A Consellería de Cultura garda silencio sobre a situación do recinto para eventos e banquetes levantado en Casal de Armán a poucos metros da protexida antiga reitoral da parroquia
A adega Casal de Armán, da familia do conselleiro de Medio Rural e que está a tramitar permisos para ampliar as súas instalacións para enoturismo, foi sancionada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta por unha estrutura prefabricada na que acolle banquetes e eventos levantada a menos de 20 metros da protexida antiga casa reitoral de Santo André de Campo Redondo, en Ribadavia. Así o asegura o ex-alcalde socialista de Ribadavia Ignacio Gómez, no cargo entre 2015 e as pasadas eleccións municipais, cando a alcaldía pasou a mans do PP. A Consellería de Cultura, preguntada en varias ocasións nas últimas semanas por Praza.gal sobre a situación desa estrutura, garda silencio ao respecto.

Casal de Armán está a tramitar ante a Xunta os permisos necesarios para ampliar as súas instalacións para enoturismo cun “novo hotel” e un “novo restaurante de eventos”. A empresa, da que era socio o propio conselleiro ata o seu nomeamento hai algo máis dun ano, mesmo cando era deputado autonómico, instalou hai uns anos, segundo o PSdeG de Ribadavia, unha estrutura prefabricada no seu xardín exterior na que acolle vodas e outros eventos. Ese espazo levántase a menos de 20 metros da antiga casa reitoral da parroquia, edificio protexido no que a Xunta vén de inaugurar o Museo do Viño de Galicia. A ampliación que agora tramita Casal de Armán quere aproveitar sinerxías con ese museo e contempla a construción dunha nova adega soterrada á que trasladar as súas instalacións de produción de viño liberando así espazo no resto do recinto para, entre outras cousas, un “novo restaurante de eventos” como os que se celebran agora na estrutura levantada xunto á reitoral-museo.
Segundo o ex-rexedor socialista, el mesmo tramitou como alcalde multas coercitivas remitidas ao Concello por Patrimonio para que a empresa repuxese a legalidade
Segundo o ex-rexedor socialista da vila, el mesmo tramitou como alcalde multas coercitivas comunicadas ao Concello por Patrimonio para que a empresa repuxese a legalidade e retirase esa estrutura. Sobre esa estrutura e a petición de Patrimonio á empresa para que a retirase tamén se tratou nunha reunión da Irmandade Galega de Adegueiros celebrada en 2015 na antiga reitoral, segundo contou La Voz de Galicia.

A Consellería de Cultural, que adoita informar doutras actuacións de Patrimonio ante casos similares, garda silencio desde hai dúas semanas.
Este diario preguntou en varias ocasións pola actuación de Patrimonio sobre esa estrutura á Consellería de Cultura, da que dependen tanto ese departamento que debe velar polo respecto á reitoral como o Museo do Viño de Galicia que acolle desde xullo ese edificio. A consellería, que adoita informar doutras actuacións de Patrimonio ante casos similares, garda silencio desde hai dúas semanas. Pola súa banda, fontes próximas a González Vázquez preguntadas polo proxecto de ampliación da adega para enoturismo sinalaron a Praza.gal que “a familia dun conselleiro ten todo o dereito de mellorar o seu proxecto de negocio, tal e como veu facendo antes de ser deputado o actual conselleiro”