0 Gardados para despois

Así explica a Xunta por que gasta máis no lume que en ordenar o monte: dar "confianza" aos propietarios

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


 

Tomás Fernández-Couto é o director xeral de Ordenación e Produción Forestal da Xunta. Con ese rango ou o de secretario xeral, e unha ou outra denominación do departamento, leva 17 anos á fronte da política forestal do Goberno galego: entre 1996 e 2005 con Manuel Fraga e desde 2009 con Feijóo, que vén amosando a súa confianza persoal nel con eloxios que non destina a outros cargos similares, e por riba de quen sexa a persoa titular da consellería. El é quen máis tempo xestionou o Plan Forestal de Galicia 1992-2032, e a persoa que máis tempo leva incumpríndoo ao destinar máis cartos aos incendios que ás políticas de ordenación forestal. Non o di nin a oposición nin os sindicatos, senón o Consello de Contas, que considera que o argumento no que Fernández-Couto se basea para manter esa política é unha “opinión” persoal e non se sustenta en datos contrastables. Ese argumento é que se non se gastase tanto na loita contra o lume, os propietarios dos montes non investirían en plantar árbores.

“De que sector forestal estariamos falando, se o éxito na loita contra os incendios forestais non devolvera aos galegos a confianza das potencialidades do monte", díxolle o director da política forestal da Xunta ao Consello de Contas, que o considerou unha "opinión" non contrastable

“De que sector forestal estariamos falando, se o éxito na loita contra os incendios forestais non devolvera aos galegos a confianza das potencialidades do monte, fronte ao desánimo que reinaba nos propietarios forestais no arranque do Plan Forestal de Galicia [1992] polo convencemento de que o lume daría ao traste con todos os seus esforzos. O despregue do dispositivo que sostén o programa [de prevención e loita contra o lume] permite que esteamos a falar de Galicia como a maior potencia forestal do Estado”. Así defendeu Fernández-Couto o ano pasado as súas políticas ante Contas, que considerou esas e outras afirmacións meras “opinións” non contrastables.

Foi o verán pasado cando o Consello de Contas, o ente independente fiscalizador das contas públicas galegas, emitiu o seu informe de avaliación do Plan Forestal de Galicia correspondente ao cuarto quinquenio do mesmo. O documento fíxose público nunha fin de semana de agosto e apenas tivo relevancia pública. Pero é especialmente crítico cos últimos 25 anos de gobernos galegos, 21 deles do PP e 17 deles con Fernández-Couto á fronte.

“Aínda que o primeiro obxectivo do Plan Forestal [da Xunta] era a estruturación e capitalización dos espazos forestais, transcorridos máis de 20 anos desde a súa aprobación os esforzos orzamentarios séguense concentrando no programa de prevención e extinción de incendios”, di o Consello de Contas sobre un documento que foi impulsado tras o desastre ambiental de 1989, cando arderon en toda Galicia 200.000 hectáreas (como comparación, en 2006 foron 96.000 e un mínimo de 5.000 na primeira quincena deste outubro). O ente fiscalizador lembra que o plan prevía dedicar ao total de políticas forestais “en torno a un 3% do total” dos orzamentos autonómicos, pero que “no cuarto quinquenio de execución do Plan (2008-2012) as políticas forestais contemplábanse no orzamento inicial cun peso que ronda o 1,55%”, cifra que ao analizar a súa execución real cae ao 1,44%.

A Xunta destina o 60% dos seus fondos forestais a extinción e prevención de incendios e o 40% a ordenación do monte, cando o seu plan prevía que o lume só levase o 13%

Contas admite que os anos analizados son os da recesión económica, pero di que o mesmo pasaba antes e seguiu pasando despois e lamenta que a contracción no orzamento forestal fose maior que noutras áreas autonómicas e que nel siga a primarse a loita contra o lume fronte á mellora dos montes: “No que atén ao período 2008-2012, mentres o plan forestal contemplaba como porcentaxe de investimento en prevención de incendios un 13,20% do total fronte a un 86,80% do investimento para fomento das políticas forestais, a realidade orzamentaria do quinquenio amosa como se inverte esa porcentaxe”, di. Segundo Contas, a Xunta vén gastando, no quinquenio analizado e tamén nos anos posteriores ata 2016, uns 150 millóns de euros ao ano en políticas forestais, dos que uns 100 millóns (máis do 60%) van destinados a actuacións contra os incendios fronte a menos de 50 millóns anuais destinados á ordenación das producións forestais.

