0 Gardados para despois

O xuíz ve ilegal a xestión dos helicópteros contra incendios da Xunta pero arquiva o caso porque non houbo “capricho”

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


A decisión do director xeral de Ordenación Forestal da Xunta, Tomás Fernández-Couto, “de encomendar a Inaer o mantemento do servizo de extinción durante o ano 2012, pese á ausencia de título contractual, non pode reputarse constitutiva dun delito de prevaricación” porque non foi “caprichosa” ao producirse nunha situación “excepcional” de incendios forestais. Con esa argumentación, o xuíz instrutor, Andrés Lago Louro, vén de arquivar a causa, aberta por unha denuncia da Fiscalía, pola que estaban imputados tanto Fernández-Couto como quen foran secretario xeral da Consellería de Medio Rural, Francisco José Vidal Pardo, e subdirector xeral de prevención e defensa contra os incendios, José Carlos Costas. O xuíz constata que se produciu unha ilegalidade pero que esta non se corresponde co delito de prevaricación.

O máximo responsable forestal nas dúas últimas décadas, Tomás Fernández-Couto, encargou o servizo en 2012 a Inaer “sen contrato” pero o instrutor di que a excepcionalidade dos incendios daquel ano impide o delito de prevaricación que vía a Fiscalía

Nun auto emitido este mércores día 10 de xaneiro de 2018, o xuíz instrutor decreta o arquivo provisional da causa, decisión contra a que a Fiscalía, que foi criticada pola Xunta, e as demais partes aínda poden recorrer. No escrito, o xuíz, como xa fixera o Consello de Contas, constata que Fernández-Couto en persoa encargou de xeito ilegal sen contrato o servizo de extinción de incendios de 2012 á empresa de helicópteros Inaer, hoxe integrada na multinacional Babcock e que tamén xestiona outros servizos aéreos da Xunta como o salvamento marítimo ou as emerxencias sanitarias. Porén, o maxistrado xustifica na súa resolución que non hai delito de prevaricación.

“Existe un feito obxectivo e incontrovertible consistente en que dita adxudicación carece da cobertura contractual que, en situación de normalidade, debera existir e adecuarse aos parámetros de contratación ordinaria”, di o xuíz. Pero engade  que  “para conformar o delito de prevaricación non é suficiente con constatar unha mera ilegalidade senón que é preciso demostrar ademais, polo menos indiciariamente, que tal infracción normativa foi consciente, deliberada e buscada de propósito coa fin de antepor a propia vontade e o interese particular de quen decide ao interese xeral subxacente nas previsións normativas”. “Só así poderemos distinguir a prevaricación penalmente relevante da mera ilegalidade administrativa cuxo control e consecuencias han de ser revisadas prioritariamente pola xurisdición contenciosa”, sentenza.

A Xunta criticou a denuncia que formulara a Fiscalía e obviou as críticas que xa lanzara o Consello de Contas

Segundo a argumentación do xuíz, a decisión de Fernandez-Couto de encargar a Inaer o servizo sen contrato "non pode considerarse caprichosa ou arbitraria" porque era a empresa que xa o viña prestando en anos anteriores e seguiu a facelo nos seguintes exercicios en que se volveu convocar un concurso, anos anteriores e posteriores nos que o Consello de Contas tamén detectou irregularidades neses e noutros contratos da Xunta con Inaer nas que esta instrución non se meteu. Esa decisión, segundo o xuíz, tampouco foi caprichosa porque ese ano se produciu unha situación excepcional de incendios forestais.

O instrutor di, amparándose en informes do Seprona, que a campaña de incendios de 2011 se prolongou no tempo e que a de 2012 adiantouse. E xustifica nesa excepcionalidade que a Xunta fose incapaz de prever convocar a tempo un concurso público para prestar o servizo de 2012 que finalmente Fernández-Couto encargou sen contrato a Inaer. Segundo a explicación do xuíz, a prolongación da campaña de 2011 foi pagada pola Xunta con cargo aos orzamentos do ano seguinte, que á súa vez tiveron que ser modificados de xeito que o Goberno galego non soubo ata maio dese ano de cantos cartos disporía para ese novo concurso. A esas alturas do ano, di o xuíz, o concurso non estaría resolto ata setembro, superado xa o período de máximo risco. Esa imprevisión do Goberno galego xa criticada tamén polo Consello de Contas, e que se produciu ao tempo que as consellerías de Medio Rural e Mar eran fusionadas nunha soa a comezos de 2012, é para o xuíz unha xustificación para entregar o servizo sen contrato a Inaer sen que iso supoña unha prevaricación.

O xuíz xustifica a demora da Xunta en convocar un concurso público pola situación excepcional de incendios de 2011 e 2012

O auto centra en Fernández-Couto a responsabilidade da ilegalidade e di que os outros dous imputados só o asesoraban ou tramitaban o procedemento

Por outra banda, o auto de arquivo tamén centra en Fernández-Couto, máximo responsable da política forestal da Xunta durante as dúas últimas décadas, a responsabilidade da ilegalidade cometida malia non ser un delito de prevaricación. Segundo di, os outros dous imputados non tiñan “a capacidade de decidir adxudicar o servizo a Inaer” senón que esta residiu “en exclusiva” en Fernández Couto. Vidal-Pardo e Costas López limitábanse a asesoralo ou tramitar o procedemento administrativo.

A decisión de arquivo da causa por parte do xuíz Lago Louro prodúcese máis de cinco anos despois de que a CIG puxese en coñecemento da Fiscalía as irregularidades existentes na contratación dos helicópteros. A Fiscalía formulou unha denuncia e o caso recaeu no xulgado de instrución número 3 de Santiago, o mesmo encargado de casos como o accidente de Angrois e outros de proxección pública malia ter un funcionamento interno considerado como “conflitivo” e que vén provocando importantes demoras e erros nas súas instrucións. No caso dos helicópteros, varias fontes sinalan que a fase inicial da instrución, cando esta aínda non era pública, viuse condicionada pola falta de recursos para obter máis probas que as que finalmente tivo o xuíz sobre a súa mesa para valorar e decidir o actual arquivo da causa.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.