José González deixou de ser socio de Bodegas Casal de Armán SL ao pasar de deputado a conselleiro en 2018, pero o comedor prefabricado para eventos que outra empresa da familia, Casal de Arman SL, levantou xunto a unha reitoral protexida conta con orde de demolición desde 2015, un ano antes de ser candidato do PP
En maio de 2015 a empresa Casal de Armán SL levantou sen permisos nin municipal nin autonómico unha estrutura prefabricada para albergar un salón de eventos xunto á casa de turismo rural Casal de Armán a 20 metros da antiga casa reitoral de Santo André de Campo Redondo (Ribadavia), edificio protexido no que posteriormente a Xunta abriría o Museo do Viño de Galicia. Aquel mesmo ano a Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura resolveu a “demolición” da construción, que considera “ilegalizable” polo seu “tremendo impacto” pero que cinco anos despois segue en pé tras unha sucesión de recursos por parte da empresa e rexeitamentos da Xunta á que vén de ter acceso Praza.gal a través dunha solicitude oficial de transparencia.
O conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, inspector de Facenda antes de entrar na política activa en 2016 como deputado autonómico do PP, declarou naquel momento ao Parlamento ser propietario de terreos e socio da empresa Bodegas Casal de Armán SL, que é a responsable da web bodegascasaldearman.com, similar á web casaldearman.net que é responsabilidade de Casal de Armán SL, empresas as dúas nas que participan outros irmáns seus. As webs remiten unha á outra respectivamente relatando como "en 1996 os actuais propietarios, a familia González Vázquez, acometeron un duro traballo de restauración" do edificio principal do que denominan "complexo enoturístico" que presentan como rexentado pola familia. José González Vázquez, que ratifica que recibiu a súa participación en Bodegas Casal de Armán SL "por herdanza" do seu pai, salienta que a vendeu en 2018, ano en que foi nomeado conselleiro e que nunca tivo participación en Casal de Armán SL.
Esta é a sucesión de feitos que se relata no expediente de Patrimonio aberto a Casal de Armán SL ao que a Xunta vén de dar acceso a Praza.gal. O 6 de maio de 2015 o servizo municipal de arquitectura do Concello de Ribadavia visitou a zona e constatou que se estaba a levantar a estrutura en cuestión sen permisos e cinco días despois, o 11 de maio, o Concello incoou un expediente de restauración da legalidade. Un mes máis tarde un dos irmáns González Vázquez, en representación da empresa, solicitou a “legalización” do construído “para un período de utilización de 2 anos”, pero tanto o Concello como Patrimonio rexeitárono.
Patrimonio considerou que o conxunto arquitectónico de Santo André de Campo Redondo “resulta claramente agredido coa nova construción”, que “se introduce de forma espuria” na contorna e cuxo impacto non resultaría minorado polo feito de que fose temporal ou desmontable
No caso de Patrimonio, o 25 de setembro de 2015 tanto o arquitecto encargado do caso como a comisión territorial de Patrimonio de Ourense se pronunciaron en contra da legalización solicitando a demolición da construción e a apertura dun expediente sancionador, o que supuxo a emisión por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural dunha resolución con data do 5 de outubro de 2015 na que acordou denegar a legalización “dado que as obras son ilegalizables”, pedindo ao concello que acordase “a súa demolición” e “impedir definitivamente o usos ós que desen lugar, debendo restituír o terreo ó seu estado anterior”.
Nesa resolución Patrimonio salienta, entre outras cuestións, “o tremendo impacto debido ó volume da construción e a situación topográfica particular da súa ubicación, por riba da cota da cuberta da propia ex reitoral-museo e case na mesma cota que a espectacular torre de catro corpos rematada en cupulín de pedra, en clara competencia volumétrica co xogo formado pola igrexa e a propia reitoral, e incluso o inmoble principal destinado a Turismo Rural”. Un conxunto, di, que “resulta claramente agredido coa nova construción”, que “se introduce de forma espuria” na contorna e cuxo impacto non resultaría minorado polo feito de que fose temporal ou desmontable.
