0 Gardados para despois

Os incendios no que vai de outubro duplican os habituais e volven a cifras de hai vinte anos

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"Non é normal". É unha das expresións máis repetidas nos últimos días cando, nos escasos ocos que fican entre a intensa actividade política ao fío de Catalunya, ocupa espazo a vaga de incendios que sofre Galicia neste mes de outubro, concrentrada na súa práctica totalidade en áreas montañosas de Ourense e Lugo e con especial incidencia no Parque Natural do Xurés. A apreciación subxectiva do extraordinario da situación concorda, nesta ocasión, cos datos obxectivos. O número de incendios que sufriron os montes do país no que vai de outubro duplican amplamente as cifras habituais da última década nas mesmas semanas do ano e sitúanse en valores máis propios de finais dos anos 90 ou comezos deste século.

Atendendo á política informativa reinstaurada dende o regreso do PP á Xunta no ano 2009, a Consellería de Medio Rural non informa de todos os incendios que se declaran, senón que só revela os de máis de 20 hectáreas e, por baixo desa superficie, os que atinxen a áreas poboadas ou protexidas polo seu valor ambiental. No entanto, o departamento autonómico si ofrece, de cando en vez, cómputos globais nos que inclúe incendios dos que antes non informara. É o que fixo este 12 de outubro, cando deu en revelar un "dato ilustrativo" nun comunicado á prensa: nos días que levan transcorridos de outubro rexistráronse en Galicia "un total de 235 lumes", di a Consellería, dos que 123 aconteceron nalgún punto da provincia de Ourense.

No que vai de mes rexistráronse 235 incendios, o habitual na última década era que nestas mesmas semanas do ano roldasen os 100

Como bosquexa Medio Rural nese comunicado, esta cantidade de incendios son máis do duplo dos habituais na última década. Así o acreditan os datos que difundiu ao seren comparados coas medias acumuladas da última década, incluídas no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais (Pladiga). Atendendo a estes estudos, na última década -entre 2007 e 2016- o habitual nestas dúas semanas -a cadraxésima e a cadraséximo primeira do ano- é que se rexistren en Galicia entre 90 e pouco máis de 100 incendios. Nos últimos cinco anos a media foi, concretamente, de 91,2 incendios. 

Media de incendios por semanas en Galicia; o inicio de outubro correspóndese coas semanas 40 e 41

Os valores deste ano son máis propios doutra serie estatística incluída no Pladiga, a que vai de 1997 a 2006 e que, daquela, inclúe anos especialmente catastróficos nos montes galegos como 1998, con case 50.000 hectáreas ardidas, o 2005, con máis de 70.000, e o propio 2006, o peor en vinte anos tras arder máis de 90.000 hectáreas. Que nos inicios de outubro Galicia sufrise máis de 200 incendios forestais era habitual naqueles anos, cando o ano adoitaba pecharse con máis de 12.000 incendios. Mentres, na última década só se superaron os 3.000 un ano, o 2011.

Máis 2.000 hectáreas ardidas, 800 no Parque do Xurés

Vista do incendio de Cervantes en imaxes tomadas por bombeiros forestais da Brif de Laza

Mentres a decisión política do Goberno galego sobre non informar de todos os incendios que acontecen impide obter un panorama xeral da situación dos montes, os que si revela indican que o lume xa arrasou neste mes de outubro máis de 2.000 hectáreas das que 800 se sitúan nos tres incendios do municipio ourensán de Lobios que atinxen ao Parque Natural do Xurés. A información actualizada por medio rural este venres recollía ata 17 incendios, maís dunh ducia deles na provincia de Ourense e o resto, na de Lugo cunha única excepción, en Pontevedra.

Tras dar por controlados os incendios do Xurés óllase con preocupación cara a Vilariño de Conso, Folgoso do Courel e Cervantes

Sempre segundo Medio Rural xa é posible dar por controlados dous dos incendios do Xurés, os declarados o día 8, e por extinguido o que levaba ardendo dende o 2 de outubro e queimou 51 hectáreas. Os servizos de extinción controlaron tamén outros dous en Chandrexa de Queixa con cadansúas 20 e 33 hectáreas e un máis de Vilar de Barrio que queimou unhas 125 hectáreas. Mentres, no Carballiño foi extinguido un incendio de case 30 hectáreas.

O concello que este venres rexistraba maior número de incendios activos era Vilariño de Conso, con catro declarados -dous activos e dous estabilizados- nos últimos dous días que suman 530 hectáreas. As lapas tamén estaban estabilizadas en Manzaneda, con 20 hectáreas ardidas. Ademais, Medio Rural deu conta doutro incendio de 24 hectáreas en Melón, xa controlado, e contra o serán revelou outro en Vilamarín que xa ascendía ás 100 hectáreas.

