están os terroristas?", repetíase ironicamente para desdeñar a tese da trama incendiaria á que apuntaba a Xunta de PSdeG e BNG, tese que tamén defenderan os gobernos de Albor e Fraga e que agora asume e amplifica o de Feijóo con innumerables declaracións e tamén con anuncios na prensa.

Rajoy e Feijóo, nun acto de partido durante a súa etapa na oposición / PPdeG

Feijóo e Rajoy están agora da outra beira do lume e este luns, cando milleiros de persoas recuperaron o lema "nunca máis" para clamar contra os incendios e tamén contra a política forestal da Xunta, dende a contorna do PP choven as críticas por unha "politización" que, ao seu xuízo, só beneficia aos devanditos "terroristas". No entanto, nesas mesmas concentracións agromou a memoria de imaxes como a do actual presidente simulando apagar o lume en Meis en Meis cunha mangueira de xardín -dera en pedir desculpas anos despois- e, sobre todo, as verbas de ambos dirixentes populares naqueles días de hai 11 anos. "En situacións coma esta é onde se mide a eficacia dos gobernos", dixera Feijóo mentres Rajoy cargaba contra a Xunta de PSdeG e BNG polo que definía como unha mestura de "incompetencia, ineficiencia, demagoxia e ocultismo".

Feijóo, en 2006: "unha vez controlado o lume é o momento de falar de política"

Porque, a xuízo de Feijóo en 2006, "unha vez controlado o lume é o momento de falar de política", premisa que implicaba admitir que "foron os cidadáns e o pobo os que venceron os criminais do lume e supliron a incompetencia do Goberno", dixo o 5 de setembro daquel ano no Parlamento. "O Goberno non estivo", afirmou para resumir aquel verán, que comezara cunha circular interna do PP da Coruña chamando a "dilatar" os trámites da constitución de brigadas municipais contra incendios para facer ver á "opinión pública" a "lentitude da Xunta" e rematara co propio Feijóo asegurando, a partir dun informe dunha web de mapas -a desaparecida mapasnet.com- que na vaga de incendios arderan máis de 175.000 hectáreas, aínda que realmente foran 77.000 e en todo aquel ano, case 96.000. 

A diagnose oficial da vaga de incendios de 2006 ficara reflectidas nas conclusións sobre política forestal da comisión parlamentaria de estudo sobre o acontecido -o PP esixira que fora de investigación-, poucas delas aplicadas plenamente. O debate estrutural sobre os incendios e as súas causas rematou, como nos anos seguintes, en canto o lume foi apagado.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.