A empresa defendeu nun dos seus recursos, rexeitado pola Xunta un ano e medio máis tarde, que representa “os mellores valores da modernización sostible”
Contra esa resolución do 5 de outubro de 2015 a empresa, novamente representada por un dos irmáns González Vázquez como en todo o expediente de Patrimonio, presentou un recurso de alzada o 9 de novembro e pediu a apertura dun período de proba para achegar informes que xustificasen as súas alegacións. O 16 de decembro o daquela secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, concedeulle 30 días hábiles para achegar eses informes, que entregou o 26 de xaneiro de 2016 e no que argumentaba, entre outras cuestións, que a reitoral non fora formalmente sometida a ningún réxime de protección mediante o seu inventariado como ben de interese cultural. O recurso tamén defendía o interese de Casal de Armán para a economía da zona e defendía que a empresa representaba “os mellores valores da modernización sostible”.
A Xunta non resolveu sobre ese recurso de alzada ata ano e medio despois, nunha resolución asinada o 11 de xullo de 2017 por Anxo Lorenzo na que ratifica que a reitoral si estaba protexida e lembra a necesidade de pedir permiso autonómico para actuar nas proximidades deses bens esgrimindo diversa xurisprudencia. Sobre a importancia da empresa, a resolución di que “é unha cuestión allea ao obxecto do procedemento a alegada repercusión positiva na economía da zona e no prestixio do viño Ribeiro que poida ter o establecemento hosteleiro”. Contra esa resolución Casal de Arman interpuxo un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) aínda pendente.
A Secretaría Xeral da Consellería de Cultura tardou por dúas veces máis dun ano e medio en denegar sucesivamente dous recursos de alzada presentados pola empresa
Tras o fracasado proceso de legalización do construído, en novembro de 2017 outro dos irmáns González Vázquez presentou ante Patrimonio un proxecto de “demolición” ou “desmontaxe” da estrutura e pediu licenza municipal para esa actuación. Pero o 8 de marzo de 2018 Patrimonio rexeitouno porque non só contemplaba a demolición da estrutura senón tamén a pavimentación do lugar que ocupa, lembrando que a zona debe ser restituída ao seu “estado anterior”, cando o chan era de terra e parte estaba ocupado por viñas. Unha resolución na que Patrimonio volve lembrar que a estrutura é “non legalizable” e contra a que a empresa tamén presentou, en abril de 2018, recurso de alzada alegando, entre outras cuestións, que estaba “en conversas” cos técnicos para resolver a situación.
Como xa sucedera co recurso de alzada contra a negativa á legalización, o secretario xeral de Cultura, agora xa non Lorenzo senón Manuel Vila, non resolveu ata outro ano e medio máis tarde, o 4 de febreiro deste 2020, rexeitando o recurso da empresa amparándose, entre outros, nun informe dunha técnica que salienta, fronte ás apelacións a “conversas”, que as actuacións en materia de Patrimonio deben ser un “procedemento regrado”.
Desde hai un ano a Xunta está a tramitar unha proposta de ampliación da empresa sobre solo rústico que inclúe, entre outras cuestións, un "novo restaurante de eventos"
Durante todo este proceso, en 2016 Patrimonio si autorizou obras de reforma no interior do edificio de pedra orixinal de Casal de Armán. E xa en 2015 a empresa facía alusión nos seus escritos dirixidos á Xunta a “trámites” para emprazar os usos aos que destinaba o salón prefabricado noutro sitio “definitivo e axeitado”. Foi en outubro de 2019 cando a Xunta someteu a exposición pública a proposta dun Plan Especial de Protección e Dotacións co que Casal de Armán, cunha solicitude formulada por Bodegas Casal de Armán SL, quere ampliarse sobre solo rústico para, entre outras cuestións, construír un “novo restaurante de eventos”.
Estes son os principais fitos temporais dos documentos do expediente de Patrimonio contra Casal de Armán (numerado 66/330) que en aplicación da Lei de Transparencia a Xunta deixou consultar a Praza.gal na súa delegación de Ourense -e este diario ratificou con outra documentación que obtivo- case dez meses despois de solicitalo oficialmente e tras varios recursos. Porén, a Xunta non deu acceso ao expediente sancionador que de xeito paralelo debera ter aberto, con multas, contra a empresa.