Na provincia de Lugo, pola súa banda, o incendio máis preocupante e tamén activo é o de Folgoso do Courel, con 150 hectáreas xa arrasadas mentres seguen avanzando os de Chantada, onde xa arderon tamén 150 hectáreas, e se presta especial atención ao de Cervantes, en plena montaña, con outras 40 hectáreas. Tamén no interior, aínda que xa na provincia de Pontevedra, tráballase contra as lapas para extinguir un incendio en Silleda, onde xa arderon unhas 150 hectáreas. 

Incendios a 13/10/2017 dos que informa a Xunta (en azul, os extinguidos)
Concello Superficie Data de inicio
Vilariño de Conso 400 11/10/2017
50 12/10/2017
30 12/10/2017
57 12/10/2017
Manzaneda 21 12/10/2017
Lobios (parque do Xurés) 650 8/10/2017
90 8/10/2017
51 2/10/2017
Chandrexa de Queixa 20 12/10/2017
33 11/10/2017
Vilar de Barrio 125 10/10/2017
Vilamarín 100 13/10/2017
O Carballiño 29,7 9/10/2017
Melón 24 13/10/2017
Folgoso do Courel 150 11/10/2017
Chantada 150 12/10/2017
Cervantes 40 12/10/2017
Silleda 150 12/10/2017
TOTAL 2.163,7

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Persoal de Seaga volve cargar contra a Xunta: "Está mirando pola ventá agardando que chova"

M.P.

Persoal de Seaga concentrouse este venres ante a Dirección Xeral de Montes para reclamar unha política forestal e de extinción de incendios “responsábel” e planificada que atenda ás "necesidades reais que hai" para enfrontar os lumes que se están producindo nos montes galegos e a súa nova tipoloxía. Denunciaron ademais que, malia manterse o alto risco de incendios, o mesmo xoves finalizaron os seus contratos 500 traballadores.

Persoal do Seaga pide unha política forestal "responsábel" e denuncia que 500 traballadores finalizaron os seus contratos este xoves

Así o explicou Pete Breas, delegado sindical da CIG en Seaga na provincia da Coruña. “Agora mesmo está ardendo medio país e a Xunta non responde á chamada da sociedade”, asegurou. “Somos 500 traballadores da empresa pública de Seaga que rematamos a campaña e non temos orde de que se nos volva contratar”.

Porén, a Xunta, segundo denuncian, si renovou os contratos aos motobombistas e emisoristas de tres meses que tampouco teñen capacidade para enfrontarse a un lume se non hai brigadas de terra. Así, Breas advirte de que estamos nun momento no que "pode haber unha desgraza". "Agora non está habendo vento e a Xunta está mirando pola ventá agardando que chova, pero esa non é unha política responsábel. Fai falta xente no monte para apagar o lume porque se comeza a haber máis vento pode producirse unha vaga de lumes moi importante e podemos ter un caso grave”.

"A Xunta está mirando pola ventá agardando que chova, pero esa non é unha política responsábel"

O delegado da CIG lembra que en 2011 houbo unha vaga de lumes importante e para facer fronte a esa situación a Xunta renovara por un mes máis os contratos e denuncia que agora, malia a situación que se está a vivir “a Consellaría non quere achegar os cartos necesarios para que volvamos a traballar”.

O persoal de Seaga retrata unha situación "descontrolada". A modo de exemplo Pete Brea sinala que este xoves mesmo houbo bastantes persoas afectadas por inhalación de fume e até ardeu un coche dunha brigada da Xunta.

A isto Josafat Puente, presidente do comité de Pontevedra engade que neste venres, ás oito horas, non había ningunha brigada dispoñíbel.  “Iniciouse un lume ás cinco da madrugada e había un axente e unha motobomba pero estamos sen brigadas así que a provincia de Pontevedra non está atendida malia onte haber un lume en Baiona e hoxe en Baiona e Salceda”.

Puente matiza ademais que os vixiantes acaban de ser renovados pero “do persoal de terra non queda nin o de Tragsa, nin o dos concellos, nin o de Seaga. Queda o persoal da Xunta só”.

Malia isto, a única noticia que ten o persoal desta empresa pública é que a Xunta procedeu a desmontar o operativo e só ofertou 50 postos para traballar por obra, cousa que lles parece "irrisoria e demencial cando hai un colectivo que está traballando tres meses ao ano e quedan fóra de calquera prestación, malvivindo e volvendo tres meses a traballar na campaña seguinte”.