Unha mobilización histórica. A Pobra do Caramiñal desbordou este sábado en protesta contra o proxecto de Altri en Palas de Rei. Por mar, con centos de embarcacións malia os efectos da borrasca Martinho, e por terra con milleiros de persoas chegadas de toda Galicia. Tantas que desde tempo antes do inicio da marcha as vías de entrada á vila quedaron colapsadas —con ringleiras de vehículos de varios quilómetros— pola elevada afluencia de xente que acudiu á chamada contra a planta de celulosa e tamén contra a mina de Touro a pesar da chuvia.
Ata 50.000 persoas segundo a organización e unhas 600 embarcacións uníronse nunha marcha que fora convocada antes de que a Xunta fixese pública a autorización ambiental a Altri, un aval que incrementou a súa oportunidade e, ben seguro, o poder de convocatoria. Milleiros ateigaron A Pobra acudindo ao chamado da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), convocante dunha marcha apoiada tamén pola pola Plataforma Mina de Touro-o Pino NON e a Plataforma Ulloa Viva.
"É máis que probable que Altri teña licenza administrativa; o que é 100% seguro é que non ten licenza social", di Pilar Naveira, de Ulloa Viva
"Imos parar estes dous proxectos claramente contaminantes e que hipotecan o futuro do río Ulla e da ría de Arousa", advertiu Xaquín Rubido, portavoz da PDRA, xa antes dunha mobilización masiva que considera "a expresión de unidade do movemento social na terra e no mar". Ademais, reclamou a dimisión do conselleiro do Mar, Alfonso Villares; da de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez; e mais da de Economía, María Jesús Lorenzana. "A Xunta debe cambiar de rumbo e o presidente Rueda é o responsable", engadiu.
Pola súa banda, a presidenta de Ulloa Viva, Pilar Naveira, asegurou que é "máis que probable" que o proxecto de Altri teña "licenza administrativa". "O que é 100% seguro é que non ten licenza social", advertiu antes dunha manifestación que encheu as rúas á beira do porto na Pobra.
Pouco despois, milleiros de persoas marchaban reclamando a dimisión de Rueda, advertindo que "Altri mata, a mina remata" ou que "se é tan boa, que a fagan en Lisboa". Riadas de xente baixo un manto de paraugas, unha evocación inevitable á histórica manifestación polo Prestige de hai máis dunha década.
A mobilización chegou só unha semana despois de que Arzúa, Agolada, Palas de Rei, Antas de Ulla, Monterroso, Melide, Agolada, Santiso ou Pontevea acolleran concentracións de protesta así que se coñeceu o visto e prace ambiental por parte do Goberno galego ao proxecto de Greenfiber. E apenas tres meses despois de que unha gran marcha ateigase a praza do Obradoiro en Compostela advertindo á Xunta de que "non pode calar todo un país".
Non será todo un país pero é moita xente que se suma ao rexeitamento e a unha mobilización constante que segue a espallarse en Galicia. Non só xeograficamente, senón polos ámbitos sociais, culturais e cidadás que se suman á protesta contra unha macroplanta que depende agora da decisión do Goberno central respecto á súa candidatura a fondos europeos e a superar os requisitos medioambientais que poña a UE.
Precisamente, os organizadores destacan que a marcha deste sábado na Pobra é tamén "unha chamada de atención e a reclamación ao Goberno de España para que non facilite o financiamento público nin do Estado nin da Unión Europea”.
"Na defensa do noso mar e da nosa terra". Foi un dos lemas dunha mobilización que xuntou centos de embarcacións de toda a ría arousá malia un forte temporal que non impediu que milleiros de persoas percorresen as rúas da Pobra desde a estación de autobuses ata o porto, onde se uniron á marcha marítima. Contra Altri, pero tamén contra a mina de Touro, outro polémico proxecto industrial que hai anos que suma rexeitamento nas comarcas máis próximas.
Pontón pide a Rueda que "rectifique" e Besteiro denuncia a "gran mentira" do proxecto de Altri
Foron moitas as reivindicacións e as continuas peticións ao Goberno galego para que dea marcha atrás ao proxecto de Greenfiber. Así o reclamou Carlos Blanco, un dos condutores da parte final do acto, que rematou coa lectura dun manifesto. O actor pediu á Administración que "rectifique". "Non pasa nada, rectificade. Viviremos máis tranquilos coa Ulloa viva, co río Ulla, e busquemos unha saída para as nosas rías, que están moi enfermas, que non producen", dixo acompañado de Isabel Risco e Quico Cadaval.
Foi antes de que os milleiros de asistentes fixesen un silencio para escoitar as bucinas das embarcacións que se unían ás demandas desde o mar, nunha imaxe impactante por masiva.
A Xunta responde á manifestación reducíndoa a "comunismo do século XXI" e a un intento "de que os galegos "teñan menos industria e sexan máis pobres"
"Nen mina, nen Altri", rezaba a pancarta que lideraba unha marcha á que se uniron a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. A líder nacionalista pediu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que "rectifique" e "escoite a inmensa marea que di Altri non, Galicia si", mentres que o líder dos socialistas denunciou a "gran mentira" do proxecto e do PPdeG: "Non é un proxecto sostible".
"O PPdeG, cando se trata de Galicia, só acerta cando rectifica. Rueda, en vez de criminalizar a quen se mobiliza e desprestixiar as persoas que participan nesta mobilización, debe escoitar o clamor social que hai en Galicia contra Altri", dixo Pontón. "Se Altri é tan boa, por que non a queren en Portugal?", preguntouse, que lembrou que "en 1963, Franco impuxo Ence a Pontevedra". "En 2025, Rueda quere impoñernos Altri na comarca da Ulloa, contaminando a ría de Arousa", advertiu.
Besteiro, pola súa banda, cre que o proxecto "non encaixa" no modelo produtivo de Galicia, "no futuro" que a cidadanía quere para o país. "É unha gran mentira", dixo, sinalando que o que se formulou como un proxecto sostible, "como unha factoría de fibras biotecnolóxicas, ao final soubemos que é unha gran macrocelulosa".
Altri pide "rigor", di que o proxecto "non cambiou desde a súa orixe" e asegura que "non alterará o estado do Ulla nin da ría de Arousa"
Mentres, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenza, reduciu a protesta na Pobra a "comunismo do século XXI" e censurou que Besteiro lle estivese "soportando a pancarta a Ana Pontón". "Como lle pesa moito, xa están el e todos os demais líderes socialistas axudándoa", engadiu.
Ademais, asegurou que as mobilizacións "están lideradas e animadas por parte do BNG, nada novo baixo o sol", tras acusar aos impulsores das protestas de "axitación das masas" e "desinformación", de "loitar para que Galicia teña menos industria, para que os galegos sexan máis pobres e, polo tanto, menos libres".

