Un novo contrato en período de alto risco alarga o estrago dos helicópteros contra incendios

Un helicóptero contra incendios da Xunta operado por Inaer © Inaer

O pasado febreiro a Asociación Española de Compañías Aéreas de Helicópteros y Trabajos Aéreos, a patronal do sector, aproveitou a combinación dun erro da Consellería de Medio Rural cunha reforma do Goberno de España para tombar o concurso de 13 millóns de euros co que a Xunta ía contratar o groso dos helicópteros contra incendios para 2016 e 2017. Aquela operación obrigou o goberno a reiniciar o proceso ata adxudicalo, a mediados de xuño, ás empresas Inaer e Natutecnia. O dispositivo de helicópteros íase complementar con cinco hidroavións que, no entanto, non puideron chegar a contratarse ao ficar deserto a finais do mes pasado o concurso desta subcontratación. Para substituílo a Xunta decidiu contar catro helicópteros máis, cuxa contratación vén de iniciar por segunda vez en apenas unha semana, e xa en período de alto risco de incendios.

Como informou este diario, foi o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen informou de que, tras quedar deserto o concurso dos avións, a alternativa sería ampliar as horas de servizo dos helicópteros xa contratados e, ademais, "contratar catro helicópteros a maiores". Así, Medio Rural comezou o procedemento o 27 de xuño, a tres días do inicio do período de alto risco, e dáballes ás empresas ata o 30 de xullo para presentar as súas ofertas. Os dilatados prazos do contrato, orzamentado en algo máis de 857.000 euros, provocaban que estes catro helicópteros de reforzo non puidesen estar dispoñibles xa non no mes de xullo, senón tampouco durante o mes de agosto.

A Xunta convoca de urxencia un concurso negociado sen publicidade para poder dispoñer dos helicópteros en agosto

Neste escenario, a Consellería lanzou poucos días despois, o pasado día 6, unha nova contratación de catro helicópteros por algo menos de 650.000 euros -o período a contratar é só a campaña de incendios, e non ata fin de ano, como no anterior-. Neste caso o procedemento non é aberto, como o de xuño, senón negociado sen publicidade por tratarse dunha contratación de "imperiosa urxencia", argumenta a documentación. Así, no canto de agardar a que concorran as empresas que o consideren oportuno, é a Xunta a que realiza convites a compañías. "Trátase dunha necesidade urxente e perentoria, que debe ser cuberta no prazo máis breve posible, posto que é preciso contar cun reforzo a curto prazo que garanta poder facer fronte a posibles situacións de emerxencia", resalta.

A operación pasa de 857.000 á contorna do millón e medio de euros, xa que o primeiro concurso segue a desenvolverse, segundo a documentación

Así, as empresas convidadas terán ata o martes, 12 de xullo, para formular as ofertas, e a Xunta agarda dispoñer dos helicópteros a principios de agosto. A premura de todo o proceso amósase ás claras nunha das advertencias incluídas na licitación. Se "por razón non imputables" á propia Xunta este segundo contrato "non está formalizado con anterioridade ao 1 de agosto", a empresa adxudicataria "comprométese" a "poñer á disposición" de Medio Rural os catro helicópteros no caso de que "se produzan acontecementos catastróficos que supoñan un grave perigo".

O contratista debe ter tamén en contra outra cautela. O proceso de emerxencia e negociado sen publicidade non supón que o Goberno renuncie ao contrato lanzado en xuño, o que non permitía dispoñer dos helicópteros en agosto. Así, se cando, ao final da temporada de incendios, caduque o contrato urxente destes catro helicópteros a Consellería "aínda non dispón dos serivzos dos helicópteros contratados no procedemento aberto" por "atrasarse a formalización do contrato", esta contratación excepcional "poderá prorrogarse". En calquera caso, o que xa cabe concluír é que, onde a Xunta ía gastar algo menos de 857.000 euros terá que achegar en torno a millón e medio, que é o que suman os dous contratos.

A relación con Inaer, cuestionada polo Consello de Contas e a Xustiza

Á espera de coñecer que empresas optan ao primeiro contrato e cales son convidadas ao segundo, o negociado pola vía de urxencia, cabe agardar que en ambos procesos estea presente Inaer, o xigante dos helicópteros que, en diversas ocasións, aparece como única candidata a facerse con contratos da Xunta coma estes, tanto de incendios como de salvamento marítimo. A relación da Administración autonómica con esta empresa xerou receos nos últimos anos no Consello de Contas e nos tribunais de Xustiza, toda vez que, por exemplo, un informe do ente fiscalizador detectou en 2014 irregularidades en todos os contratos que analizou entre a Xunta e a compañía. Esas dúbidas derivaron, a instancias dunha denuncia da CIG, nunha investigación da Fiscalía de Santiago por presunta prevaricación.

Contas acusou a Xunta en 2014 de dilatar en exceso os prazos destes concursos e a Fiscalía abriu unha investigación por presunta prevaricación

Como informou Praza.gal, Contas tamén dubidaba dun episodio semellante ao que agora vive Medio Rural. Daquela, en 2013, a Xunta licitou o concurso principal dos helicópteros -o equivalente ao adxudicado o pasado xuño- e declarou o proceso deserto ao considerar que ningunha das empresas concursantes, Inaer e outra compañía, cumprían as condicións esixidas. Pouco despois, o Goberno galego puxo en marcha un procedemento negociado sen publicidade ao que só optou Inaer, que se fixo co contrato. Segundo a Xunta, aquela era a única vía posible para non quedar sen helicópteros contra incendios nese ano. Segundo Contas, a Administración dilatara excesivamente a contratación ata acabar no negociado sen publicidade, infrinxindo as regras de "publicidade e transparencia".

A conselleira do Medio Rural e o titular de Montes, Fernández-Couto, nunha visita a Monfero © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.