A consolidación do subdirector que asinou a declaración ambiental de Altri axita a controversia do proxecto

As conselleiras de Medio Ambiente e Economía, Ángeles Vázquez e María Jesús Lorenzana, na presentación da DIA de Altri, o 14 de marzo de 2025 CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

A pasada semana a Xunta fixo pública a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) coa que, agregando unha serie de condicións sobre o proxecto inicial, deu luz verde neste ámbito aos plans de Altri e Greenalia para erguer a súa fábrica de celulosa e fibras téxtiles en Palas de Rei. O documento, publicado no Diario Oficial de Galicia o 14 de marzo, fora asinado o día 5 do mesmo mes pola directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Xunta, María José Echevarría, e o subdirector xeral de Avaliación Ambiental, Alejandro Carrera.

O feito de que figurasen dúas sinaturas nesa DIA foi observado como un elemento relativamente rechamante en fontes coñecedoras deste tipo de procedementos. Fundamentalmente, polo feito de que a directora xeral, Echevarría, adoptou dende a súa chegada ao cargo a dinámica xeral de asinar en solitario estas declaracións de impacto ambiental asumindo así de facto, argumentara, a responsabilidade sobre o labor dos demais cargos e técnicos xerarquicamente subordinados ao seu posto.

Convocatoria da subdirección xeral de Avaliación Ambiental polo sistema de libre designación, no DOG deste 18 de marzo CC-BY-NC-SA Praza.gal

Pero na DIA de Altri figurou tamén a sinatura do subdirector, como acontecera en períodos anteriores á chegada da actual directora xeral. O nome de Carrera, inédito na esfera pública e no tirapuxa partidario -como acontece coa práctica totalidade dos subdirectores xerais e cargos de rango semellante- volveu aos ruxerruxes da política galega este pasado martes. Fíxoo a conta da publicación no DOG dunha orde ditada o pasado 10 de marzo pola conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, na que convoca a provisión, polo sistema de libre designación, do cargo de subdirección xeral de Avaliación Ambiental.

Medio Ambiente encadra no procedemento "habitual" que o subdirector de Avaliación Ambiental pase de exercer o posto en comisión de servizos a facelo "con carácter definitivo" pola vía da libre designación, o que propiciará que consolide o nivel máis alto na carreira funcionarial

A preguntas de Praza.gal, a Consellería confirma que Alejandro Carrera estaba a exercer este posto en comisión de servizos, unha figura legal que permite que o persoal funcionario cubra temporalmente -ata dous anos- un posto que non é o seu "en caso de urxente e inaprazable necesidade" se cumpre certas condicións fixadas pola Administración, que a efectos prácticos cobre a praza discrecionalmente. É un procedemento "habitual", agrega unha fonte oficial do departamento, que as vacantes en subdireccións xerais sexan cubertas inicialmente por esta vía para, posteriormente, facelo "en réxime de libre designación".

Esta vía, a da libre designación, é formalmente unha "convocatoria pública" na que a Administración ten a facultade de aplicar a "apreciación discrecional" da "idoneidade dos candidatos" e elixir o persoal funcionario que considere oportuno entre todas as persoas que se presenten. Neste caso concreto, Alejandro Carrera ten a obriga de participar no proceso para non perder a comisión de servizo e se gaña a libre designación, ficará nel "con carácter definitivo" ata que haxa unha decisión política en sentido contrario. Cando isto suceda, manterá o rango de funcionario de nivel 30 por exercer máis de dous anos un posto dese rango, o máximo posible na Administración e seis por riba do que obtivo ao gañar en 2022 a súa praza definitiva no corpo superior da Administración Xeral como técnico instrutor en formación ocupacional en Ourense.

Declaración de impacto ambiental ditada pola Xunta para Altri

No seo da actual oposición parlamentaria interprétase esta consolidación en clave de "premio" a Alejandro Carrera polo seu papel na declaración de impacto ambiental de Altri, toda vez que se dá por absolutamente seguro que a libre designación será gañada por el. A Consellería, pola súa banda, encadra este procedemento na normalidade á hora de prover un posto coma este, sen outras implicacións a respecto de Carrera López, que anteriormente exercera labores como a xefatura do Departamento de Xestión Administrativa da Axencia Galega da Industria Forestal.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.