0 Gardados para despois

Dez anos do boicot do PP ás brigadas contra incendios da Xunta

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Nos últimos días de xullo de 2006, hai agora dez anos, Galicia estaba a piques de enfrontarse á que acabou sendo peor vaga de incendios en dúas décadas. Aquel verán arderon nos montes do país case 100.000 hectáreas nuns 7.000 incendios e nunha pésima primeira quincena de agosto chegaron a estar activos case dous centenares de focos ao mesmo tempo, moitos deles próximos ás principais cidades e vías de comunicación e mesmo á residencia oficial do presidente da Xunta. Os incendios daquelas dúas semanas longas, que provocaran ademais a morte de catro persoas, deron lugar a unha fortísima controversia política entre a Xunta e o que daquela era único partido da oposición, o PP. Nas seguintes semanas de tirapuxa partidario e institucional chegara a saír á luz que unha parte da dirección dos populares galegos instara os seus alcaldes a boicotear as brigadas contra incendios da Xunta mediante a obstaculización da posta en marcha das brigadas municipais.

Esta instrución ditárase dende a dirección provincial do PP da Coruña, na altura presidido por Juan Juncal, e fora concretada mediante un informe redactado por quen era secretaria provincial de organización, María Faraldo. A misiva asinada por quen despois sería alcaldesa de Betanzos, revelada poa Cadena SER, comezaba explicando que, "a verdade", o modelo de colaboración proposto pola Xunta para constituír as brigadas contra incendios cos concellos non presentaba "grandes diferenzas" a respecto do mantido durante os gobernos de Manuel Fraga. No entanto, politicamente resultaba conveniente desenvolver unha "estratexia baseada na dilación" que atrancase o proceso.

A vaga de incendios de 2006 acabou sendo a peor en dúas décadas

"Non parece", sinalaba o documento, que as diferenzas entre os convenios da era Fraga e os formulados pola Consellería do Medio Rural que dirixía Alfredo Suárez Canal (BNG) tivesen "suficiente entidade" para "xustificar" unha "decisión dos concellos do PP de non asinar os convenios". Sobre todo, advertía o documento, porque "se houbese moitos lumes, a Xunta tentaría responsabilizar o PP ante a opinión pública por esta decisión". Por iso a mellor opción era obstaculizar sen chegar á "negativa".

A nota interna do PP instaba os alcaldes a "dilatar" a constitución das brigadas alegando "diferenzas" para despois culpar a Xunta de "lentitude"

A conduta recomendada dende a cúpula do PP ficaba resumida deste xeito: "Non se pode, en ningún caso, admitir as présas e os prazos a modo de ultimátum que está dando a Consellería. Así, o procedente era dirixirse ao Executivo non para asinar, senón para "recordar" que Medio Rural "leva un mes de atraso nos trámites" e que "un Concello ten os seus procedementos" para, por exemplo, "seleccionar o persoal", elección na que nesa ocasión cumpría ser "especialmente celosos". "Se trata, en definitiva -sintetizaba- de transmitirlle á opinión pública que os concellos do PP están dispostos (...) a colaborara  tope na loita contra os lumes forestais", se ben "a lentitude da Xunta e as variacións introducidas nos convenios alargan os procedemenos e provocan atrasos de máis de dous meses". Debía quedar claro, ademais, que ningún rexedor popular accedería a asinar os convenios nun acto público único e conxunto co conselleiro, ao consideralo "propagandístico".

Instrucións remitidas polo PP da Coruña aos seus alcaldes no verán de 2006

"Un parágrafo infeliz" para Feijóo

Cando a carta asinada por Faraldo saíu á luz non atopou reproches na dirección conservadora. Así, o daquela líder da oposición, Alberto Núñez Feijóo, reduciu a instrución a un "parágrafo infeliz" que PSdeG e BNG utilizaban para "criminalizar a oposición" en vésperas da manifestación da plataforma SÓS contra o lume, impulsada polo propio PP para protestar polo xeito en que a Xunta xestionara a vaga de incendios. A misiva atopara tamén apoio "absoluto" no actual vicepresidente da Xunta, que no verán de 2006 levaba xa varios meses na secretaría xeral do PPdeG. En rolda de prensa, Alfonso Rueda lamentou que os socios do Goberno buscasen unha "cortina de fume" na instrución interna do PP para tentar desviar a atención a respecto da súa propia xestión.

