0 Gardados para despois

Medio goberno de Feijóo xa tivo cargos na Xunta de Fraga

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"Grazas polos servizos prestados", pero "xa non valen para nada". O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presidiu este luns a toma de posesión dos membros do seu Executivo con exactamente os mesmos protagonistas da cerimonia practicamente idéntica celebrada no mesmo escenario hai apenas un ano, cando tras o duro golpe electoral das municipais o xefe do PPdeG executou unha profunda crise de goberno, máis propia dun inicio da lexislatura. O titular da Xunta ilustrou deste xeito a necesidade de "seguir esforzándose" e non fiar o futuro a uns "servizos prestados" que, no caso da maior parte de compoñentes deste Consello da Xunta, non comezaron coa chegada de Feijóo á Presidencia en 2009, senón que se remontan aos anos nos que era Manuel Fraga quen ostentaba o cargo.

Ata cinco dos conselleiros e conselleiras que veñen de asumir de novo as tarefas de goberno ocuparon cargos intermedios nas consellerías dos gobernos que Fraga presidiu entre 1990 e 2005. A herdanza daqueles Executivos é aínda maior contando ao propio presidente, toda vez que Feijóo desempeñou media decena de responsabilidades distintas en dúas xeiras, entre as cales ostentou cargos dependentes do Goberno de España, nos anos de José María Aznar.

"Grazas polos servizos prestados", pero "xa non valen para nada", dixo Feijóo aos conselleiros e conselleiras ao volveren tomar posesión

O mapa interactivo que acompaña estas liñas permite explorar cada unha destas ligazóns dos membros do Goberno de Feijóo cos departamentos dependentes dos sucesivos gabinetes de Fraga. Ademais, dá a oportunidade de observar os cargos dende os que os seis homes e mulleres do Consello chegaron a dirixir cadansúas consellerías e de debullar as súas orixes políticas e profesionais. Cos controis da marxe superior esquerda é posible ampliar zonas de interese ou manexar o mapa a pantalla completa e o buscador da área superior permite procurar nomes de persoas e entidades concretas. Ademais, ao picar en cada conselleiro ou conselleira a ferramenta ofrece información adicional sobre a súa formación e profesión.

Onodo é un proxecto da Fundación CIVIO

O membro da actual Xunta que máis vinculacións tivo cos gobernos de Fraga é o propio presidente. Non en van, apenas seis anos despois de obter a praza de funcionario do corpo superior da Administración Xeral, en 1991, foi designado secretario xeral da Consellería de Agricultura, cargo que ocupou apenas tres meses, tras os cales pasou a exercer como secretario xeral da Consellería de Sanidade e dirixir o Servizo Galego de Saúde ata 1996, ano no que, xunto a José Manuel Romay Beccaría, pasou a ser alto cargo do Goberno Aznar. Xa en 2003, en plena crise do Prestige, Feijóo regresou a Galicia para, como home de confianza da dirección estatal do PP, facerse cargo da Consellería de Política Territorial e un ano despois ascendeu á vicepresidencia, que ocupou ata que en 2005 a coalición de PSdeG e BNG deu desbancado o PP.

Feijóo exerceu cinco responsabilidades distintas con Fraga, do que chegou a ser vicepresidente

Entre os cinco conselleiros e conselleiras de Feijóo antes ligados ao goberno de Fraga a maioría ocuparon direccións xerais ou cargos de rango semellante. É o caso do titular de Facenda, Valeriano Martínez, único integrante do Executivo que este luns prometeu o seu cargo -o resto xurárono- e que durante o fraguismo exerceu como responsable recursos humanos do Sergas e mais como director xeral de Transportes, xa baixo as ordes de Feijóo como conselleiro de Política Territorial. Tamén foi director xeral o actual vicepresidente, Alfonso Rueda, quen ocupou ese cargo na etapa de Jesús Palmou na Consellería que agora encabeza el mesmo e na que, tamén no tempo de Fraga, foi xefe de gabinete. Outra conselleira que ocupou unha dirección xeral foi Rosa Quintana, conselleira do Mar, quen ademais de ser funcionaria do departamento que agora dirixe tivo a encomenda de ser directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.

Todos os integrantes do actual Consello tiveron outras responsabilidades políticas antes de accederen ás consellerías, a maioría na Xunta

Fóra da estrutura central do Goberno, pero dependente dela, estaban os cargos que ocuparon os outros dous conselleiros con cargos na etapa de Fraga: Beatriz Mato, titular con Feijóo de Medio Ambiente e antes de Traballo e Benestar, pasou do mundo empresarial ao Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), do que chegou a ser delegada territorial na Coruña. Despois, na etapa de Enrique López Veiga, exerceu como delegada provincial coruñesa da Consellería de Pesca. Mentres, Jesús Vázquez Almuiña, conselleiro de Sanidade, foi director do Sergas en Pontevedra e mais xerente do Meixoeiro de Vigo antes de acceder á alcaldía de Baiona.

Os restantes integrantes do actual Consello da Xunta non tiveron relación orgánica directa cos gobernos de Fraga, pero maioritariamente acumulan unha traxectoria prolongada no PP galego. Así, por exemplo, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, foi de 2011 a 2015 alcalde de Ferrol, concello no que foi edil dende 2002. Do mundo local proceden tamén a titular de Medio Rural, Ángeles Vázquez, que pasou da alcaldía de Melide á consellería en outubro de 2015, e mais o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que foi membro do goberno municipal de Lalín, ademais de deputado. Outros dous conselleiros, pola súa banda, chegaron ao Consello despois de exercer cargos intermedios no propio Goberno de Feijóo: Ethel Vázquez dirixiu a Axencia Galega de Infraestruturas e Francisco Conde foi asesor do presidente.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.