A empresa, pola súa parte, pediu "rigor". Nun comunicado, Greenfiber asegura que a fábrica de Palas de Rei "non cambiou desde a súa orixe", que "só fabricará fibras para a industria téxtil sostible" e que "non alterará o estado do río nin da ría de Arousa".
"O ditame favorable da DIA dá respostas a todas as inquedanzas sobre a súa viabilidade ambiental e impacto social y económico positivo. Todo o demais son bulos", asegurou Olga Arias, directora de Recursos Humanos e de Relacións Institucionais de Altri.
Manifestación contra Altri e a mina de Touro na Pobra do Caramiñal
-
Manifestación contra Altri e a mina de Touro na Pobra do Caramiñal -

Ana Pontón, na manifestación contra Altri e a mina de Touro na Pobra do Caramiñal -
Besteiro, na manifestación contra Altri e a mina de Touro na Pobra do Caramiñal -
Manifestación contra Altri e a mina de Touro na Pobra do Caramiñal -
Manifestación contra Altri e a mina de Touro na Pobra do Caramiñal -
Manifestación contra Altri e a mina de Touro na Pobra do Caramiñal -
Manifestación contra Altri e a mina de Touro na Pobra do Caramiñal -
Manifestación contra Altri e a mina de Touro na Pobra do Caramiñal -
Manifestación marítima contra Altri e a mina de Touro na Pobra do Caramiñal -

Milleiros de paraugas na manifestación contra Altri e a mina de Touro na Pobra do Caramiñal -
Manifestación por mar e terra contra Altri e a mina de Touro na Pobra do Caramiñal -
Manifestación contra Altri e a mina de Touro na Pobra do Caramiñal