Bombeiros forestais reclaman mellores condicións e que o persoal de seis meses traballe máis tempo

Protesta dos bombeiros forestais ante San Caetano CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Ducias de bombeiros forestais protestaron entre luns ante o edificio da Xunta en San Caetano para reclamar que se aumente o tempo de traballo dos brigadistas fixos descontinuos, que tan só traballan medio ano, ademais de melloras laborais no servizo contra incendios

A CIG denuncia que os bombeiros fixos descontinuos que só traballan seis meses "non chegan nin ao limiar da pobreza"

Segundo explicou a responsable de CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, hai máis de 2.500 bombeiros forestais, dos que preto do 40% —máis do 900— unicamente traballan seis meses, polo que "non chegan nin ao limiar da pobreza". "Non podemos permitir que empregados públicos na Xunta sexan pobres", advertiu nunha mobilización na que os bombeiros berraron consignas polos "dereitos laborais" e contra a súa "precariedade". 

Brigadistas traballando contra o lume na Pobra do Brollón, durante os incendios de xullo de 2022 CC-BY-SA ATBrif

"O plan da Xunta é funcionariar todo o persoal agás o de seis meses, que quedaría como persoal laboral", criticou Burgos, que advertiu que entre ese 60% de persoal que vai incorporase ao funcionariado, nunha primeira fase xa resolta con 500, as condicións están "empeorando" por non teren convenio nin dereitos laborais. 

A situación implica, segundo dixo, que se alonguen xornadas ata as doce horas ou se impoñan días de vacacións en libranzas. Por iso, reclaman que se determinen as funcións e as condicións laborais dos bombeiros forestais. 

Ante esta situación, a CIG reclama que se amplíe o tempo traballado polo persoal fixo descontinuo, así como unha "profesionalización de todo o servizo". Segundo o sindicato, é "urxente" a regulación das condicións laborais deste persoal, "actualmente nun limbo", o que está a provocar que "sufran permanentes abusos por parte da Administración".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.