Prezada amiga, prezado amigo de Praza.gal:
Cada ano pola primavera a Fundación Praza Pública, editora de Praza.gal, comparte coas socias e socios do xornal -primeiro- e coa audiencia en xeral -despois- un resumo das contas económicas do ano previo, en aplicación da súa política de transparencia. Son as contas que sustentan o traballo xornalístico de Praza e, ao cabo, as contas que nos permiten contar o que contamos.
No ámbito dos ingresos, durante 2024 incrementouse un chisco a partida de achegas das socias e socios, ata achegarse aos 50.000 euros. Pero non o fixo na mesma medida en que diminuíu a dos ingresos por publicidade, un mercado cada vez máis complexo, cambiante e inestable no que non todas as accións previstas puideron concretarse, fundamentalmente por mudanzas nos plans dalgúns anunciantes.
Durante 2024 incrementamos un chisco a partida de achegas das socias e socios, pero non na mesma medida en que diminuíron os ingresos por publicidade, un mercado cada vez máis complexo que no caso galego está, ademais, moi condicionado por grandes contas institucionais
No caso galego o mercado publicitario está, ademais, especialmente condicionado por grandes contas institucionais ás que Praza.gal non sempre ten acceso. E, máis aínda, por unha desigual política de axudas e insercións publicitarias dalgunhas das principais administracións do país, que continúan a distorsionar o peso real de cada medio sen ter en conta aspectos como a súa difusión real, pero tamén outros coma os dereitos laborais ou o uso da lingua galega. Ou que mesmo vetan o acceso ás escasas liñas de axudas en concorrencia competitiva a medios editados por unha entidade sen ánimo de lucro como a Fundación Praza Pública; a recente orde publicada pola Secretaría Xeral de Medios para 2025 é outra proba disto último.
Ambos factores confluíron no exercicio en que, como vos vimos contando, consolidamos o sexto posto do equipo da redacción de Praza.gal, co consecuente incremento dos fondos destinados a persoal, a principal partida de gasto das nosas contas. Mentres, o resto de gastos (xestión, mantemento) mantivéronse estables ou experimentaron incrementos pouco relevantes.
Un esforzo adicional imprescindible
Como amosa o cadro baixo estas liñas, o resultado final da Fundación Praza Pública no exercicio 2024 foi negativo en 8.556 euros. A editora do xornal contou coa capacidade para asumir estas perdas, pero a súa asunción fai imprescindible un esforzo adicional. A comezar polo equipo da propia Fundación na captación de recursos e a seguir pola comunidade de socias e socios.
No que atinxe á comunidade de socias e socios coma ti, necesariamente deberamos incrementala pola vía cuantitativa, con novos membros. Quen xa estades podedes contribuír a ese obxectivo sendo os nosos altofalantes entre as vosas amizades e contactos.
Pero o incremento debera ser tamén cualitativo, na medida do posible. Por iso, outra volta, queremos lembrarche que se puideres, faríanos moito ben que ampliases a túa cota de socia ou socio. Se decides facelo, tramítao como unha nova alta nesta ligazón. Deste xeito, o noso sistema xa substituirá a túa antiga conta por unha nova.
A finalidade destas accións, dende o traballo da Fundación no ámbito publicitario ao chamamento ás socias e socios é evitarmos que o que é -nin máis, nin menos- unha situación axustada derive noutra de indesexables dificultades e consecuencias. E, sobre todo, asegurarmos que o proxecto de Praza Pública pode seguir medrando como ata agora, sobre bases seguras e independentes.
O resultado negativo de 2024 obriga a un esforzo adicional ao equipo da Fundación, tamén no referido á comunidade de socias e socios. Para evitarmos que o que -nin máis nin menos- é unha situación axustada derive noutra de indesexables dificultades e consecuencias. E, sobre todo, para asegurar que o proxecto pode seguir medrando sobre bases seguras e independentes
O 2024 foi outro ano moi intenso informativamente. Os nosos datos de tráfico así o acreditaron. Así sucedeu malia aos atrancos alleos a Praza.gal, como a política e continuas mudanzas dalgunha das principais redes sociais cara aos medios de comunicación, lastrando a difusión de contidos informativos.
Estes e outros motivos, como á primacía de grandes plataformas transnacionais no mercado publicitario, non fan máis que fortalecer a nosa aposta comunitaria polas socias e socios como chave do futuro de Praza.gal. O apoio da comunidade é, ao cabo, a mellor garantía de podermos editar cada día un xornal plural e en galego e de facelo cun cadro de persoal estable en condicións laborais dignas que poida traballar sen temor ás presións.
Como sabes, as túas achegas son doazóns á Fundación Praza Pública. Por iso, ata o 80% nos primeiros 250 euros que achegues a entidades como a nosa vanche vir de volta na declaración da renda. Por exemplo, unha cota mensual de 10 euros queda nun gasto real de 2 euros. Nesta táboa tes un resumo e nesta ligazón, unha explicación máis detallada
IRPF | Exercicio 2024 e seguintes |
Primeiros 250€ | 80 % |
Restantes >250 € | 40 % |
Doazóns plurianuais >250€ | 45 % |
Límite dedución base liquidable | 10 % |
Coma sempre, quedamos ao teu dispor para calquera aclaración que vexas precisa. Agradecemos, asemade, calquera comentario ou suxestión que queiras formular a respecto do traballo que desenvolvemos na Fundación Praza Pública e na redacción de Praza.gal e das posibles vías de mellora no mesmo.