A empresa da familia do conselleiro de Medio Rural perde un segundo preito contra Patrimonio, agora sobre como demoler a edificación que explota desde 2015 xunto a unha igrexa protexida, un mes despois de que o TSXG tombase o intento de legalizala
Un mes despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia rexeitase o intento de Casal de Armán de legalizar o salón de eventos que explota desde 2015 xunto a unha igrexa protexida en Ribadavia, o mesmo tribunal emite outra sentenza na que tamén tomba o xeito en que a empresa, da familia do conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, pretendía demoler parcialmente a edificación ilegal e deixar a zona pavimentada. O TSXG avala a decisión do servizo de Patrimonio da Consellería de Cultura de esixirlle que o terreo sexa devolto ao seu estado natural, “con cobertura verde” e non cun lousado de granito como pretendía a empresa.
Tras levantarse en 2015 sen permisos nin municipal nin autonómico un salón de eventos xunto á casa de turismo rural e adega Casal de Armán, a 70 metros da igrexa de Santo André de Campo Redondo e a 20 metros da súa antiga reitoral, hoxe convertida pola Xunta en Museo do Viño de Galicia, a Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura resolveu a “demolición” da construción polo seu “tremendo impacto”. Hai un mes o poder xudicial fixo pública unha sentenza do TSXG do 24 de setembro pasado na que se desestima un recurso da empresa contra a negativa de Patrimonio a legalizar a edificación, e agora vén de facerse pública outra sentenza, dun mes máis tarde, o 22 de outubro, que desestima igualmente outro recurso contra outra decisión do mesmo departamento de non aceptar o xeito en que se propuña “repoñer a legalidade” sen devolver os terreos ao estado previo, “con cobertura verde” por seren previamente horta ou xardín, senón cun lousado de granito.
A orixe deste segundo preito agora resolto polo TSXG está en novembro de 2017, cando tras rexeitar definitivamente a Xunta o intento de legalización da edificación na vía administrativa, e mentres se agardaba polo seu percorrido xudicial, un dos irmáns González Vázquez presentou ante Patrimonio un proxecto de “demolición” ou “desmontaxe” da estrutura e pediu licenza municipal para esa actuación. O 8 de marzo de 2018 Patrimonio rexeitouno porque non só contemplaba a demolición da estrutura senón tamén a pavimentación do lugar que ocupa, lembrando que a zona debía ser restituída ao seu “estado anterior”, cando o chan era de terra e parte estaba ocupado por viñas. Contra esa negativa a empresa presentou un recurso de alzada ante a mesma Consellería de Cultura alegando, entre outras cuestións, que estaba “en conversas” cos técnicos para resolver a situación.
Como xa sucedera cun recurso de alzada previo contra a negativa á legalización, a Xunta non resolveu ata outro ano e medio máis tarde, o 4 de febreiro de 2020, rexeitando o recurso da empresa con amparo, entre outros, nun informe dunha técnica que salientou, fronte ás apelacións a “conversas”, que as actuacións en materia de Patrimonio deben ser un “procedemento regrado”. Ese rexeitamento do recurso de alzada é o que Casal de Armán levou ante o TSXG, que agora resolve avalando a decisión da Xunta.
O tribunal rexeita o argumento da empresa de que a Xunta non tiña competencias e di que o informe de Patrimonio sería sempre "unha condición necesaria" para calquera actuación na zona
No preito a empresa alegou que a Xunta non tiña competencias para pronunciarse sobre a súa proposta de reposición da legalidade nun procedemento que iniciara o Concello de Ribadavia, que o lousado de granito que propuña deixar no lugar estaría en harmonía coa contorna e que xa estaba a tramitar un plan urbanístico para reordenar toda a zona, plan que entre outras cuestións inclúe un “novo restaurante de eventos” que viría substituír noutro emprazamento o salón declarado ilegalizable.
O tribunal, na súa resolución agora feita pública, avala os argumentos da Xunta e remítese en varias ocasións á sentenza emitida un mes antes. Por unha banda, lembra que aínda que o procedemento de reposición da legalidade fose iniciado polo Concello, as actuacións a realizar estarían na contorna de protección dun ben patrimonial, a igrexa de Santo André, e polo tanto o informe de Patrimonio sería sempre “unha condición necesaria”.
