"Un representante público debe ser exemplar diante da cidadanía á que se esixe o cumprimento da lei”, reclama Antón Sánchez
"Un representante público debe ser exemplar diante da cidadanía á que se esixe o cumprimento da lei, e coas explicacións que lle pedimos terá que demostrar que non utiliza a súa posición no Goberno para un beneficio particular". Así reclama o portavoz do grupo Común da Esquerda, Antón Sánchez, explicacións no Parlamento de Galicia polas obras xa realizadas e as que quere acometer a adega familiar do conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, da que era socio cando xa era o deputado portavoz desa área no Parlamento de Galicia.
Casal de Armán pide construír en solo rústico e plantar novos viñedos no que hoxe é monte
Praza.gal desvelou o sábado que a adega Casal de Armán está a tramitar permisos autonómicos para ampliar as súas instalacións en Santo André de Campo Redondo, Ribadavia, para enoturismo, un proxecto co que quere construír en solo rústico e plantar novos viñedos no que hoxe é monte. Faino xusto ao lado do Museo do Viño de Galicia, inaugurado pola Xunta o pasado xullo tras dúas décadas de tramitación e obras na antiga reitoral da parroquia. Un edificio protexido ao carón do cal a adega levantou unha estrutura na que ofrece eventos e banquetes e que segundo diversas fontes conta cun expediente de Patrimonio.
Medio Rural asegura que está “garantida” a neutralidade da Xunta sobre o novo proxecto de Casal de Armán mentres que Cultura garda silencio sobre a situación da estrutura e actuación de Patrimonio
Medio Rural asegura que está “garantida” a neutralidade da Xunta sobre o novo proxecto de Casal de Armán mentres que a Consellería de Cultura garda silencio sobre a situación da estrutura e actuación de Patrimonio. Agora Común da Esquerda censura que malia non desmontar aínda esa estrutura para banquetes “desde que se emitiu o expediente en 2015”, a adega veña de solicitar a súa ampliación. Por iso, o grupo da oposición rexistrou este luns varias iniciativas no Parlamento galego “encamiñadas a esixir explicacións ao conselleiro”.