O tribunal dille á empresa da familia do conselleiro de Medio Rural que a edificación que levantou hai máis de seis anos sen permiso non é nin desmontable nin temporal e avala a negativa da Consellería de Cultura a legalizala polo seu “tremendo impacto”
A empresa Casal de Armán SL, da familia do conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez (que ata 2018 foi socio de Bodegas Casal de Armán SL), levantou en 2015 en Ribadavia sen permisos nin municipal nin autonómico un salón de eventos xunto á casa de turismo rural e adega Casal de Armán a 70 metros da igrexa de Santo André de Campo Redondo e a 20 metros da súa antiga reitoral, hoxe convertida pola Xunta en Museo do Viño de Galicia. A Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura resolveu a “demolición” da construción polo seu “tremendo impacto” e agora o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de emitir unha sentenza na que desestima un recurso da empresa contra a negativa dese departamento da Xunta a legalizar a edificación que vén explotando comercialmente durante este tempo.
O tribunal rexeita os argumentos da empresa de que o que edificou sexa desmontable ou temporal, incide en que omitiu unilateralmente a solicitude de permiso previo que debía formular e avala a negativa dos técnicos de Cultura a legalizar a estrutura polo seu “evidente” impacto. De xeito paralelo ao proceso xudicial, en 2019 Bodegas Casal de Armán SL (a empresa na que participaba ata o seu nomeamento en 2018 o conselleiro de Medio Rural, deputado do PP desde 2015) iniciou a tramitación dun plan urbanístico para ampliar as súas instalacións sobre solo rústico e, entre outras cuestións, construír un “novo restaurante de eventos” que viría substituír noutro emprazamento ao declarado ilegalizable.
Tras a negativa da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta a legalizar o salón de eventos, a empresa presentou un recurso contencioso-administrativo ante o TSXG que agora vén de resolver nunha sentenza con data do pasado 24 de setembro feita pública nos últimos días. A sentenza recolle como a empresa intentou argumentar que o salón de eventos non é unha edificación nin ten “natureza construtiva”, que foi “instalada temporalmente para facer fronte a unha demanda do negocio que debía ser atendida -como solución provisional en tanto en canto se tramita a obtención de licenza para a súa ubicación nun emprazamento definitivo e adecuado” e que nin a igrexa nin a reitoral veciñas serían bens integrantes do inventario de patrimonio cultural de Galicia. A Xunta, pola súa parte, reiterou no proceso xudicial os argumentos contrarios xa formulados previamente no proceso administrativo polos seus técnicos de Patrimonio Cultural.
Non é nin desmontable nin temporal
A sentenza salienta a "altura e volume sobresaíntes, que interfiren na paisaxe circundante”
Na súa sentenza o tribunal desmonta todos os argumentos da empresa. Sobre a entidade do construído, o TSXG di que “resulta indubidable que nos atopamos ante un acto de edificación e uso do solo, de considerables dimensións -de feito, valórase pola resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural que se trata dun salón con capacidade para albergar 200 persoas- con entidade suficiente como para xerar un impacto na contorna, polo importante volume pechado que xera e o uso de materiais facilmente perceptibles, e con vocación de estabilidade e permanencia que pechan ese volume de forma opaca”, con “18 metros de longo por 15 de ancho, cunha altura que rolda os 4 metros”. “Unha altura e volume sobresaíntes, que interfiren na paisaxe circundante”, di noutro punto a sentenza.
O Tribunal Superior considera que non se pode cualificar como “desmontable e modular” a cimentación e estrutura base do recinto, “executada de maneira convencional, sen ningunha das características para ser considerada modular” e que “evidencian unha indubidable vocación de permanencia ou estabilidade, desde o punto de vista construtivo, con independencia de cales sexan as intencións da entidade propietaria”.
Patrimonio debía valorar o impacto previamente
A sentenza tamén di que, “aínda que se tratase dunha obra temporal e desmontable”, Patrimonio era competente para pronunciarse sobre a edificación porque a súa intervención “non queda limitada ou circunscrita a determinadas edificacións, con características fixas, non desmontables, senón que de forma ampla se somete á súa autorización calquera intervención que afecte aos bens inventariados”. E igualmente que aínda que fose desmontable “non a priva da virtualidade de supoñer un impacto negativo serio para os elementos culturais situados na súa contorna, impacto que hai que valorar, sexa ou non desmontable unha construción, mentres a mesma estea implantada nun determinado lugar”.
O TSXG argumenta que “poderá valorarse esa temporalidade nun xuízo de proporcionalidade para determinar a entidade dese impacto, pero trátase dun xuízo que corresponde realizar á Consellería de Cutlura”. “O que non cabe é que o interesado prexulgue de forma unilateral a ausencia de impacto negativo pola escasa entidade construtiva da obra para considerar que non era un trámite preceptivo esa autorización sectorial”, que só solicitou cando o Concello e a Xunta actuaron contra a construción xa levantada sen solicitar previamente os previos.
