Témosvos a vós

Titulares de contidos inseridos por Altri en diversos xornais identificando como "loiadas" diversas críticas ao proxecto e bandeira contra a súa instalación, nunha manifestación CC-BY-NC-SA Praza.gal

Comunicación recibida polas socias e socios de Praza.gal o 31/3/2025

Prezada amiga, prezado amigo de Praza.gal:

Como ben sabes e vimos contando dende hai tres anos, o proxecto de Altri e Greenalia para instalar a súa factoría de celulosa soluble e fibras téxtiles lyocell fabricadas a partir deste produto está a marcar gran parte do debate político e social no noso país. Máis aínda dende que a Xunta, que promoveu o proxecto a través da sociedade público-privada Impulsa Galicia, lle deu o primeiro visto e prace ambiental.

Este mesmo luns podedes ler en Praza.gal como un dos múltiplos terreos nos que se está a xogar esta pugna política, económica e social é o da comunicación. Especialmente dende que a empresa optou por combinar as mensaxes iniciais sobre as bondades económicas e medioambientais que, defende, tería a súa fábrica con outras máis duras como identificar con mentiras o groso das críticas que recibe. Sobre todo, a medida que gañan dimensión as mobilizacións na súa contra

A postura de Praza sobre o proxecto de Altri ficou explicitada nun editorial ao respecto, o cal non implica silenciar no tratamento informativo as voces favorables a que a fábrica acabe construíndose

A, en sentido amplo, posición política de Altri viñerámola coñecendo a través dalgunha comparecencia pública e, sobre todo, a través dos comunicados e documentos remitidos ao conxunto de medios dende a consultoría experta en comunicación, márketing e imaxe de marca que a empresa contratou para acompañar a súa chegada a Galicia. Pero, en datas máis recentes, ao que non deixa de ser un procedemento do máis habitual en múltiplas iniciativas empresariais engadiuse a publicación, pola vía dos contidos patrocinados en diversas cabeceiras, desas mensaxes que reducen a loiadas e trolas -"bulos", no orixinal- gran parte das posturas contrarias aos intereses da multinacional.

Praza.gal non recibiu ata agora oferta ningunha para publicar ningún deses contidos. A postura sobre este proxecto do xornal e da nosa editora, a Fundación Praza Pública, ficou explicitada nun editorial ao respecto e consideramos que, no caso de recibila, sería incompatible coa mesma. O cal, obviamente, non implica silenciar no tratamento informativo as voces favorables a que Altri acabe construíndo a súa fábrica en Palas de Rei.

Alén disto, a conxuntura convídanos a unha reflexión que cremos pertinente compartir contigo, como socia ou socio de Praza.gal. Editorialmente non somos contrarios, por definición e sen excepcións, á fórmula do contido patrocinado. As páxinas de Praza.gal e VINTE son boa mostra disto: contamos coa colaboración de diversas empresas e institucións para varios proxectos. Sempre que o facemos esa colaboración é explícita e, sobre todo, compatible coa nosa liña editorial.

Os límites que consideramos razoable impoñernos á hora de aceptar ou rexeitar esta crecente fórmula de ingresos publicitarios -as marcas e as institucións prefírena cada vez máis sobre as insercións publicitarias tradicionais- son e queremos que sigan sendo un dos emblemas de Praza.gal. Pero tamén son unha limitación económica que nos sitúa en desvantaxe a respecto doutras cabeceiras da nosa contorna.

Nun contexto no que esta fórmula publicitaria é cada vez máis frecuente, en máis dunha ocasión renunciamos a ingresos que serían importantes ao considerarmos que un contido patrocinado ao que teríamos acceso contravén os nosos principios editoriais. Pero témosvos a vós, as socias e socios

En máis dunha ocasión renunciamos a ingresos que serían importantes para nós ao considerarmos que un contido patrocinado ao que teríamos acceso contravén o principios editoriais de Praza. Pero témosvos a vós, as socias e socios. Como vimos sinalando nas últimas semanas, hai moitas informacións que nunca verían a luz en Praza.gal sen o voso apoio. Pero, aínda máis, sodes o único garante de non termos que contemplar opcións publicitarias como as que estamos a comentar sen arriscar a viabilidade presente e futura do xornal.

Non por sabido é menos importante lembralo. Porque, como podedes comprobar nos resumos das nosas contas que anualmente publicamos -en breve divulgaremos as de 2024-, o certo é que as achegas das socias e socios aínda non cobren, nin de lonxe, o noso orzamento de gastos, composto esencialmente polas nóminas da redacción.

De aí a importancia de sumarmos novas socias e socios. Quen xa estades podedes contribuír a ese obxectivo sendo os nosos altofalantes entre as vosas amizades e contactos. Tamén, se che fose posible, faríanos moito ben que ampliases a túa cota de socia ou socio. Se decides facelo, tramítao como unha nova alta nesta ligazón. Deste xeito, o noso sistema xa substituirá a túa antiga conta por unha nova.

Como sabes, as túas achegas son doazóns á Fundación Praza Pública. Por iso, ata o 80% nos primeiros 250 euros que achegues a entidades como a nosa vanche vir de volta na declaración da renda. Por exemplo, unha cota mensual de 10 euros queda nun gasto real de 2 euros. Nesta táboa tes un resumo e nesta ligazón, unha explicación máis detallada.

IRPFExercicio 2024 e  seguintes
Primeiros 250€ 80 %
Restantes >250 € 40 %
Doazóns plurianuais >250€ 45 %
Límite dedución base  liquidable 10 %

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.