Por que tarda o tren ou como se protexe o patrimonio: 2 e 3 anos de lenta transparencia de Estado e Xunta

Salón de eventos ilegal de Casal de Armán a carón dun edificio protexido por Patrimonio e tren do Eixo Atlántico na estación de Vigo CC-BY-SA Praza Pública

Unha década despois da aprobación das leis de transparencia estatal e galega os gobernos seguen demorando a entrega de documentos públicos mesmo en casos con pronunciamentos previos favorables, como evidencian investigacións de Praza.gal

Hai agora dous anos, logo de varios meses de incidencias reiteradas na rede ferroviaria galega, Praza.gal formulou unha petición oficial de transparencia a Adif para coñecer o detalle deses problemas. Hai tres anos este diario realizou outra solicitude de transparencia, neste caso á Xunta, para coñecer que sancións está a impoñer o seu departamento de Patrimonio á adega Casal de Armán mentres non derruba o salón de eventos ilegal que mantén desde 2015. 

Dous e tres anos despois, malia contar con resolucións previas favorables do Consejo de Transparencia estatal e da Comisión da Transparencia de Galicia, ningún deses datos son aínda públicos. Unhas demoras que deixan en evidencia como máis dunha década despois de aprobarse as leis de transparencia estatal e galega, en 2013 e 2016, as administracións seguen empregando todo tipo de recursos para demorar a entrega de documentos públicos. 

Adif di que divulgar os incidentes no Eixo Atlántico afectaría á libre competencia malia que non a hai CC-BY-SA Praza Pública

Adif oculta as incidencias do Eixo Atlántico

A finais do verán de 2024 este diario solicitou a Adif, en aplicación da Lei de Transparencia, o detalle das incidencias rexistradas na rede ferroviaria galega durante os dez anos anteriores, uns datos que uns meses antes lograra pola mesma vía elDiario.es para toda a rede de Cercanías de Madrid para o mesmo prazo de dez anos. A resposta de Adif foi denegar a petición por considerar abusivo pedir en Galicia os datos dos mesmos dez anos que se pediran en Madrid. A continuación este diario empregou os argumentos de denegación de Adif para formular unha segunda petición das incidencias xa só do Eixo Atlántico, só do último ano e coa posibilidade de que se facilitasen os datos dispoñibles, sen ter que reelaboralos, como contempla a lei. 

Adif volveu denegar a petición, desta volta con argumentos como que a información podería afectar á libre competencia, malia que no Eixo Atlántico non a hai, pero Praza.gal recorreu e o Consejo de Transparencia estatal deu a razón a este diario admitindo que "existe un interese público evidente no coñecemento da información". O órgano encargado de velar pola transparencia tamén salientou que a divulgación dos problemas nas Cercanías de Madrid durante dez anos non supuxera ningún prexuízo para Adif, polo que facelo dunha soa liña e dun só ano en Galicia tampouco debera ser problemático.

Unha petición de transparencia formulada hai agora dous anos para coñecer as incidencias no Eixo Atlántico, que conta co aval do Consejo de Transparencia estatal, foi recorrida por Adif ante a Audiencia Nacional

Ese pronunciamento favorable a Praza.gal chegou en abril de 2025, pero Adif non o aceptou e decidiu recorrer ante a Audiencia Nacional para que este diario non teña acceso a eses datos. Un proceso xudicial que se iniciou un ano despois da solicitude inicial de Praza.gal e que un ano máis tarde aínda non concluíu. 

Non é a primeira vez nin a máis relevante que o Ministerio de Transportes pon obstáculos a peticións de transparencia deste diario. Praza.gal tivo que desenvolver unha longa investigación de dous anos, con intervención tamén do Consejo de Transparencia estatal e do Defensor do Pobo da Unión Europea, para lograr publicar as cartas que os daquela ministros de Exteriores e Fomento, José Manuel García-Margallo e Ana Pastor, dirixiron á Comisión Europea para ocultar documentación que cuestionaba a súa versión oficial de que o maquinista fora o único responsable do accidente de Angrois.