Está xunto a un ben protexido ao que pode afectar negativamente
“É evidente que nos atopamos ante unha intervención na contorna dun ben inventariado, con potencialidade para afectalo negativamente”, din os maxistrados
Por outra banda, a sentenza tamén analiza se o salón de eventos está levantado ou non xunto a un ben protexido. O TSXG di que “aínda que a Casa Reitoral, que é o edificio máis próximo á obra litixiosa, non estivese inventariada nin fose declarada Ben de Interese Cultural á data da resolución recorrida (consideración como BIC que si terá no futuro, coa súa nova condición de Museo do Viño de Galicia, segundo a pericial xudicial), a Igrexa de Santo André de Camporredondo si figuraba e figura recollida no inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia”. A normativa urbanística fixa unha contorna de protección de cen metros, lembra o tribunal, “e está probado que a obra litixiosa está dentro desa contorna de protecicón”, a “uns 70 metros”. “É evidente que nos atopamos ante unha intervención na contorna dun ben inventariado, con potencialidade para afectalo negativamente”, sentencian os maxistrados.
O rexeitamento de Patrimonio foi correctamente argumentado
A sentenza finalmente analiza se a negativa de Patrimonio a legalizar a edificación pola valoración que fixo do seu impacto foi correctamente formulada e argumentada, e conclúe que si. Os xuíces entenden que cuestións estéticas poden ser froito de diversas interpretacións, pero priman o criterio dos técnicos da administración sobre os da empresa e os seus peritos. “Non se pode negar que a resolución recorrida incorpora unha valoración motivada desde o punto de vista técnico”, di a sentenza, que engade que “o que non cabe pretender é que este Tribunal substitúa o criterio técnico dos servizos da Consellería de Cultura, criterio razoable, o cal se presenta como lóxico, motivado e baseado en concretos feitos acreditados”.
A sentenza conclúe polo tanto desestimando o recurso da empresa contra a negativa de Patrimonio a legalizar o construído en maio de 2015, rexeitamento que non foi feito firme pola Xunta na vía administrativa ata xullo de 2017, que foi cando se iniciou o proceso xudicial que agora se sentencia.
En 2016 Patrimonio si autorizou obras de reforma no interior do edificio de pedra orixinal de Casal de Armán. E xa en 2015 a empresa facía alusión nos seus escritos dirixidos á Xunta a “trámites” para emprazar os usos aos que destinaba o salón prefabricado noutro sitio “definitivo e axeitado”. Foi finalmente en outubro de 2019 cando a Xunta someteu a exposición pública a proposta dun Plan Especial de Protección e Dotacións co que Casal de Armán (cunha solicitude formulada por Bodegas Casal de Armán SL, a empresa na que participaba o conselleiro de Medio Rural ata 2018) quere ampliar as súas instalacións sobre solo rústico para, entre outras cuestións, construír un “novo restaurante de eventos”.
José González, que se presentaba como empresario vitivinícola, deixou de ser socio de Bodegas Casal de Armán SL ao pasar de deputado a conselleiro en 2018, pero a edificación ilegal que levantou outra empresa da familia, Casal de Arman SL, conta con orde de demolición desde 2015, un ano antes de ser candidato do PP
Cando hai dous anos Praza.gal revelou a solicitude de Bodegas Casal de Armán SL para reformar urbanísticamente a zona (con propiedades a nome de Bodegas Casal de Armán SL e de Casal de Armán SL, ademais doutros propietarios) e ampliar as instalacións hosteleiras, a Consellería de Medio Rural asegurou que, malia afectar a montes catalogados como solo rústico, “o que se está a tramitar neste momento” do proxecto “non require informe” do departamento que dirixe González Vázquez. Medio Rural sinalou que en todo caso “calquera actividade empresarial que se quere desenvolver ten que solicitar os informes sectoriais técnicos pertinentes, uns informes que se emiten sempre por parte de persoal técnico e garantindo sempre a neutralidade e a obxectividade”.
Pola súa banda, fontes próximas a González Vázquez sinalaran a Praza.gal sobre aquela petición que “a familia dun conselleiro ten todo o dereito de mellorar o seu proxecto de negocio, tal e como veu facendo antes de ser deputado o actual conselleiro”. Tamén salientaron que “para efectuar esta futura mellora para a que se solicita arestora informe medioambiental, a empresa non solicitará subvención pública, como tampouco fixo para acometer outras obras que xa se realizaron nela desde que José González tomou posesión como conselleiro”.
En 2019 Casal de Armán comezou a tramitar un plan urbanístico para ampliar as súas instalacións e, entre outras cuestións, construír un “novo restaurante de eventos” que substituiría á edificación ilegal actual
Cando hai un ano este diario tivo acceso ao expediente administrativo de Patrimonio e preguntou novamente polo sucedido en Casal de Armán ao conselleiro de Medio Rural, o seu departamento remitiu o que cualificou como “valoración do conselleiro con información facilitada polo administrador de Casal de Armán”, sen identificar se se refería a Bodegas Casal de Armán SL ou a Casal de Armán SL, empresas as dúas nas que participan outros irmáns seus e con páxinas web que remiten unha á outra respectivamente. Naquela resposta insistíase en que “a instalación á que se refire ten carácter de 'desmontable'”, algo que agora rexeita a xustiza.
Antes de entrar na política activa, como inspector de Facenda José González Vázquez, que tamén se presentaba como empresario vitivinícola, foi vogal do Consorcio da Zona Franca de Vigo entre 2009 e 2014 e un dos tres administradores concursais que durante a súa suspensión de pagos tivo o Celta, sociedade anónima deportiva controlada por Carlos Mouriño, tamén con intereses no sector vinícola.