“Con bo criterio a administración autonómica pretende que a contorna sexa coherente coa paisaxe rural e cos usos de viticultura que tiñan previamente, por iso rexeita colocar un lousado de granito", di o TSXG para avalar a Patrimonio fronte á empresa
Canto á proposta en si de deixar o espazo en parte cun lousado de granito, o tribunal di que “non deixa de ser a opinión subxectiva da parte recorrente que en relación ás lousas de pedra cre que harmonizan co resto da parcela, se ben por parte da administración se entende en aras da protección do patrimonio cultural que eses terreos se devolvan ao estado previo, en síntese un terreo en estado natural con cobertura verde, como se constata das fotografías existentes nos informes”. A sentenza engade que “con bo criterio a administración autonómica pretende que a contorna sexa coherente coa paisaxe rural e cos usos de viticultura que tiñan previamente, por iso rexeita colocar un lousado de granito, motivación que non parece incoherente, nin tan sequera arbitraria ao protexer a contorna rural dos bens catalogados no ámbito no que se sitúan”.
Por último, sobre a posibilidade de aprobación dun plan urbanístico que reordene a zona, o tribunal constata que a tramitación do documento iniciouse “pero non está aprobado” e non é un plan de protección do patrimonio cultural polo que “non impediría incluso de ser aprobado a necesidade de autorización previa para calquera intervención na contorna dos bens de patrimonio cultural”.
Ese plan urbanístico esgrimido pola empresa e que o TSXG non considera un argumento válido no preito sobre a demolición do salón de eventos foi sometido a exposición pública pola Xunta en outubro de 2019. Cunha solicitude formulada por Bodegas Casal de Armán SL, empresa na que participaba o conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, ata 2018, o denominado Plan Especial de Protección e Dotacións quere ampliar as instalacións sobre solo rústico para, entre outras cuestións, construír un “novo restaurante de eventos”.
José González, que se presentaba como empresario vitivinícola, deixou de ser socio de Bodegas Casal de Armán SL ao pasar de deputado a conselleiro en 2018, pero a edificación ilegal que levantou outra empresa da familia, Casal de Arman SL, conta con orde de demolición desde 2015, un ano antes de ser candidato do PP
Cando hai dous anos Praza.gal revelou esa solicitude para reformar urbanísticamente a zona (con propiedades a nome de Bodegas Casal de Armán SL e de Casal de Armán SL, ademais doutros propietarios), a Consellería de Medio Rural asegurou que, malia afectar a montes catalogados como solo rústico, “o que se está a tramitar neste momento” do proxecto “non require informe” do departamento que dirixe González Vázquez. Medio Rural sinalou que en todo caso “calquera actividade empresarial que se quere desenvolver ten que solicitar os informes sectoriais técnicos pertinentes, uns informes que se emiten sempre por parte de persoal técnico e garantindo sempre a neutralidade e a obxectividade”.
Pola súa banda, fontes próximas a González Vázquez sinalaran a Praza.gal sobre aquela petición que “a familia dun conselleiro ten todo o dereito de mellorar o seu proxecto de negocio, tal e como veu facendo antes de ser deputado o actual conselleiro”. Tamén salientaron que “para efectuar esta futura mellora para a que se solicita arestora informe medioambiental, a empresa non solicitará subvención pública, como tampouco fixo para acometer outras obras que xa se realizaron nela desde que José González tomou posesión como conselleiro”.
En 2019 Casal de Armán comezou a tramitar un plan urbanístico para ampliar as súas instalacións e, entre outras cuestións, construír un “novo restaurante de eventos” que substituiría á edificación ilegal actual
Cando hai un ano este diario tivo acceso ao expediente administrativo de Patrimonio e preguntou novamente polo sucedido en Casal de Armán ao conselleiro de Medio Rural, o seu departamento remitiu o que cualificou como “valoración do conselleiro con información facilitada polo administrador de Casal de Armán”, sen identificar se se refería a Bodegas Casal de Armán SL ou a Casal de Armán SL, empresas as dúas nas que participan outros irmáns seus e con páxinas web que remiten unha á outra respectivamente. Naquela resposta insistíase en que “a instalación á que se refire ten carácter de 'desmontable'”, algo que a xustiza xa rexeitou.
Antes de entrar na política activa, como inspector de Facenda José González Vázquez, que tamén se presentaba como empresario vitivinícola, foi vogal do Consorcio da Zona Franca de Vigo entre 2009 e 2014 e un dos tres administradores concursais que durante a súa suspensión de pagos tivo o Celta, sociedade anónima deportiva controlada por Carlos Mouriño, tamén con intereses no sector vinícola.