O Consejo de Transparencia avalou que Praza.gal reciba de Adif os datos das incidencias no Eixo Atlántico porque xa se fixeron públicos sen problemas nas Cercanías de Madrid, pero Adif recorreu ante a Audiencia Nacional CC-BY-SA Praza Pública

A Xunta oculta se está a multar o salón de eventos ilegal de Casal de Armán

Un "erro" dunha alto cargo do PP demorou unha petición de transparencia formulada hai xa tres anos para saber como está a sancionar a Xunta o salón de eventos ilegal de Casal de Armán

Praza.gal vén investigando desde hai anos o salón de eventos ilegal que mantén desde 2015 Casal de Armán, adega da familia do conselleiro de Emprego agora de actualidade por usar migrantes sen papeis na vendima do pasado ano. Tras diversos obstáculos da Xunta este diario logrou ter acceso ao expediente de reposición da legalidade ditado polo departamento galego de Patrimonio, pero nese acceso á documentación o Goberno galego non facilitou o expediente sancionador paralelo que debera ter aberto con multas periódicas mentres non se lograse a derruba da construción. Así que este diario formulou en setembro de 2023, hai agora tres anos, unha nova petición de transparencia para coñecer esas multas, pero distintas demoras e supostos "erros" da Xunta veñen adiando o acceso a esa información.

Tras a petición de setembro de 2023, e logo das demoras habituais da Xunta na tramitación de toda solicitude de transparencia, que adoitan requirir a intervención da Comisión da Transparencia de Galicia instándolle a cumprir a lei, o Goberno galego acabou concedendo acceso á documentación solicitada, pero fíxoo cunha resolución incorrectamente fundamentada asinada por unha responsable de Patrimonio en Ourense, Sandra Quintas Vázquez, que é tamén número 2 do PP nesa provincia e alcaldesa de Bande. Casal de Armán recorreu esa resolución e a comezos de 2025 o TSXG anulou o acceso á documentación pola "carencia absoluta de motivación" na decisión da Xunta.

Así que Praza.gal tivo que formular unha nova solicitude de acceso á información pública, esixindo expresamente nela que desta volta a Xunta si cumprise coas súas obrigas legais e fundamentase adecuadamente a súa resolución. Desta volta a decisión xa non a tomou Quintas como responsable de Patrimonio en Ourense senón o propio director xeral de Patrimonio da Xunta, que autorizou a consulta dos datos cunha resolución máis completa. Porén, novamente Casal de Armán recorreu ante a xustiza, que segue pendente de resolver ao respecto. O "erro" previo da Xunta xa tivera como efecto práctico a demora dous anos do proceso. 

O conselleiro José González e Sandra Quintas nunha imaxe de arquivo e resolución de transparencia asinada por ela e sentenza do TSXG que a anula pola súa "carencia absoluta de motivación" CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

Outros departamentos estatais e galegos veñen poñendo similares obstáculos na aplicación da Lei de Transparencia que non logran evitar que as informacións perseguidas por xornalistas acaben finalmente sendo publicadas. No caso de Casal de Armán, Praza.gal solicitou hai un ano ao Ministerio de Traballo o detalle dos expedientes abertos pola inspección de traballo durante a campaña que vixilancia que realizou na vendima no Ribeiro. O ministerio denegou a información, pero un ano máis tarde agora elDiario.es vén de revelar a sanción a Casal de Armán por empregar migrantes sen papeis.

A nivel galego a Xunta tamén vén denegando con todo tipo de argumentos sucesivas peticións de Praza.gal para acceder ao acordo que asinou con Altri para a súa instalación en Galicia, de momento frustrada. As dificultades para acceder ao documento acabaron levando ao BNG a formular unha demanda xudicial, o que demorará meses ou anos a resolución do asunto. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.