A Xunta é condenada porque Sandra Quintas, responsable de Patrimonio en Ourense e alcaldesa, non motivou unha resolución de transparencia sobre a adega familiar do conselleiro de Emprego, que leva unha década beneficiándose dun salón para banquetes "ilegalizable"
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de anular unha resolución do departamento de Patrimonio da Xunta asinada por unha alto cargo do PPdeG, Sandra Quintas Vázquez, número 2 do partido en Ourense e alcaldesa de Bande, pola súa "carencia absoluta de motivación". A actuación irregular da popular, no marco dunha petición oficial de transparencia formulada por Praza.gal, permite a Casal de Armán, empresa da familia do conselleiro de Emprego, José González Vázquez, manter oculto o expediente que Patrimonio ten aberto contra ela por un salón de eventos que explota desde 2015 en Ribadavia, a carón dunha antiga casa reitoral protexida. Unha estrutura que a propia Xunta considera "ilegalizable", como tamén avalou o TSXG.

Desde 2015 Casal de Armán, adega e casa de turismo rural da familia de José González Vázquez, actualmente conselleiro de Emprego e antes de Medio Rural, vén explotando un salón de eventos ilegal e ilegalizable a carón da antiga casa reitoral de Santo André de Campo Redondo, en Ribadavia, un edificio protexido por Patrimonio no que a Xunta abriu en 2019 o Museo do Viño de Galicia, o que atraeu visitantes á contorna.
Aos poucos meses de levantar a estrutura do salón de banquetes, Patrimonio da Xunta acordou demolela, pero desde aquela diversos recursos da empresa e a lentitude da Consellería de Cultura en responder a eles veñen demorando esa restitución da legalidade, o que permite que a empresa siga a explotar comercialmente a edificación ilegal. Praza.gal vén dando conta desde hai anos de diversas derivadas do caso e en 2020 tivo acceso, tras unha petición de transparencia obstaculizada pola Xunta, ao expediente de reposición da legalidade aberto por Patrimonio e avalado despois pola xustiza.
Naquel acceso á documentación de 2020 a Xunta non facilitara o expediente sancionador paralelo que debera ter aberto con multas periódicas mentres non se lograse a reposición da legalidade. Engadido iso ao feito de que tres anos despois a edificación seguía en pé, este diario formulou en setembro de 2023, hai case dous anos, unha nova petición de transparencia para acceder tanto ao expediente de reposición da legalidade xa consultado antes para así poder comprobar a súa evolución, como ao expediente sancionador.

Recursos da empresa e a lentitude e erros da Consellería de Cultura en responder a eles veñen demorando a demolición ratificada pola xustiza da estrutura ilegal de Casal de Armán, proceso que agora a Xunta contribúe a manter oculto cun novo erro
A Xunta, tras un silencio inicial que tivo que ser corrixido pola Valedora do Pobo como responsable da Comisión da Transparencia de Galicia, consultou a petición formulada por Praza.gal coa empresa afectada, como contempla a Lei de Transparencia, e esta formulou alegacións en contra da divulgación dos expedientes.
Tras esas alegacións, a Xunta decidiu dar acceso a este diario aos expedientes, pero fíxoo nunha resolución na que non respondeu ás obxeccións formuladas pola empresa, limitándose a desbotalas sen facer explícita ningunha motivación. Así que a empresa recorreu en marzo do pasado ano esa resolución ante o TSXG e este vén de darlle agora a razón: "Atopámonos ante unha carencia absoluta de motivación da resolución combatida, pois é palmaria a ausencia total de resposta ás alegacións e concretos motivos de oposición á solicitude de acceso", salienta o tribunal, que evidencia que o corpo da resolución "limítase a referir, respecto [das alegacións], que 'unha vez examinadas as alegacións, resolvo', sen sinalar sequera os motivos de oposición".
Alcaldesa de Bande desde 2020, Sandra Quintas, a quen o TSXG deixa en evidencia, foi nomeada directora de Patrimonio en Ourense e unhas semanas despois secretaria xeral do PP provincial
Así, anulada agora pola Xustiza a resolución coa que a Xunta deu acceso a Praza.gal aos expedientes, o resultado paradoxal é que o proceso de transparencia debe ser reiniciado, o que xa vén de instar oficialmente este diario, pero acumulando unha demora de cando menos ano e medio.
A resolución non motivada da Xunta anulada polo TSXG que deriva neste obstáculo á transparencia foi asinada en decembro de 2023 por Sandra Quintas Vázquez, daquela como xefa do Servizo de Coordinación Cultural da dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta. Sandra Quintas é tamén alcaldesa de Bande desde 2020, en xuño do pasado ano foi nomeada pola Xunta directora territorial da Consellería de Cultura en Ourense e tres semanas despois era elixida secretaria xeral do PP en Ourense.
A súa resolución, ademais, contiña outro erro que facilitou máis motivos de alegacións por parte da empresa. Malia que Praza.gal solicitou o acceso aos expedientes sancionador e de reposición da legalidade, Quintas autorizou o acceso ao "expediente relativo ao proxecto de desmontaxe de edificación existente".
Por outra banda, a sentenza agora emitida polo TSXG que invalida a actuación de Quintas revela, ao reproducir argumentos esgrimidos pola Xunta no proceso, que Casal de Armán mantén aínda dous preitos xudiciais abertos pola súa estrutura ilegalizable, con "o Concello de Ribadavia, no recurso que pende ante o Xulgado número 1 de Ourense, e esta Consellería [de Cultura]" ante a mesma sala e sección do tribunal que resolveu este caso.
En 2019 Casal de Armán comezou a tramitar un plan urbanístico para ampliar as súas instalacións e, entre outras cuestións, construír un “novo restaurante de eventos” que substituiría á edificación ilegal actual
Casal de Armán, impulsada polo xa falecido pai do conselleiro de Emprego, defínese como "empresa familiar" e está repartida entre dúas sociedades, Casal de Armán SL, responsable do salón de eventos ilegal, e Bodegas Casal de Armán SL. Desta última foi socio José González Vázquez "por herdanza" cos seus irmáns ata 2018, ano en que se desfixo da súa participación ao ser nomeado membro do Goberno galego.
Antes de entrar na política activa, como inspector de Facenda José González Vázquez, que tamén se presentaba como empresario vitivinícola, foi vogal do Consorcio da Zona Franca de Vigo entre 2009 e 2014 e un dos tres administradores concursais que tivo durante a súa suspensión de pagos o Celta, propiedade da familia Mouriño, que conta tamén con importantes intereses vinícolas. Nas eleccións galegas de setembro de 2016 González Vázquez entrou no Parlamento como deputado do PPdeG, e dous anos despois pasou a ser conselleiro.

Con González Vázquez aínda como socio, Bodegas Casal de Armán SL incumpriu, segundo unha sentenza do TSXG revelada por Praza.gal, unha subvención de Medio Rural de 47.000 euros porque tiña "licenza de colleiteiro" e non para a "produción industrial" que realmente realizaba e porque non xustificou correctamente os gastos a que ía dirixida a axuda.
De xeito paralelo á súa loita xudicial infrutuosa para tentar manter o salón de eventos ilegal, Casal de Armán puxo en marcha un plan urbanístico para poder ampliar as súas instalacións con novas edificacións dedicadas ao enoturismo, espazos que pasarían a suplir os servizos que agora se prestan na edificación a demoler. A avaliación ambiental dese plan urbanístico rematou en 2020, pero a Xunta non o publicou no Diario Oficial de Galicia ata novembro de 2023, o que facilitou á empresa máis marxe temporal para que saia adiante a obra antes de que caduque o permiso.