Casal de Armán incumpriu unha subvención de Medio Rural cando o agora conselleiro era socio desa adega familiar

O "complexo enoturístico" de Casal de Armán en Ribadavia e sentenza do TSXG que constata que a empresa incumpriu unha subvención de Medio Rural © Foto: Casal de Armán, montaxe Praza Pública

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de facer pública unha sentenza, con data do pasado 14 de xullo, que constata que Bodegas Casal de Armán SL incumpriu as condicións dunha subvención de 47.647,58 euros da Consellería do Medio Rural que lle foi concedida en 2015. A Xunta considerou incumpridos os requisitos en 2017 e declarou a "perda do dereito ao cobro" duns cartos que a empresa non chegou a ingresar. Fíxoo porque tiña "licenza de colleiteiro" e non para a "produción industrial" que realmente realizaba e porque non xustificou correctamente os gastos a que ía dirixida a axuda. A empresa recorreu á xustiza e agora o TSXG ratifica o "incumprimento das condicións da axuda".

O TSXG ratifica que a sociedade na que participaba José González Vázquez cando era deputado do PP xusto antes de entrar na Xunta tiña "licenza de colleiteiro", non para a "produción industrial" que realizaba, e non xustificou ben os gastos da axuda

O actual conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, foi socio "por herdanza" xunto cos seus irmáns de Bodegas Casal de Armán SL, que se define como "empresa familiar", ata 2018, ano en que vendeu a súa participación ao ser nomeado membro do Goberno galego. Antes de ser conselleiro, desde as eleccións galegas de setembro de 2016 era deputado do PPdeG. Segundo sinala a súa consellería a Praza.gal, "non tivo ningún cargo de xestión, administración ou dirección" na empresa familiar. Porén, non aclara se era coñecedor dos incumprimentos cando xa era deputado e seguía sendo socio da firma.

Bodegas Casal de Armán SL está ligada a Casal de Armán SL, que como revelou Praza.gal mantén desde 2015 no "complexo enoturístico" que comparten as dúas firmas en Ribadavia unha estrutura para celebrar banquetes que Patrimonio considerou "ilegalizable" polo seu "tremendo impacto" a carón dunha casa reitoral protexida.

Imaxe recente da estrutura para banquetes e eventos levantada en 2015 en Casal de Armán sen permiso de Patrimonio a carón dunha casa reitoral protexida © Casal de Armán

Segundo o relato dos feitos que realiza a sentenza do TSXG, en xaneiro de 2015 Bodegas Casal de Armán SL presentouse a unha liña de axudas convocada por Medio Rural con fondos europeos para "investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitícolas". En xullo de 2015 a consellería, daquela con Rosa Quintana á fronte, aprobou a solicitude. En xaneiro de 2016 a empresa pide modificar o calendario de execución da axuda e en febreiro a consellería, xa con Ángeles Vázquez á fronte, autorízao e fixa como data límite de execución dos investimentos o 30 de abril de 2017. Ese mesmo mes de febreiro de 2016 a consellería publicaba no DOG as axudas "concedidas" e consignaba para Casal de Armán 47.647,58 euros.

O 28 de abril de 2017, con González Vázquez xa deputado do PPdeG e aínda socio da empresa, Casal de Armán, malia non cumprir os requisitos, solicitou o pagamento da axuda que xa tiña concedida. O 6 de xuño a Xunta requiriu "documentación ausente na solicitude de pago, en concreto o orixinal bancario na conta única para os pagos cos extractos bancarios e licenza de actividade onde se realizaron os investimentos". 

O 13 de xullo houbo unha visita de inspección e constatouse que os investimentos realizáranse. Pero en decembro de 2017 a Xunta considerou incumpridas as condicións da axuda e decretou "a perda do dereito ao cobro da subvención concedida por importe de 47.647,58 euros" por non presentar "orixinal do extracto bancario con todos os movementos realizados na conta única empregada para os pagos nin a licenza de actividade das instalacións onde se realizan os investimentos".

A empresa recorreu á xustiza pero o TSXG dá agora a razón á Xunta. A empresa tamén pedía que, no caso de non ser aceptada na súa totalidade a súa demanda, se tivese en conta o "principio de proporcionalidade" e se ponderasen as causas de incumprimento para que a declaración de perda do dereito ao cobro se fixese "de xeito proporcional".

Sentenza do TSXG que confirma o incumprimento de Casal de Armán das condicións da axuda de Medio Rural porque tiña "licenza de colleiteiro", non para a "produción industrial" que realizaba, e non xustificou ben os gastos da axuda CC-BY-SA Praza Pública

O tribunal constata "dous incumprimentos de condicións básicas" para poder cobrar a axuda, pagamento que Casal de Armán pediu cando González Vázquez xa era deputado do PP e aínda socio da empresa familiar

O tribunal di que "existen dous incumprimentos de condicións básicas que impiden a aplicación de dito principio e iso independentemente da execución das obras ás que se comprometían as axudas".

O TSXG constata "o incumprimento respecto á licenza de actividade en que a documentación achegada era insuficiente a tal fin precisamente polo volume de produción da adega". Un incumprimento para o que considera acreditado o informe emitido en decembro de 2017 polo xefe de servizo de industrias e calidade alimentaria da consellería en resposta a alegacións da empresa no que di que esta "achega unha licenza de colleiteiro que é insuficiente por referirse a adegas de menos de 600 Hl/ano [60.000 litros] e a mercantil recorrente incumpre por exceso" xa que "o investimento se dirixe á creación de 10 depósitos de 10.000 litros cada un" e que é "por tanto unha produción industrial".

