0 Gardados para despois

Só 18 dos 62 altos cargos do “goberno estable” de Feijóo seguen no posto desde 2009

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


“Estabilidade” é unha das palabras máis empregadas polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para eloxiar o seu goberno fronte as alternativas que ofrecen outros partidos cara as eleccións autonómicas do 25 de setembro. Porén, só 18 dos 62 altos cargos do seu executivo (tres conselleiros e 15 secretarios ou directores xerais) seguen nos seus postos desde que chegou á presidencia da Xunta en 2009. Os cambios, ademais, producíronse tanto no primeiro como no segundo mandato, de xeito que 21 dos 52 secretarios ou directores xerais actuais chegaron aos seus postos bastantes meses ou anos despois de que comezase a exercer o actual goberno nomeado a finais de 2012.

Nos algo máis de sete anos que pasaron desde que Feijóo conformou o seu primeiro goberno, ao longo da primavera de 2009, a propia estrutura da Xunta mudou notablemente. Diversas secretarías ou direccións xerais convertéronse en axencias públicas, como sucedeu con Turismo ou Infraestruturas. A propia Xunta xa non inclúe, malia que por lei debería, aos máximos responsables deses entes paralelos no listado de altos cargos da súa web de transparencia. Alí só aparecen conselleiros, secretarios xerais e directores xerais, un total de 62 dos que só 18 seguen a desempeñar os mesmos ou similares postos e competencias que hai sete anos.

O primeiro goberno de Feijóo contaba con dez conselleiros, logo reduciuno a oito e agora volve ter dez. Deles, só tres estaban naquel primeiro executivo de 2009: Alfonso Rueda, Rosa Quintana e Beatriz Mato, os tres logo de ver como cambiaban en menor ou maior grao as súas competencias, ata o punto de que Mato está agora á fronte de Medio Ambiente, área completamente distinta á de Traballo e Benestar na que comezou hai sete anos. Do mesmo xeito, o propio Feijóo admitiu o erro que cometeu cando fusionou en 2012 nunha soa consellería as competencias de Mar e Medio Rural, decisión que non rectificou ata o pasado outubro.

Canto ao seguinte nivel, o de secretarios e directores xerais, só 15 dos 52 que reflicte a Xunta na súa web de transparencia seguen a desempeñar postos ou competencias similares ás que tiñan en 2009. E dos 37 que entraron nos seus postos despois, 21 fixérono meses ou anos despois de que se iniciara o actual mandato a finais de 2012. Os 15 estables desde 2009 son o director do gabinete de Feijóo, Álvaro Pérez; o secretario para o Deporte, José Ramón Lete; a secretaria de Vicepresidencia, Beatriz Cuiña; o director de Xustiza, Juan José Martín; o director de Relacións Exteriores, Jesús Gamallo; o director de Función Pública, José María Barreiro; a secretaria de Ordenación do Territorio, Encarnación Rivas; o director de Enerxía e Minas, Bernardo Tahoces; o secretario de Universidades, José Alberto Díez; o director de Centros e Recursos Humanos de Educación, José Manuel Pinal; a directora de Discapacidade, Coro Piñeiro; o director de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto; o director de Innovación Tecnolóxica de Mar, Juan Carlos Maneiro, e a directora de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez.

En dúas consellerías, Sanidade e Infraestruturas, non queda no seu posto ningún alto cargo dos nomeados en 2009

Nalgúns destes casos, as persoas en cuestión ocupan cargos similares desde 2009, pero as súas competencias non permaneceron estables durante este tempo. É o caso, por exemplo, de Tomás Fernández-Couto, Coro Piñeiro ou Juan Carlos Maneiro, que polo camiño chegaron a ser secretarios xerais desas e outras áreas similares e volveron baixar na escala. Por outra banda, en dúas das consellerías, Sanidade e Infraestruturas, non queda no seu posto ningún alto cargo dos nomeados en 2009.

Moitos dos altos cargos que deixaron os seus postos na Xunta desde 2009 fixérono para ir parar a outros postos de libre designación da Administración, sexa local, autonómica ou estatal, ou para ser candidatos do PP en diversos comicios, con sorte dispar. Outros fixérono xusto antes de resultar imputados pola xustiza, como quen fora director de Administración Local, Norberto Uzal, ou dimitiron no marco de polémicas sobre a súa xestión, como a ex-directora de Infraestruturas Isabel Vila. Pola contra, Feijóo fixo sitio no seu goberno a políticos populares que perderon os seus cargos noutras administracións, como o ex-alcalde de Ferrol agora conselleiro José Manuel Rey Varela, ou o ex-presidente da Deputación da Coruña e agora de novo delegado territorial Diego Calvo.

Feijóo xa avanzou que fará sitio nas súas listas para o 25-S a conselleiros e altos cargos, que no caso destes últimos deberán deixar antes os seus postos

De cara ás eleccións autonómicas do 25 de setembro, o propio Feijóo xa avanzou que uns cantos altos cargos actuais da Xunta terán oco nas listas electorais, xa sexa polo seu tirón entre o electorado ou para garantirlles un escano en caso de perder as eleccións. Os conselleiros poden seguir no cargo mentres son candidatos, pero non así os secretarios e directores xerais, que deberán deixalos nos próximos días se queren ir nas listas. Aínda que moitos volverían a eles se o PP volve gobernar, como pasou cando en 2009 e 2012 Feijóo fixo correr a lista e parte dos seus deputados electos renunciaron ao escano para dedicarse en exclusiva á Xunta.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.