A consellería di que está “garantida” a neutralidade da administración sobre un proxecto co que Casal de Armán pide construír en solo rústico e plantar novos viñedos no que hoxe é monte
A adega e establecemento de turismo rural Casal de Armán, propiedade da familia do conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, está a tramitar ante a Xunta o permiso que precisa para ampliar as súas instalacións en Santo André de Campo Redondo, en Ribadavia, para enoturismo. Faino despois de que, tras dúas décadas en xestación, o Goberno galego inaugurase o pasado 19 de xullo o Museo do Viño de Galicia na antiga casa reitoral da parroquia situada ao seu carón, dotación pública que a propia empresa vincula coa ampliación que agora tramita. A Consellería de Medio Rural di que está “garantida” a neutralidade dos informes sectoriais que emita a administración sobre o proxecto de ampliación da adega e fontes próximas ao conselleiro defenden o “dereito” da súa familia a “mellorar o seu proxecto de negocio”.
José González Vázquez era inspector de Facenda cando en 2016 saltou á primeira liña política ao ser elixido deputado do PP no Parlamento de Galicia. Nas súas declaracións de bens como parlamentario reflectiu que era socio de Casal de Armán e propietario de diversos terreos que explota a adega, e el mesmo se presentaba como “empresario vitivinícola”. Esas propiedades e participacións empresariais xa non figuran na declaración que asinou hai un ano tras ser nomeado conselleiro de Medio Rural, e na documentación agora presentada ante a Xunta para avaliar ambientalmente o proxecto que quere desenvolver Casal de Armán identifícase como representante da empresa a un irmán.
O proxecto contempla un "novo hotel", un "novo restaurante de eventos" e unha adega soterrada, ademais de novos viñedos en montes lindeiros ocupados agora por acacias invasoras ou piñeiros
A intención de Casal de Armán, segundo a documentación a exposición pública, é construír unha nova adega soterrada de 3.800 metros cadrados á que trasladar as súas instalacións de produción de viño liberando así espazo no resto do recinto actual para dedicalos a enoturismo, cun “novo hotel” de 750 metros cadrados que aumente as actuais seis habitacións con que conta o complexo e un “novo restaurante de eventos” de 1.200 metros cadrados no que dar servizos de banquetes e vodas como os que xa vén ofrecendo ata agora nunha estrutura prefabricada. O proxecto tamén contempla varias fases de plantación de novos viñedos en diversos terreos lindeiros coa adega que actualmente son monte sen cultivar ocupado maioritariamente por acacias invasoras ou piñeiros.
A propia empresa sinala que o proxecto melloraría a súa competitividade e que "a existencia do Museo do Viño produce un efecto sinérxico no sector"
A propia empresa sinala na documentación que o proxecto suporía unha “mellora directa da competitividade de Casal de Armán e indirectamente da Denominación de Orixe O Ribeiro. Ademais a existencia próxima do Museo do Viño de Galicia produce un efecto sinérxico no sector”. Ese museo, ao que Casal de Armán prevé que poida dar servizo tamén o novo aparcamento da adega que se inclúe no proxecto agora en tramitación, foi inaugurado o pasado 19 de xullo polo presidente Feijóo na antiga casa reitoral de Santo André de Campo Redondo, lindeira coa adega, tras un longo proceso de xestación.
O Museo do Viño de Galicia, representante das cinco denominacións de orixe do país, foi emprazado na pequena aldea de Santo André de Campo tras a cesión hai máis de dúas décadas por parte da Diocese de Ourense da casa reitoral de Santo André para a instalación dese centro expositivo. As primeiras actuacións de restauración do edificio non se realizarían ata 2005, pero quedaron incompletas e non se retomaron ata 2015. Finalmente foi a finais de 2017 cando a Consellería de Cultura contratou o proxecto expositivo, cun prazo de execución máximo de seis meses que non impediu que a apertura do museo volvese adiarse novamente, ata que finalmente foi inaugurado o pasado 19 de xullo por Feijóo, acompañado polo Conselleiro de Medio Rural.
Medio Ambiente "consultará ás administracións públicas afectadas" por un proxecto que afecta a solo rústico e Medio Rural salienta que "os informes sectoriais se emiten sempre por parte de persoal técnico e garantindo sempre a neutralidade”
O proxecto de enoturismo da súa adega lindeira co museo que agora impulsar Casal de Armán, baixo a figura legal dun Plan Especial de Protección e Dotacións, afecta a solo rústico, no que están permitidas instalacións turísticas con permisos específicos como o que agora tramita. Na actual fase de avaliación ambiental a documentación está a exposición pública para que calquera particular formule as alegacións que considere e a lei establece que posteriormente a Consellería de Medio Ambiente determinará se o proxecto é viable e con que cautelas ou modificacións tras consultar ao resto de administracións públicas afectadas, que deben emitir os seus correspondentes informes sectoriais.
“A familia dun conselleiro ten todo o dereito de mellorar o seu proxecto de negocio, tal e como veu facendo antes de ser deputado o actual conselleiro”
Malia que o propio acordo co que Medio Ambiente iniciou a tramitación ambiental do proxecto sinala que esa consellería “consultará ás administracións públicas afectadas”, e que o proxecto contempla a ocupación de monte por viñedos e movementos de terras en solo rústico con diversas proteccións, entre elas agrogandeira, a Consellería de Medio Rural asegura que “o que se está a tramitar neste momento” do proxecto “non require informe” do departamento que dirixe González Vázquez. Medio Rural sinala que en todo caso “calquera actividade empresarial que se quere desenvolver ten que solicitar os informes sectoriais técnicos pertinentes, uns informes que se emiten sempre por parte de persoal técnico e garantindo sempre a neutralidade e a obxectividade”.
Pola súa banda, fontes próximas a González Vázquez sinalan a Praza.gal que “a familia dun conselleiro ten todo o dereito de mellorar o seu proxecto de negocio, tal e como veu facendo antes de ser deputado o actual conselleiro”. Tamén salientan que “para efectuar esta futura mellora para a que se solicita arestora informe medioambiental, a empresas non solicitará subvención pública, como tampouco fixo para acometer outras obras que xa se realizaron nela desde que José González tomou posesión como conselleiro”.