Sanción á adega da familia do conselleiro de Emprego por vendimar con migrantes sen papeis

José González Vázquez, conselleiro agora de Emprego e antes do Medio Rural, recorrendo un viñedo en Ribadavia nunha imaxe de arquivo de 2019 CC-BY-SA Xunta de Galicia

Pendente de derrubar un salón de eventos ilegalizable que atenta contra o patrimonio cultural, Casal de Armán afronta unha multa da inspección laboral revelada por elDiario.es e confirmada a Praza.gal por varias fontes

A inspección laboral sancionou a adega da familia do conselleiro de Emprego, José González Vázquez, por vendimar na pasada campaña de 2025 usando como man de obra migrantes sen papeis, segundo revela este martes elDiario.es e puido confirmar Praza.gal por varias fontes. Casal de Armán, adega que se define como "familiar" e en mans agora de irmáns do conselleiro, ten tamén pendente de derrubar, por ilegalizable, un salón de eventos que desde hai máis dunha década atenta contra o patrimonio cultural en Ribadavia por levantarse a carón dun edificio protexido.

Adega e complexo de turismo rural de Casal de Armán, cunha estrutura ilegal para eventos a carón da antiga reitoral de Santo André de Campo Redondo, hoxe museo da Xunta © Casal de Armán

Durante a vendima do pasado ano a inspección laboral divulgou que realizara unha campaña específica de control no Ribeiro detectando diversas ilegalidades. Unha fonte informou daquela a Praza.gal que entre esas ilegalidades estaría o uso por parte de Casal de Armán de migrantes sen papeis como man de obra. Pero unha petición de transparencia dirixida por este diario ao Ministerio de Traballo para coñecer o detalle das empresas ás que se abriran expedientes sancionadores obtivo como resposta unha denegación a facilitar esa información. 

Agora elDiario.es confirma eses feitos e concreta que a sancionada é a empresa Viña Campinas SL, filial do grupo Casal de Armán "encargada de xestionar as viñas nas que se recolecta a uva". Segundo o diario dixital, a empresa atribúe o ocorrido a outra empresa de traballo temporal á que subcontratou esas tarefas.

Contradicións e demoras da Xunta veñen permitindo a Casal de Armán adiar a demolición do seu ilegalizable salón de eventos

Casal de Armán, impulsada polo xa falecido pai do conselleiro de Emprego e herdada polos seus fillos, está configurada en varias empresas, tendo un papel destacado Bodegas Casal de Armán SL, encargada de xestionar a adega de viños, e Casal de Armán SL, que ten ao seu cargo un hotel rural con restaurante e recinto de eventos anexo á adega en Santo André de Campo Redondo, Ribadavia. O conselleiro de Emprego foi socio da primeira empresa "por herdanza" cos seus irmáns ata 2018, ano en que se desfixo da súa participación ao ser nomeado membro do Goberno galego. Pola súa banda, a segunda empresa mantén desde 2015 un salón de eventos prefabricado a carón da antiga casa reitoral desa parroquia, edificio protexido por Patrimonio.

A xustiza, como vén contando Praza.gal, certificou que esa edificación debe ser derrubada por ilegal e ilegalizable, pero esa demolición vense demorando grazas a contradicións e demoras da Xunta mentres a empresa impulsa un plan urbanístico co que ampliar as súas instalacións xa de xeito legal nas proximidades. A Xunta, ademais, vén demorando que Praza.gal poda acceder ao expediente actualizado sobre esa construción.

Antes de entrar na política activa, como inspector de Facenda José González Vázquez, que tamén se presentaba como empresario vitivinícola, foi vogal do Consorcio da Zona Franca de Vigo entre 2009 e 2014 e un dos tres administradores concursais que tivo durante a súa suspensión de pagos o Celta, propiedade da familia Mouriño, que conta tamén con importantes intereses vinícolas. Nas eleccións galegas de setembro de 2016 González Vázquez entrou no Parlamento como deputado do PPdeG, en 2018 foi nomeado por Alberto Núñez Feijóo conselleiro de Medio Rural e desfíxose das participacións empresariais, e en 2024 Alfonso Rueda mudoulle as responsabilidades como conselleiro de Emprego.

Con González Vázquez aínda como socio, Bodegas Casal de Armán tamén incumpriu unha subvención de Medio Rural

Con González Vázquez aínda como socio, Bodegas Casal de Armán SL tamén incumpriu, segundo unha sentenza do TSXG revelada por Praza.gal, unha subvención de Medio Rural de 47.000 euros porque tiña "licenza de colleiteiro" e non para a "produción industrial" que realmente realizaba e porque non xustificou correctamente os gastos a que ía dirixida a axuda.

O "complexo enoturístico" de Casal de Armán en Ribadavia e sentenza do TSXG que constata que a empresa incumpriu unha subvención de Medio Rural © Foto: Casal de Armán, montaxe Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.