As dúbidas sementadas polo PP sobre a muller e o irmán de Pedro Sánchez son contestadas desde BNG e PSOE con esixencia de explicacións sobre as relacións coa Xunta da irmá, a curmá, a parella e o cuñado do ex-presidente galego
Micaela Núñez Feijóo traballa para o grupo Eulen desde 2003 e desde 2016 é directora para o noroeste peninsular dese conglomerado empresarial, presente en varios países con máis de 75.000 empregados e 1.700 millóns de euros en ventas en 2023.
Eolína Núñez Masid, médica de carreira, comezou a ocupar postos de xestión no Sergas en 1996 e en 2009 foi nomeada xerente do complexo hospitalario de Ourense, do que pasaría á xerencia do de Santiago ata o pasado maio.
Eva María de Cárdenas Botas foi directora de Zara Home ata 2018, cando deixou o cargo para dedicarse ao sector inmobiliario e ser durante ano e medio, entre finais de 2020 e o verán de 2022, asesora do grupo Sargadelos.
As tres son profesionais con traxectoria previa a que o seu irmán, curmán ou parella, Alberto Núñez Feijóo, chegase en 2009 á presidencia da Xunta. Pero a decisión de Feijóo de poñer o foco na familia de Pedro Sánchez, coa muller ou o irmán do presidente do Goberno de España como supostos beneficiarios de tratos de favor por parte de administracións controladas polos socialistas, vén de situar tamén á propia familia do ex-presidente galego no centro da polémica.
Feijóo propiciou que as forzas da oposición galega elevasen o limiar da sospeita sobre contratos, ligazóns e adxudicacións que ata agora foran obviadas ou pasaran sen maior análise ao seren vistas como xustificadas por traxectorias profesionais previas das familiares do ex-presidente
BNG e PSdeG reclaman investigar no Parlamento de Galicia numerosos contratos públicos, diversas relacións e adxudicacións que ata agora foran obviadas ou pasaran sen maior análise política ou mediática ao seren vistas como xustificadas por traxectorias profesionais e empresariais anteriores. Pero, coa vara de medir do propio Feijóo, entran na categoría de sospeitosas. Dúbidas que á marxe de cifras concretas xa están asentadas no debate político e mediático a nivel equivalente ás sospeitas sobre a familia de Sánchez.
O limiar da sospeita elevouno Feijóo sucesivamente asegurando que a súa familia nunca faría o que el atribúe á familia de Sánchez. Como cando o pasado abril, nunha entrevista en Onda Cero, foi preguntado sobre se pediría á súa parella que deixase de traballar se el chega a ser presidente do Goberno de España. "Non, evidentemente, agora ben, o que si lle vou pedir é que se ten sponsors para facer o seu traballo, e resulta que eses sponsors son posteriormente adxudicatarios da Administración Pública, iso non llo vou consentir", dixo Feijóo, para engadir que a súa parella "xamais o faría, é unha diferenza fundamental".
Con esta rigorosidade tratan agora PSOE e BNG, tamén nas Cortes Xerais, as relacións de diversos familiares de Feijóo coa Xunta que el presidía. Unha nova lupa coa que queren analizar as contratacións da administración galega con Eulen, máis de 54 millóns de euros desde 2009, segundo contabilizou o diario Público. Contratacións entre as que habería expedientes planificados desde a xerencia sanitaria de Santiago durante a época de Eloína Núñez. Ou máis de 1.300 contratos de adxudicación directa que suman 4,8 millóns de euros, segundo O Salto Galiza. E iso só a empresas do grupo coa denominación Eulen no nome, sen contar outras con outras denominacións.
Nacionalistas e socialistas poñen no albo contratos con Eulen, onde traballa a irmá do líder do PP, ou en que a compañía que ten como director comercial ao seu cuñado foi a principal adxudicataria dos contratos COVID do Goberno galego
No eido sanitario tamén poñen o foco en que a principal adxudicataria de contratos de emerxencia durante a pandemia, con máis de 11 millóns de euros, foi Universal Support, empresa de telemarketing coa que a Xunta contratou durante meses os servizos de rastrexo telefónico de contactos da COVID-19. Nesa empresa o director comercial é Ignacio Cárdenas, irmán da parella de Feijóo. A segunda empresa con maior contratación de emerxencia, Mape Asesores, mercou parte do material que importou da China a unha empresa catalá, FCS, que tiña como intermediario á parella da presidenta madrileña Isabel Díaz Ayuso. Nesas contratacións pola pandemia o Consello de Contas non detectou ningún indicio de delito pero si numerosas irregularidades.