Canto á xustificación dos pagamentos, "a inexistencia dunha conta única implica que non se poden cotexar os gastos e se van dirixidos a esa fin", cuestión que o tribunal considera "básica en orde á tutela do destino do diñeiro entregado" e "sen que as alegacións de cambio de entidade bancaria poidan ser xustificantes do incumprimento da Orde [de subvencións] e máis cando resulta en extremo simple a súa acreditación nunha debida contabilidade". A sentenza engade que "do actuado constátase en período probatorio un intercambio de información entre a adxudicataria e a Consellería que non logrou sen embargo cumprir con dita condición".

A argumentación xurídica da sentenza do TSXG remata citando ao Tribunal Supremo: "Quen pretende obter no seu proveito caudais públicos pola vía da subvención debe gardar unha conduta respectuosa coas obrigas, materiais e formais, a cuxo cumprimento se subordina a entrega daqueles, e que a observancia das condicións impostas ha de ser rigorosa".

A sentenza conclúe desestimando a demanda da empresa contra Medio Rural, co que confirma a perda do dereito ao cobro da axuda por incumprimento das súas condicións.

José González Vázquez, conselleiro do Medio Rural, recorrendo un viñedo en Ribadavia nunha imaxe de arquivo de 2019 CC-BY-SA Xunta de Galicia

Medio Rural di que o conselleiro "non tivo ningún cargo de xestión, administración ou dirección" da empresa, pero non responde á pregunta de se era coñecedor dos incumprimentos cando xa era deputado e aínda socio da firma

Ante estes feitos, e dado que José González Vázquez, conselleiro de Medio Rural desde 2018, era socio de Bodegas Casal de Armán SL en 2015, 2016 e 2017, no último ano e medio xa como deputado do PPdeG, este diario formulou varias preguntas á súa consellería: se era coñecedor dos incumprimentos da empresa e da insuficiencia da licenza coa que contaba para a actividade que realizaba, que beneficios obtivo da súa participación empresarial durante os anos 2015-2017 en que estivo vixente a axuda pública como un dereito pendente de cobro, que valoración fai Medio Rural desta vitoria xudicial fronte a demanda da empresa, e se esa firma conta xa coa licenza adecuada á actividade que desenvolve.

A resposta da consellería é que José González "non tivo ningún cargo de xestión, administración ou dirección de Bodegas Casal de Armán SL", e salienta que a axuda foi pedida en xaneiro de 2015, cando aínda non era nin deputado do PP. Porén, nada di, malia que este diario insistiu nese punto, sobre se era coñecedor dos incumprimentos nos anos posteriores, cando xa si era deputado e aínda socio e a empresa solicitou cobrar a axuda malia non cumprir os requisitos.

Medio Rural defende que "a familia dun conselleiro ten todo o dereito a solicitar axudas públicas, ao igual que calquera empresa galega, persoa xurídica ou persoa física. Logo será a administración a que determine e cotexe se a solicitude é cumpridora dos requisitos ou non, como aconteceu no caso mencionado". Nesa liña, Medio Rural di que "dentro deste dereito, Bodegas Casal de Armán SL solicitou -antes de ser deputado autonómico o actual conselleiro- unha subvención que nunca chegou a cobrar, dado que a administración autonómica entendeu que non reunía algún dos requisitos precisos para o seu abono".

"Ante esta situación, a empresa acudiu aos tribunais, que finalmente lle deron a razón á Xunta. Esta situación sucede con toda normalidade en moitos expedientes de subvención, para iso están os controis da Xunta, para dirimir aquelas solicitudes que cumpren e aquelas que non", conclúe Medio Rural.

Casal de Armán e a súa contorna -o Museo do Viño de Galicia atópase no edificio sinalado en amarelo e non no da adega, así sinalado erroneamente por Google-

Antes de entrar na política activa, como inspector de Facenda José González Vázquez, que tamén se presentaba como empresario vitivinícola, foi vogal do Consorcio da Zona Franca de Vigo entre 2009 e 2014 e un dos tres administradores concursais que tivo o Celta durante a súa suspensión de pagos.

Sobre a súa relación coas empresas familiares Praza.gal publicou en 2019 que Casal de Armán viña de iniciar a tramitación urbanística para ampliar as súas instalacións tras abrir a Xunta ao lado, nunha antiga casa reitoral, o Museo do Viño de Galicia. Naquel momento a consellería respondeu a este diario, entre outras cuestións, que para esa ampliación "a empresa non solicitará subvención pública, como tampouco fixo para acometer outras obras que se realizaron nela desde que José González tomou posesión como conselleiro", unha resposta na que nada se di do período previo, cando xa era deputado.

Un ano máis tarde, e tras unha longa investigación con acceso aos arquivos de Patrimonio da Xunta, este diario publicou que Casal de Armán mantén desde 2015 unha estrutura para banquetes "ilegalizable" polo seu "tremendo impacto" a carón da veciña reitoral protexida. Unha actuación para a que non tiña licenza.

Sentenza do TSXG contraria á construción levantada por Casal de Armán CC-BY-SA Praza Pública

Posteriormente, en decembro de 2021 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia rexeitou o intento de Casal de Armán de legalizar ese salón de eventos. E unhas semanas máis tarde, noutra sentenza, tamén rexeitaba o xeito en que a empresa pretendía acometer a demolición, deixando o lugar pavimentado e non no estado natural previo ao levantamento dunha estrutura que hoxe segue empregando e publicitando.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.