Casal de Armán recorre á xustiza para ocultar o expediente do seu ilegalizable salón de eventos

Estrutura para banquetes e eventos ilegal e ilegalizable levantada en 2015 en Casal de Armán sen permiso de Patrimonio a carón dunha casa reitoral protexida © Casal de Armán

Tras intervir a Valedora do Pobo, Patrimonio autorizou unha petición de Praza.gal ao amparo da Lei de Transparencia, pero a empresa da familia do conselleiro de Medio Rural vén de presentar un recurso contencioso-administrativo contra a Xunta

Casal de Armán, empresa da familia do conselleiro de Medio Rural, vén de presentar un recurso xudicial contencioso-administrativo contra a Xunta ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para que non se coñezan máis detalles arredor do salón de eventos ilegalizable que vén explotando desde 2015 en Ribadavia a carón dunha antiga casa reitoral protexida polo seu valor patrimonial. Tras unha petición de acceso a documentación ao amparo da Lei de Transparencia formulada por Praza.gal, e logo da intervención da Valedora do Pobo, o departamento de Patrimonio da Consellería de Cultura autorizou a consulta, pero Casal de Armán vén de recorrer esa decisión ante a xustiza.

Documento co que a Xunta informa de que Casal de Armán interpuxo recurso xudicial contra a súa decisión de conceder acceso ao seu expediente © Imaxe: Casal de Armán | Montaxe: Praza Pública

Desde 2015 Casal de Armán, adega e casa de turismo rural da familia do conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, vén explotando un salón de eventos ilegal e ilegalizable a carón da antiga casa reitoral de Santo André de Campo Redondo, en Ribadavia, un edificio protexido por Patrimonio no que a Xunta abriu en 2019 o Museo do Viño de Galicia.

Aos poucos meses de levantar a edificación, Patrimonio da Xunta acordou demolela, pero desde aquela diversos recursos da empresa e a lentitude da Consellería de Cultura en responder a eles veñen demorando esa restitución da legalidade, o que permite que a empresa siga a explotar comercialmente a edificación ilegal. Praza.gal vén dando conta desde hai anos de diversas derivadas do caso e en 2020 tivo acceso, tras unha petición de transparencia obstaculizada pola Xunta, ao expediente de reposición da legalidade aberto por Patrimonio e avalado despois pola xustiza.

Recursos da empresa e a lentitude da Consellería de Cultura en responder a eles veñen demorando a restitución da legalidade coa demolición ratificada pola xustiza

Naquel acceso á documentación a Xunta non facilitara o expediente sancionador paralelo que debera ter aberto con multas periódicas mentres non se lograse a reposición da legalidade. Engadido iso ao feito de que tres anos despois a edificación segue en pé, este diario formulou unha nova petición de transparencia hai case medio ano, o 27 de setembro pasado, para acceder tanto ao expediente de reposición da legalidade xa consultado antes para poder comprobar a súa evolución como ao expediente sancionador. 

A Xunta non contestou a petición oficial e houbo que recorrer, como na ocasión anterior, á Comisión da Transparencia de Galicia, dependente da Valedora do Pobo, que instou ao Goberno galego a responder. Antes de facelo este consultou posibles obxeccións, como contempla a lei, á empresa afectada, que se opuxo. Pero igualmente Patrimonio da Xunta autorizou o acceso o pasado 22 de decembro condicionado a que contra esa decisión non se interpuxese ningún recurso contencioso-administrativo. E iso é o que finalmente fixo Casal de Armán.

A Xunta non informou directamente do bloqueo da petición de transparencia pola interposición dun recurso xudicial senón que tivo que requirirllo formalmente este diario pasado o prazo legal para o recurso. Ante a instancia oficial presentada reclamando o acceso á documentación se non fora interposto recurso, a Xunta vén de informar agora de que a empresa recorreu á xustiza "polo que o acceso ao expediente queda supeditado á resolución de dito recurso" contra a súa decisión.

Agora será o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), ante o que Casal de Armán e a Xunta terán que expoñer os seus argumentos, quen decida sobre se a documentación reclamada debe ser facilitada. Un tribunal que se vén pronunciando primando, como esixe a lei, o dereito á transparencia sobre outros intereses particulares, nomeadamente os empresariais. 

Casal de Armán, impulsada polo xa falecido pai do conselleiro de Medio Rural, defínese como "empresa familiar" e está repartida entre dúas sociedades, Casal de Armán SL, responsable do salón de eventos ilegal, e Bodegas Casal de Armán SL. Desta última foi socio José González Vázquez "por herdanza" cos seus irmáns ata 2018, ano en que se desfixo da súa participación ao ser nomeado membro do Goberno galego.

Antes de entrar na política activa, como inspector de Facenda José González Vázquez, que tamén se presentaba como empresario vitivinícola, foi vogal do Consorcio da Zona Franca de Vigo entre 2009 e 2014 e un dos tres administradores concursais que tivo o Celta durante a súa suspensión de pagos. Nas eleccións galegas de setembro de 2016 entrou no Parlamento como deputado do PPdeG, e dous anos despois pasou a ser conselleiro.

José González Vázquez, conselleiro do Medio Rural, recorrendo un viñedo en Ribadavia nunha imaxe de arquivo de 2019 CC-BY-SA Xunta de Galicia

Hai uns meses Praza.gal revelou que Casal de Armán incumpriu unha subvención de Medio Rural cando o agora conselleiro era socio da adega familiar

Con González Vázquez aínda como socio, Bodegas Casal de Armán SL incumpriu, segundo unha sentenza do TSXG emitida hai uns meses e revelada por Praza.gal, unha subvención de Medio Rural de 47.000 euros porque tiña "licenza de colleiteiro" e non para a "produción industrial" que realmente realizaba e porque non xustificou correctamente os gastos a que ía dirixida a axuda.

De xeito paralelo á súa loita xudicial infrutuosa para tentar manter o salón de eventos ilegal, Casal de Armán ten en marcha un plan urbanístico para poder ampliar as súas instalacións con novas edificacións dedicadas ao enoturismo, espazos que pasarían a suplir os servizos que agora se prestan na edificación a demoler. A avaliación ambiental dese plan urbanístico rematou hai tres anos pero a Xunta aínda a publicou no Diario Oficial de Galicia o pasado novembro, o que facilita á empresa máis marxe temporal para que saia adiante a obra antes de que caduque o permiso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.