O conselleiro salienta que se desfixo da súa participación en Bodegas Casal de Armán SL en 2018 e que a Lei do Solo permite a legalización 'a posteriori', algo que a administración rexeitou para esa construción
Preguntado por Praza.gal, o conselleiro de Medio Rural remitiu o que o seu departamento de comunicación cualifica de “valoración do conselleiro con información facilitada polo administrador de Casal de Armán”, así, sen identificar se se refire a Bodegas Casal de Armán SL ou Casal de Armán SL. Nesa resposta insístese en que José González Vázquez desfíxose en 2018 da participación que tiña por herdanza na primeira desas empresas e que “non tivo ningún cargo de xestión, administración ou dirección de ningunha das dúas sociedades anteriormente referidas”.
A resposta que facilita a consellería indica que “a instalación á que se refire ten carácter de “desmontable”, polo que non cabe falar de orde de demolición, senón de desmontaxe”. Porén, “demolición" é a palabra que se emprega en diversas ocasións en varias das resolucións emitidas por Patrimonio en diversos momentos do expediente.
Tamén di que “é erróneo” que Casal de Armán SL "procedese ao levantamento dunha construción ilegal", explicando que “en termos xurídicos, a incoación dun procedemento de reposición da legalidade urbanística non permite afirmar que a instalación obxecto do mesmo sexa ilegal. Ese procedemento, regulado na Lei do Solo de Galicia, posibilita precisamente que, tras os trámites e comprobacións necesarias, a Entidade Local poida determinar a legalización das instalacións de referencia por ser perfectamente compatibles co ordenamento urbanístico –e polo tanto, legais-, requirindo a posteriori a corrección dos defectos en que puidese incorrer. Polo tanto, unha instalación non é ilegal ata o momento no que así o conclúa o procedemento de reposición da legalidade urbanística incoado respecto á mesma, cousa que non sucedeu no presente suposto: o procedemento de reposición da legalidade urbanística non finalizou a data actual, dada a existencia dun procedemento xudicial; o contido do informe desfavorable emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural no marco deste expediente de reposición da legalidade urbanística foi recorrido en vía contencioso-administrativa, tratándose de unha cuestión pendente de pronunciamento xudicial e, polo tanto, de sentenza firme”.
Porén, é Patrimonio quen cualifica de “ilegalizable” a actuación e o técnico encargado do expediente pon en dúbida a súa temporalidade sinalando que “se por desmontar enténdese descompor unha cousa en pezas, neste caso de cara á desaparición do elemento, incuestionablemente para a cimentación habería que falar, con máis propiedade, de derrubar ou demoler”. Por outra banda, o contencioso-administrativo pendente de resolverse foi interposto contra a denegación por parte da administración da solicitude de “legalización” formulada pola propia empresa. Ademais, para Cultura o expediente relatado nesta información está concluído, como informou a este medio cando argumentou o motivo polo que, pola contra, non deu acceso ao expediente sancionador paralelo, por non estar ese concluído ao considerarse que aínda non foi resposta a legalidade.
Cando hai un ano Praza.gal revelou a solicitude de Bodegas Casal de Armán SL, a empresa na que tiña participación o conselleiro, para reformar urbanísticamente a zona (con propiedades a nome de Bodegas Casal de Armán SL e de Casal de Armán SL, ademais doutros propietarios) e ampliar as instalacións hosteleiras, solicitude aínda pendente, a Consellería de Medio Rural asegurou que, malia afectar a montes catalogados hoxe como solo rústico, “o que se está a tramitar neste momento” do proxecto “non require informe” do departamento que dirixe González Vázquez. Medio Rural sinalou que en todo caso “calquera actividade empresarial que se quere desenvolver ten que solicitar os informes sectoriais técnicos pertinentes, uns informes que se emiten sempre por parte de persoal técnico e garantindo sempre a neutralidade e a obxectividade”.
Pola súa banda, fontes próximas a González Vázquez sinalaran a Praza.gal sobre aquela petición que “a familia dun conselleiro ten todo o dereito de mellorar o seu proxecto de negocio, tal e como veu facendo antes de ser deputado o actual conselleiro”. Tamén salientaron que “para efectuar esta futura mellora para a que se solicita arestora informe medioambiental, a empresas non solicitará subvención pública, como tampouco fixo para acometer outras obras que xa se realizaron nela desde que José González tomou posesión como conselleiro”.
Antes de entrar na política activa, como inspector de Facenda José González Vázquez, que tamén se presentaba como empresario vitivinícola, foi vogal do Consorcio da Zona Franca de Vigo entre 2009 e 2014 e un dos tres administradores concursais que tivo o Celta, durante a súa suspensión de pagos.