Faraldo tivo que abandonar o Parlamento en 2014 tras ser procesada por presuntos delitos de prevaricación e falsidade

Dez anos despois daqueles sucesos os montes galegos afrontan unha nova temporada de alto risco de lumes tras un 2015 e, sobre todo, un 2014 no que as cifras de hectáreas queimadas foron das máis baixas da serie histórica. Neste contexto, o propio Feijóo retrucaba a pasada semana ás críticas sindicais defendendo que as brigadas municipais se constitúan máis tarde porque, di, o risco polo lume chegará ata o mes de outubro. María Faraldo, pola súa banda, pasou de asinar aquela polémica carta a ser rexedora betanceira e despois, deputada no Parlamento, posto que tivo que abandonar en 2014 ao ser procesada por presuntos delitos de prevaricación e falsidade na súa etapa como alcaldesa

Hectáreas queimadas polo lume en Galicia

CC BY-SA

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Inaer leva máis helicópteros contra o lume a dedo e sen apenas rebaixar o prezo

David Reinero | @DReinero

Como en ocasións anteriores censuradas polo Consello de Contas, Inaer, a empresa dominadora do mercado de helicópteros de emerxencias en Galicia e boa parte de España, vén de ser adxudicataria a dedo e logo dun procedemento acelerado por parte da Xunta dos catro helicópteros contra incendios cos que o Goberno galego quere suplir este ano os cinco avións con que contaba en campañas anteriores. A empresa, como se fose coñecedora de que non ía ter competencia, presentou unha oferta na que rebaixa pouco máis de 2.000 euros o importe de licitación de 647.000 euros ofrecido pola Xunta, apenas o 0,3%. O Goberno galego asegura que invitou a participar no procedemento negociado sen publicidade a outras cinco empresas e que ningunha amosou interese, pero non desvela os seus nomes.

En anteriores campañas contra o lume a Xunta contrataba tanto helicópteros como avións, ademais de contar co reforzo dos hidroavións do Goberno central. O concurso público para os helicópteros habituais levouno Inaer, como nos últimos anos, por uns 12 millóns de euros. Porén, este ano o concurso para o servizo de avións autonómicos quedou deserto por dúas veces e a Xunta decidiu substituílos por máis helicópteros. Primeiro convocou un concurso público ordinario, ao que se pode presentar calquera empresa que o desexe. Pero logo, argumentando a imposibilidade de garantir que os aparatos estivesen a tempo, iniciou un procedemento de contratación negociado sen publicidade e pola vía de urxencia, moito máis rápido que o concurso público pero no que é a administración a que elixe a dedo as empresas ás que invita a participar.

Segundo a web de contratación da Xunta, o procedemento negociado sen publicidade iniciouse o 6 de xullo e as seis empresas ás que supostamente invitou a participar, das que nesta ocasión non ofrece os nomes, tiveron só catro días laborables para elaborar as súas propostas e entregalas antes do día 12. A única que así o fixo foi Inaer, como prognosticaron fontes do sector cando a Xunta anunciou a súa intención de substituír avións por helicópteros. A súa oferta, en asociación con Natutecnia, como nelas é habitual, acabou gañando por falta de competidoras cun importe total de 644.690 euros, só 2.157 euros menos que o máximo que estaba disposta a pagar a Xunta.

Esta non é a primeira vez que Inaer acaba resultando gañadora dun contrato da Xunta porque o Goberno galego se atopa con supostos imprevistos. Nun duro informe emitido a finais de 2014, o Consello de Contas atopou eivas en todas as contratacións da Xunta con Inaer e acusou ao Goberno galego de tramitar con demasiada lentitude os seus contratos ordinarios de helicópteros co resultado de acabar adxudicando os aparatos a través de negociados sen publicidade ou de ter que prorrogar mentres os contratos previos a Inaer “sen a adecuada relación contractual”.