0 Gardados para despois

A patronal de helicópteros frea o contrato da Xunta para extinguir incendios grazas a unha reforma de Rajoy

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O pasado novembro a Consellería do Medio Rural comezou os trámites da contratación dunha decena de helicópteros para o servizo de extinción de incendios. Obviando as críticas de boa parte do persoal, que reclama un servizo único e a fin das privatizacións, o departamento autonómico abordaba unha operación para as campañas de 2016 e 2017 por un importe superior aos 13 millóns de euros, prevendo ademais posible prórrogas que elevarían o importe por riba dos 36 millóns. A finais de decembro a Asociación Española de Compañías Aéreas de Helicópteros y Trabajos Aéreos (AECA) presentou un recurso contra o proceso baseándose nunha reforma aprobada polo Goberno de España en 2014. E vén de lograr paralizar o proceso.

Entre os requisitos estipulados pola Consellería no seu prego de condicións figuraba, por exemplo, que os pilotos das aeronaves terían que contar, cando menos, con experiencia de 1.200 horas de voo totais, 600 "como comandante de aeronave" e 300 en campañas de loita contra o lume. Asemade, indicaba que "os pilotos estranxeiros deberán dominar o castelán" -sen referencia ningunha ao galego- e que terían que contar con determinadas certificacións en vigor, como a "autorización para a realización de operación de extinción de incendios" ou ter a licenza de piloto agroforestal.

As empresas advertiron que un decreto de 2014 rebaixou as esixencias en materias como a experiencia dos pilotos

Medio Rural baseou estas esixencias nun Real Decreto promulgado polo Ministerio da Presidencia no ano 2010 no que se fixaron regras xerais para contratar medios aéreos de extinción de incendios. Pero AECA advertiu que esas normas foran notablemente relaxadas no ano 2014 polo Executivo do PP con outro Real Decreto co que o Ministerio de Fomento regulou "as actividades aéreas de loita contra incendios e busca e salvamento", entre outros ámbito.

Nomeadamente, o argumento de AECA consistiu en tentar impugnar a contratación por, segundo indica a Xunta, "sobrepasar as esixencias legais mínimas" no que atinxe á "experiencia esixida aos pilotos", rebaixada na norma de 2014, e tamén a "condicións de aptitude" como esixencia da devandita licenza de pilotaxe agroforestal ou a autorización específica para esixir incendios. Unha vez examinado o recurso, o director xeral de ordenación e produción forestal, Tomás Fernández-Couto, tivo que admitir nunha resolución do pasado 12 de xaneiro que esta circunstancia é o que a lei considera un "erro non subsanable" nunha licitación, polo que cómpre "deixar sen efecto o procedemento".

Antecedentes de opacidade

O pasado 2015 a Fiscalía iniciou unha investigación por presunta prevaricación nos contratos dos helicópteros, sinalados por Contas como exemplo de adxudicacións 'a dedo'

Así as cousas, Medio Rural desiste do contrato para "subsanar as deficiencias detectadas e iniciar de novo o procedemento que permita unha contratación máis idónea". Esta non é, en calquera caso, a primeira ocasión na que a Consellería recúa nun contrato de helicópteros contra incendios. Así, por exemplo, no ano 2013 o Goberno galego suspendeu o concurso que tiña en marcha argumentando que ningunha das dúas empresas que concorreran cumpría cos requisitos.

Tras declarar deserto o concurso adxudicou o servizo por un procedemento negociado á empresa Inaer, frecuentemente no albo das críticas do persoal do sector. Esa contratatación, xunto a outras da mesma área, acabaron o pasado 2015 baixo a lupa da Fiscalía de Santiago por presunta prevaricación. Estes contratos xa foron sinalados, asemade, polo Consello de Contas como exemplo de malas prácticas e do abuso das adxudicacións 'a dedo'.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.