0 Gardados para despois

A Xunta opera o salvamento marítimo con dous helicópteros alugados que vendeu en 2012 por “obsoletos”

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


“Cada cinco anos a Xunta terá a opción de licitar outra vez este concurso e poder ofertar as empresas helicópteros máis modernos e helicópteros con máis prestacións”. Así xustificou o 24 de maio de 2012 Alberto Núñez Feijóo que o Goberno galego vendese por 13 millóns de euros os dous helicópteros que o Executivo de Manuel Fraga comprara por 27 millóns só sete anos antes, en 2005, para o servizo autonómico de salvamento marítimo. “O contrario sería anquilosarse, tender ao monopolio e a unhas condicións obsoletas co paso do tempo”, argumentou tamén a Consellería do Mar. Porén, aqueles mesmos dous helicópteros, dous aparatos Sikorsky S-76C+ con matrículas EC-JES e EC-JET, seguen a ser os que prestan hoxe o servizo, agora alugados á empresa que os mercou e con seis anos máis de antigüidade nas súas aspas.

A compañía á que o Goberno galego vén de renovar o servizo pon para facelo os dous mesmos aparatos que Fraga mercou en 2005 e dos que Feijóo se desfixo sete anos máis tarde co argumento de que así podería contratar outros "máis modernos"

A parte económica da operación pola que a Xunta vendeu eses dous helicópteros de salvamento que tiña en propiedade para agora ter que alugalos a través de licitacións periódicas foi criticada no seu momento polo Consello de Contas, que censurou que non se fixese “ningún estudo sobre a repercusión da venta dos helicópteros” nas contratacións futuras do servizo. Se antes de 2012 o custo de mantemento anual do servizo era de 7,5 millóns de euros, hai cinco meses a Xunta adxudicouno para o próximo lustro por 8,5 millóns ao ano. O Goberno galego argumenta que o incremento se debe a que agora se esixen novas condicións á empresa que presta o servizo.

Pero non foi o argumento económico senón o técnico o que primou o Goberno galego para xustificar hai seis anos a venda dos dous Sikorsky. Cando anunciou a operación, o daquela secretario xeral da Consellería do Medio Rural e do Mar, Francisco José Vidal-Pardo, dixo no Parlamento, nunha comparecencia o 22 de xuño de 2011, que “o contrario sería anquilosarse, tender ao monopolio e tender a unhas condicións obsoletas co paso do tempo, e nós non queremos iso para o salvamento marítimo, queremos poder ir co percorrer dos tempos, que todas as melloras tecnolóxicas en materia de salvamento marítimo podamos acollelas na Xunta de Galicia”. Na nota de prensa emitida pola propia Xunta sobre esa comparecencia tamén se salientaba que o novo sistema permitía “optar a aeronaves máis avanzadas tecnolóxicamente” porque “a Xunta non quere ofrecer un servizo de condicións obsoletas”.

“Cada cinco anos a Xunta terá a opción de licitar outra vez este concurso e poder ofertar as empresas helicópteros máis modernos e helicópteros con máis prestacións”, dixo Feijóo en 2012

A operación de venda tardou un ano en concretarse polas dúbidas que amosou a propia Intervención da Xunta. O Goberno galego finalmente a autorizou na súa reunión do 24 de maio de 2012, tras a que o presidente Feijóo salientou verbalmente que coa venda dos helicópteros “cada cinco anos a Xunta terá a opción de licitar outra vez este concurso e poder ofertar as empresas helicópteros máis modernos e helicópteros con máis prestacións”. Tamén por escrito, na nota de prensa desa intervención, o Goberno galego consignou que “este sistema permitirá que, transcorridos os 5 anos, a Xunta poida exixir no novo contrato o emprego dunhas aeronaves máis modernas e avanzadas”.

Seis anos despois, nada diso pasou e os helicópteros que seguen a prestar o servizo de salvamento, agora alugados á empresa á que llos vendeu a Xunta, seguen a ser os dous mesmos Sikorsky S-76C+ con matrículas EC-JES e EC-JET, como o propio Goberno galego vén de amosar a través de varias fotografías que el mesmo divulgou sobre unha operación de salvamento realizada hai unhas semanas.

O contrato volveuno levar Inaer, agora integrada en Babcock, que presta a gran maioría do resto de servizos aéreos da Xunta, nos que o Consello de Contas vén atopando numerosas irregularidades

A esta situación chegouse despois de que a única empresa que se presentou en 2012 para mercar os dous helicópteros fose a mesma que xa os viña operando para o Goberno galego, Inaer, agora integrada na multinacional Babcock e que presta a inmensa maioría do resto de servizos aéreos da Xunta a través de concesións nas que o Consello de Contas tamén atopou numerosas irregularidades. De feito, Vidal-Pardo chegou a estar imputado por prevaricación pola adxudicación a dedo a Inaer sen ningún tipo de contrato polo medio do servizo de extinción aérea de incendios en 2012, procedemento que o xuíz considerou ilegal pero cuxa investigación arquivou por entender que non fora unha decisión tomada por "capricho" e que o ex-secretario xeral limitárase a traballar ás ordes do director xeral de Ordenación Forestal. Malia ese arquivo, Inaer segue no foco do denominado cartel do lume que investiga o presunto reparto de contratos de extinción de incendios entre empresas do sector en toda España.

Rematado hai uns meses o contrato anterior de salvamento marítimo, o Goberno galego licitou un novo por outros cinco anos, pero malia a súa intención declarada de que agora o servizo se prestase con helicópteros máis modernos, o resultado final foi que a empresa gañadora, sen rebaixar nin un euro sobre o prezo de partida, volveu ser Inaer e que os aparatos que esta lle aluga agora á Xunta son aqueles dous mesmos helicópteros "obsoletos" porque así o permitiu o prego de condicións sen que a firma tampouco o mellorase pola súa conta.

A Consellería do Mar di agora que os helicópteros que hai seis anos vendeu porque ían quedar obsoletos "cubren absolutamente as necesidades que ao respecto se fixan no contrato actual"

Tras revelar a propia Xunta a través das súas imaxes que os helicópteros seguen a ser os mesmos, este diario preguntou á Consellería do Mar por esta situación e en particular polos argumentos esgrimidos en 2011 e 2012 para vender os helicópteros dicindo que así no contrato actual podería optar a aparatos máis “modernos”. A súa resposta é que “os helicópteros que actualmente se destinan á prestación do servizo de salvamento marítimo cubren absolutamente as necesidades que ao respecto se fixan no contrato actual”.

A Xunta nada di sobre as declaracións realizadas polos seus propios altos cargos hai seis anos e céntrase en defender a venda naquel momento dos helicópteros co argumento de que era daquela cando “podía obterse un mellor prezo”, taxado por expertos independentes, en función da “vida útil potencial das aeronaves antes de ter que incorrer en tarefas de mantemento de elevado custo”. “A consellería quedou libre para que a prestación do servizo de salvamento puidera levarse a cabo polas aeronaves que en cada momento cumpran mellor con dito fin e ao mellor prezo posible”, salienta Mar. Porén, esa liberdade non se traduciu en novos aparatos senón que as aeronaves son hoxe as mesmas que hai seis anos foron vendidas co argumento de que así a Xunta podería optar a outras "máis avanzadas".

Feijóo explica o contrato dos helicópteros de salvamento marítimo

Desactivar os subtítulos Activar os subtítulos

Vidal Pardo defende no Parlamento en 2011 a venda de helicópteros de Salvamento Marítimo

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.