Pola súa banda, a traxectoria profesional de Eva Cárdenas desenvolveuse fundamentalmente en Inditex, empresa que pola súa importancia para a economía galega sempre foi ben tratada polos sucesivos gobernos galegos. Cando deixou Zara Home, Eva Cárdenas foi durante ano e medio asesora de Sargadelos, tempo durante o cal a Xunta evitou especialmente tomar decisións que puidesen ser interpretadas como axudas a esa empresa. De feito, a mesma Xunta que en outubro de 2020 decidía entrar no padroado da Fundación Sargadelos, vinculada á empresa de cerámicas, co argumento de que permitiría "reactivar o legado cultural de máximo nivel dunhas das firmas máis simbólicas do país", saía do mesmo apenas dous meses despois, coincidindo coa entrada de Cárdenas como asesora.
Durante o tempo en que Cárdenas foi asesora de Sargadelos a Xunta escapou da empresa e da súa fundación, pero si aprobou investimentos na contorna histórica que ocupa a fábrica en Cervo, o que indirectamente beneficiou a imaxe da empresa alí asentada contribuíndo a atraer visitantes e clientes: unha urbanización da contorna por 48.000 euros e unha musealización por 35.000 euros en 2021 e outros 35.000 en 2022.
Co inicio do curso político o BNG e o PSdeG no Parlamento e o PSOE no estatal queren virar o foco que Feijóo leva anos poñendo sobre eles
Neste contexto, co inicio do curso político o BNG e o PSdeG no Parlamento de Galicia e o PSOE no estatal queren virar o foco que Feijóo leva anos poñendo sobre eles. Tras non lograr fiscalizar no seu momento os contratos da Xunta con Marcial Dorado, perdidos parte deles nunha suposta inundación, agora reclaman poder analizar os relacionados con familiares de Feijóo.
Para iso teñen varias posibilidades. O BNG podería aprobar por si só unha comisión de investigación política no Parlamento, xa que conta co número de escanos suficientes para poder facelo en solitario. Pero nunha única ocasión en toda a lexislatura que acaba de comezar, o que o leva a ser cauto á hora de empregar esa bala de prata sobre a que, en todo caso, o PP conservaría o control, xa que unha vez aprobada a comisión, todas as decisións que tome dependen do visto e prace da maioría absoluta dos conservadores. Alén disto, nacionalistas e socialistas contan cos mecanismos parlamentarios habituais en forma de preguntas ou peticións de documentación.
O PP considera "noxento" e "machista" que o BNG cuestione o nomeamento da directora de Calidade Ambiental da Xunta por ser "compañeira do director de Ence para Galiza". O limiar da sospeita fixado por Feijóo non operaría neste caso
Sexa como for, esta mesma semana os populares xa ofreceron mostras de cal será a súa resposta ao respecto. Retando ao BNG a constituír unha comisión de investigación sobre o que considere porque, di o seu voceiro parlamentario, Alberto Pazos, non atoparán irregularidade ningunha. Ou descualificando o vicevoceiro do Bloque como "machista" por criticar que, dende esta semana, a dirección xeral de Calidade Ambiental da Xunta estea dirixida por María José Echevarría. Luís Bará censurou o nomeamento como "escandaloso" por ser Echevarría "a compañeira do director de Ence para Galiza", o que ao seu xuízo acredita "conivencia" entre o Goberno galego e a empresa.
Segundo o PP, esas son unhas "noxentas declaracións machistas" porque implican "pensar no sometemento e na obediencia debida das mulleres aos homes" e "menosprezar a competencia e o currículo profesional" da alto cargo e, daquela "carecen de sentido na sociedade actual". O limiar da sospeita de Feijóo, daquela, non operaría neste caso.