Análise do Consello de Contas sobre o gastado (en miles de euros) nos dous programas de investimento forestal da Xunta, o 713B, de ordenación das producións forestais, e o 551B, de prevención e loita contra o lume

Contas desbotou a gran maioría das alegacións do director xeral por consideralas “opinións” e non datos contrastables, e mantivo a súa análise en base a indicadores que lle permiten criticar o excesivo peso orzamentario da loita contra o lume fronte á ordenación forestal

O informe de Contas, de 80 páxinas, foi remitido, como é habitual, á Xunta antes da súa publicación para que formulase as alegacións que considerase oportunas. Fíxoo o propio Fernández-Couto nun escrito de catro folios no que xustificou coa antedita argumentación que os propietarios dos montes non investirían neles se a Xunta non gastase tanto no servizo de extinción. O director xeral mesmo rexeitaba a crítica do Consello de Contas que ao seu ver “só pode obedecer a un descoñecemento desta realidade”. Pero Contas desbotou a gran maioría das alegacións do director xeral por consideralas “opinións” e non datos contrastables, e mantivo a súa análise en base a indicadores que lle permiten criticar o excesivo peso orzamentario da loita contra o lume fronte á ordenación forestal. O ente fiscalizador tamén censurou que, máis de 20 anos despois de iniciarse o plan forestal, o departamento autonómico iniciase a revisión desa planificación sen analizar previamente os seus resultados.

Obstáculos para mellorar a xestión

Contas analizou no seu informe diversas dificultades existentes para unha mellor xestión dos montes galegos. Segundo o ente fiscalizador, “a ausencia de seguridade xurídica na delimitación da propiedade forestal orixina conflitos de deslinde tanto entre montes privados como entre montes veciñais en man común ou entre montes privados e veciñais; estas circunstancias dificultan a agrupación da propiedade e a xestión conxunta dos montes”. Nesa mellora da xestión conxunta, Contas analizou un dos instrumentos que vén impulsando o Goberno galego, as Sociedades de Fomento Forestal (Sofor). Os orzamentos autonómicos para os anos 2012 e 2013 contemplaban a inscrición de 50 desas sociedades con 5.000 produtores beneficiados. “Porén, en ningún dos exercicios se executaron eses indicadores”, di Contas. Segundo os seus datos, “na actualidade hai en Galicia 5 Sofor constituídas, cun total de 800 hectáreas e 300 propietarios en conxunto”. O ente fiscalizador conclúe que as liñas de axudas destinadas pola Xunta para promover esas figuras de xestión son ineficaces.

Contas critica a ineficacia das políticas da Xunta para promover as Sociedades de Fomento Forestal (Sofor) e a "insuficiente coordinación" das tarefas de xestión forestal coas de loita contra o lume

Outra das análises que fixo Contas sobre a xestión forestal da Xunta céntrase no persoal autonómico dedicado a esa área. “A dedicación do persoal do distrito [forestal] ao longo do ano a traballos propios de prevención e extinción de incendios dificulta a dedicación a tarefas propias de extensión forestal que permitan estar en contacto cos propietarios dos montes para intercambiar ideas, coñecementos e técnicas que contribúan a mellorar os montes”. Segundo o ente fiscalizador, hai unha “escasa planificación das actividades do distrito [forestal] e insuficiente coordinación entre os servizos dos que dependen: servizo de montes e servizo de prevención e extinción de incendios”.

O informe de Contas concluiu con diversas recomendacións á Xunta, entre elas a de “primar os investimentos para a estruturación e capitalización dos montes co fin de que cara o futuro non se teñan que destinar os cuantiosos recursos que se executan na actualidade en medidas de prevención e extinción de incendios”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.