Xóvenes Agricultores: A vella póla agraria do PPdeG afoga entre as débedas

Antiga sede de Xóvenes Agricultores en Lugo, embargada en 2014 © Google

O 22 de maio de 2005 Manuel Fraga deuse un baño de masas no recinto feiral de Silleda. Unha semana despois de que José Luis Rodríguez Zapatero e Emilio Pérez Touriño se arrodeasen dunhas 6.000 persoas do sector agrogandeiro nun evento organizado en Santiago por Unións Agrarias, os conservadores quixeron deixar claro que non ían permitir que os socialistas cruzasen os seus marcos. Unhas 25.000 persoas aclamaron a quen optaba a ser presidente da Xunta por quinta vez mentres alertaba de que, se perdía o Goberno, Galicia quedaría "en mans de tolos". Aquel mitin, un dos últimos baños de masas do fraguismo acompañados por empanada e carne ao caldeiro, estaba convocado polo PP pero tamén por Xóvenes Agricultores, o sindicato rural que tornou en póla agraria dos populares, o mesmo que vén de solicitar o concurso de acredores, afogado polas débedas.

O xulgado do mercantil de Lugo ratificaba este martes o acollemento do sindicato á lei concursal, unha decisión que segundo o seu presidente, Juan Pérez Miramontes, estaba practicamente tomada dende hai meses. Quen durante anos posou durante os veráns en Sanxenxo na cuberta do seu propio iate acompañado de Mariano Rajoy culpa agora á Xunta do PP da situación á que chegou a organización. Entre pagamentos pendentes principalmente ao persoal, aos bancos, a Facenda e á Seguridade Social a débeda rolda os 1,5 millóns, segundo admite o propio sindicato.

A organización, que medrou ao abeiro dos gobernos de Fraga, admite unha débeda de 1,5 millóns

A orixe do problema, segundo declarou Pérez Miramontes a La Voz de Galicia, non é unha mala xestión pola súa banda nin por quen veu exercendo como secretario xeral, Francisco Bello. A fonte do desequilibrio, asegura, cómpre buscala nun incumprimento do Goberno galego, que se comprometera a reverter nas organizacións rurais os cartos recadados pola venda dos locais das antigas cámaras agrarias. Xóvenes Agricultores prevía ingresar por este concepto uns 2 millóns de euros, pero "non vimos un só céntimo" e por iso "decidimos presentar concurso de acreedores, para cumplir con nuestra obligación profesional".

Desplome de subvencións

Alén do devandito incumprimento, a crise de Xóvenes Agricultores cómpre buscala, en boa medida, no peche practicamente total da billa das subvencións. Segundo o sindicato, antes da crise manexaban uns 600.000 euros en axudas públicas e en 2015, apenas 100.000. Un repaso polo Diario Oficial de Galicia nos últimos anos permite recompilar achegas por importe de algo máis de 570.000 euros da Xunta, case todas para organizar cursos da Consellería de Traballo, os mesmos que foron perdendo dotación orzamentaria por mor da crise e sobre os que se aplican máis controis dende o estourido da Operación Zeta. A última axuda rexistrada no DOG con destino a este sindicato data de 2014, apenas 27.000 euros da Consellería de Medio Ambiente.

O persoal acusou o sindicato de manter iates e coches de luxo mentres se acumulaban as nóminas sen pagar 

Hai agora tres anos, en xuño de 2013, o propio Pérez Miramontes laiábase con amargura na revista oficial do sindicato das estreiteces económicas que lles tocaba vivir. Onde houbera ata unha trintena de oficinas comezaban a producirse peches e pouco despois, embargos das súas amplas e acristaladas sedes, caso por exemplo da de Lugo, cuxa hipoteca foi executada por Abanca en 2014. Un ano antes deses lamentos, en 2012, a revista Interviú trazaba un descarnado relato de a quen alcumaban El señor de los agrocursos, o amigo do PP que se paseaba en iate e mais en vehículos de luxo mentres se lle acumulaban as protestas do persoal ao respecto.

Impagos e denuncias

Os restos do sindicato actúa agora só baixo o paraugas de Asaja

O plantel de persoal de ata 157 persoas foise recortando paulatinamente entre inspeccións de traballo, denuncias de nóminas impagadas e procedementos xudiciais gañados por antigos empregados. A comezos de 2015, cando o final semellaba inevitable, a quincena de persoas que quedaba a traballar no sindicato admitían levar un ano sen cobrar. No forte conflito lácteo dese ano Francisco Bello presentouse xa en xuntanzas e actos públicos unicamente baixo o paraugas de Asaja e así, como Asaja-Galicia, operan na actualidade no país, onde parte dos antigos membros de Xóvenes Agricultores impulsaron un novo colectivo, Xeito Rural, polo momento sen apenas actividade pública.

O derradeiro gran servizo ao PPdeG foi, se cadra, darlle soporte a 'SÓS contra o Lume' en 2006

Cando o final da etapa das vacas gordas xa se albiscaba Pérez Miramontes reflexionaba na súa revista a respecto dos vencellos partidarios. "Se antes tivemos algo que ver con temas políticos, o novo deseño vai por outro camiño distinto, non terá ningunha connotación política baixo ningún punto de vista". Media década antes, no caloroso verán de 2006, Xóvenes Agricultores prestara o que, se cadra, foi o seu derradeiro gran servizo á causa do PP de Galicia, dándolle soporte e eco a SÓS contra o Lume, a plataforma coa que, aproveitando a vaga de incendios dese ano, os conservadores tentaron facer caer sobre o bipartito todos os desvelos que Nunca Máis causara nos altos dirixentes do tardofraguismo tras a catástrofe do Prestige.

Pérez Miramontes, nunha imaxe de arquivo © Xóvenes Agricultores

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.